A gasolina xa está no prezo máis barato do ano, e baixando: en estacións 'low cost' xa está preto dos 1,30 euros

O vicepresidente da Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes), Julio López, asegura que "hai moita oferta de produto e a demanda está a resentirse", o que é "unha boísima nova para os gasolineiros" e "trasládase aos monolitos con prezos moi baixos e descontos de ata 40 céntimos por litro en certas operadoras".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/12/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Dende que estalou a guerra de Ucraína vai facer xa dous anos, a estabilidade no prezo dos combustibles rompeuse por completo. Ese primeiro ano tras a guerra, é dicir, 2022, foi un verdadeiro pesadelo: os monolitos non paraban de cambiar os números dun día para outro e os prezos non paraban de ascender, chegando a superar os dous euros. Este 2023 a cousa non foi tan acusada, pero tampouco estable, pois os prezos mantivéronse cambiantes ao longo do ano. Se antes da guerra pagábamos pouco máis dun euro vinte por litro de gasóleo e algo máis por litro de gasolina, semella que nos acostumamos a ter que pagar por riba do euro cincuenta. Por sorte, e toquemos madeira, este final de ano a baixada dos combustibles está a ser espectacular, e hai estacións de servizo nas que xa falamos de litros por debaixo do euro corenta, con tendencia á baixa. Veremos canto dura.

Gasolineira
Gasolineira | Fonte: Xunta de Galicia - Arquivo

Sexa como fose, o certo é que actualmente o custe medio dun litro de gasolina nunha estación de servizo galega é de 1,548 euros (o de gasóleo está nos 1,533), o máis baixo de todo o ano. Con todo, é moi fácil atopar gasolineiras 'low cost' que baixan dese prezo, chegando ao de 1,339 euros en varias estacións situadas na cidade da Coruña (Carbugal Coliseum, Miramar Oil, Carbugal A Grela, Petrocash bens e a Plenoil da rúa Severo Ochoa). Nelas localízase o litro máis barato da comunidade. Na provincia de Lugo, a Petroprix de Burela ten o litro de gasolina a 1,339 euros; na de Ourense, a Ballenoil A Medorra e a Plenoil de Reboredo sitúano nos 1,379 euros; e na de Pontevedra, a de Plenoil do Coto, situada na capital, quédase nos 1,389 euros. A explicación, segundo conta a Galicia Confidencial Julio López, o vicepresidente da Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes), é que "hai moita oferta de produto e a demanda está a resentirse".

Este contexto internacional, despois de tan malos tempos, tradúcese "nunha boísima nova para os gasolineiros", e "trasládase aos monolitos con prezos moi baixos e descontos de ata corenta céntimos por litro en certas operadoras", apunta Julio López que, con todo, non se atreve a falar do futuro: "Hoxe o presente ten moi boa perspectiva, pero xa non me comprometo a falar de futuro", asegura, porque xa quedou escaldado cos cambios tan repentinos que sufriu o produto durante os pasados meses. Con todo, este mesmo mércores celebraban unha concentración en Guitiriz, con 180 compañeiros do gremio, proveedores e a asistencia da conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, para celebrar esta 'volta' á normalidade despois de ter pasado por situacións moi duras para que moitas das gasolineiras galegas puidesen sobrevivir á crise de prezos.

Botando a vista atrás, cabe sinalar que o ano 2023 arrincou coa gasolina nos 1,627 euros por litro. O prezo máximo acadouse o 1 de outubro, fai pouco máis de dous meses, cando o litro deste combustible chegou a custar 1,759 euros. O 1 de novembro baixara ata os 1,652; e este pasado 1 de decembro, ata os 1,57. Agora, situado nos 1,548 euros, semella que a cousa seguirá indo cara abaixo. Lograremos baixar do euro e medio antes de final de ano? Todo apunta a que si. Polo de agora, hai que dicir que xa estamos no custe máis barato de todo o ano 2023. No caso da gasolina, pois no do gasóleo non é así, aínda que tampouco está moi lonxe. En concreto, o litro de gasoil arrincou o ano nos 1,699 euros; e estando agora os 1,533 euros, chegou a custar menos diso en xullo (1,462) e en xuño (1,437); mentres que o seu máximo foi de 1,711 euros o 1 de outubro. Cabe dicir que o gasóleo sempre fluctúa máis que a gasolina, a pesares de que a comezos do 2023 a gasolina estaba máis barata que este.

Pero, de canto aforro estamos a falar nestes momentos con respecto ao prezo que tiñan os combustibles a comezos de ano? Pois, no caso da gasolina, se un depósito medio dun coche ten uns 50 litros, hoxe pagariamos 77,4 euros para enchelo, mentres que o pasado 1 de xaneiro habería que ter desembolsado 81,35. No caso do gasóleo, hoxe por hoxe encher ese mesmo depósito suporía gastar 76,65 euros, mentres que o pasado 1 de xaneiro terían sido 84,95. Estamos a falar dun aforro de 3,95 euros no caso da gasolina e de 8,3 no do gasóleo. Aínda que pareza pouco, se un coche consume unha media de 10 litros de gasolina ou gasóleo por cada 100 quilómetros, poderiamos facer 39,5 quilómetros máis hoxe en día desembolsando os mesmos cartos que a comezos de ano pola gasolina, e 83 quilómetros máis no caso do gasóleo. Estamos a falar de distancias que supoñen chegar de Pontevedra a Tui e de Santiago a Vigo, respectivamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta