A RAG promove unha programación ao redor de Luísa Villalta, homenaxeada no Día das Letras Galegas

Entre outras iniciativas, estrearase en marzo una serie web documental sobre a autora, nacida na Coruña e falecida en 2004, con guión de Alba López e dirixida por Damián Varela.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2024 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega (RAG) organizou unha programación que inclúe, entre outras propostas, unha serie documental e contidos para os máis novos sobre Luísa Villalta, a autora á que este ano se dedica o Día das Letras Galegas. Entre outras iniciativas, estrearase en marzo una serie web documental sobre a autora, nacida na Coruña e falecida en 2004, con guión de Alba López e dirixida por Damián Varela. Serán seis episodios que poderán verse en redes e na TVG.

Ana Romaní, Margarita Ledo e Manuel Rivas pronunciarán, ademais, as alocucións académicas do 17 de maio nun pleno extraordinario e público que se celebrará na Coruña. Na segunda metade do ano, celebrarase o simposio das Letras Galegas a cargo de especialistas no legado da escritora.

Da homenaxeada, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes destacou o seu "compromiso coa cultura e coa lingua", á vez que remarcou que formou parte dunha xeración "comprometida social e politicamente". O acto de presentación da programación contou tamén coa presenza da directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, e de María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da homenaxeada.

De "intelectual completa", cualificou Marilar Aleixandre a Luísa Villalta, á vez que remarcou que o obxectivo é dar a coñecer a súa obra en centros educativos. Pola súa banda, Susana Villalta destacou o pensamento "con moita forza" da súa obra e avanzou a intención de reeditar algúns dos seus traballos e de publicar outras obras inéditas.

Xa noutra orde de cousas, e a preguntas dos xornalistas sobre a situación do galego, Freixanes apelou a traballar para "facer moito mellor" as cousas de cara á súa potenciación. "É patrimonio de todos e de todas", dixo para subliñar a necesidade de defender o idioma todos os días do ano.

Presentación das actividades programadas pola RAG con motivo do Día das Letras Galegas
Presentación das actividades programadas pola RAG con motivo do Día das Letras Galegas | Fonte: RAG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta