E é que nesta Republica os impostos págaos o pobo. Unha parte quítanllo atendendo aos ingresos e outra parte polo consumo dos bens básicos. Así, os pequenos comerciantes, artesáns con aprendices e axudantes, agricultores ou pequenos armadores, os xerentes de pequenos talles con poucos operarios, e todos os traballadores contribúen segundo o que obteñen dos seus traballos. E a maiores todos os produtos ten impostos.
Cos dous métodos recadan o orzamento gobernamental. Ese mesmo diñeiro destínase ao mantemento do réxime xeneroso cos seus cargos, senados, vivarachas corrupcións; outra gran parte á realización de obras e prestación de servizos públicos. De aquí o recadado ingresa nas arcas dos nosos amigos oligarcas, xa que son eles os que realizan as grandes obras publicas que maiormente teñen un sobrecusto entre o 30 ao 100%. E por último destínase o restante á súa distribución vía lexislación frumentaria, e próxima Lex Clodia Frumentaria.
Os estrategos recomendan impoñer a antiga Lex Clodia Frumentaria. Mais o método de repartición será diferente ao anterior e máis enxeñoso, xa que será vía capital fiduciario e non como outrora en especie. Durante a viaxe á rexión onde van proceder á repartición de cargos conversei longas horas co profesor de Moral, o intelixente creador do sistema xeneroso. Os motivos de entregar agora ao pobo pobre capital fiduciario e non os bens materiais argumentoumo con seriedade e correcta análise:
“Os salarios dos xornaleiros e serventes de toda sorte deben ser tales que lles permitan continuar a raza de xornaleiros e serventes segundo requira a crecente, decrecente ou estacionaria demanda social. Pero aínda que o mantemento dun servente libre corresponda tamén ao patrón, custaralle en xeral moito menos que o dun escravo. O fondo destinado a substituír ou reparar o desgaste dun escravo, se se me permite falar así, está normalmente administrado por un amo neglixente ou por un capataz descoidado. O destinado a cumprir o mesmo papel no caso dun home libre é administrado polo propio home libre. As desordes que xeralmente prevalecen na economía do rico introdúcense naturalmente na administración do primeiro; a estrita frugalidade e coidada atención do pobre establécense tamén naturalmente na administración do segundo. Con manejos tan distintos, a execución do mesmo propósito debe esixir graos de gasto moi diferentes. E así ocorre ao meu xuízo a partir da experiencia de todos os tempos e nacións que o traballo das persoas libres chega ao final a ser máis barato que o realizado por escravos”.
É marabilloso amigo Terámenes o control científico que exercen sobre o pobo. Teñen analizado que coa nova Repartición Bruta Universal, así lle fan chamar á lex clodia frumentaria, o custo laboral para os oligarcas reducirase, xa que ao ter os traballadores o mínimo indispensable para subsistir, o traballo que lles prestarán a eles, vía lexislación complementaria, será por menor prezo e mellor realizado.
O transvasamento de renda dunha parte do pobo á outra lles convén por dúas profundas razóns; a máis importante é que os nosos amigos non achegan nada e a segunda, a máis sutil, é que con esa artimaña a parte do pobo que mais paga enfádase coa outra parte do pobo que paga menos, e con iso disípase a tensión contra os oligarcas. Mentres os traballadores medianos camiño de pobres e os traballadores necesitados rifan e ódiense, os nosos amigos están tranquilos. Na academia ensináronnos que a maior pobreza con lexislación frumentaria mais servidume voluntaria. Nihil novum sub sole.