Laureano Oubiña perde outra batalla contra a xustiza, desta volta contra a ficción Fariña

Un xulgado de Vilagarcía desestima a demanda contra o dereito ao honor interposta polo histórico exnarcotraficante amparandose no "dereito á produción e creación artística".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/02/2024 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

O titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa desestimou integramente a demanda interposta por Laureano Oubiña sobre vulneración do dereito á honra fronte a Atresmedia, Bambú Producións e Netflix International pola serie Fariña. O xuíz absolve ás codemandadas de todos as peticións formuladas na súa contra, con expresa imposición das costas do procedemento á parte demandante.

O exnarcotraficante galego Laureano Oubiña á súa chegada a xulgados de Vilagarcía / Adrián Irago - Europa Press / Europa Press
O exnarcotraficante galego Laureano Oubiña á súa chegada a xulgados de Vilagarcía / Adrián Irago - Europa Press / Europa Press

Explica o xuíz na sentenza que a serie Fariña realiza unha “construción narrativa a partir do panorama do narcotráfico en Galicia, particularmente na década dos oitenta e principios dos noventa do século XX, abordando como a visión da opinión pública foi variando ata comprender a gravidade do problema en todos os planos da sociedade, particularmente no desenvolvemento das xeracións máis novas”.

Na súa opinión, non se atopa "ante un traballo puramente xornalístico que trate de consignar feitos veraces, senón ante unha produción audiovisual que o que pretende é unha elaboración artística co fin de dotar á trama dunha coherencia interna e fomentar así o interese para o espectador”. Para o xuíz, “un espectador medio non espera dunha serie de ficción que reflicta ao 100% a realidade dos feitos, xa que para iso existen outro tipo de producións, como os documentais, cun estándar de rigor máis alto a ese respecto”.

Sostén a sentenza que “tratándose dun exercicio do dereito á produción e creación artística, a serie pode apartarse da realidade dos feitos, sendo ás veces necesario para articular un relato narrativo coherente, sen que iso supoña en por si a vulneración de ningún dereito fundamental dos alegados polo demandante”.

"FEITOS REAIS XA EXPOSTOS" POLO PROPIO OUBIÑA

A produción no seu conxunto e as escenas analizadas en particular, “ou ben responden a necesidades da trama, ou ben se conectan con feitos reais que resultan publicamente coñecidos, moitos dos cales foron expostos polo propio demandante, en entrevistas en medios de comunicación, libros e mesmo no seu propio documental Desmontando Fariña, que lle permitiu ir explicando, publicamente e con maior precisión que a que requiría a produción artística, os feitos nos que o demandante puido estar involucrado dun modo ou outro”.

A circunstancia de que algúns deles sexan modificados na serie, explica o xuíz, sen que en ningún dos casos se poida falar dunha “alteración desproporcionada da realidade”, constitúe “un ámbito protexido polo dereito fundamental de produción e creación artística, que non supón unha intromisión ilexítima nos dereitos fundamentais do demandante”.

En conclusión, di o fallo, “non pode afirmarse que a serie supoña un menoscabo da consideración que a sociedade tiña do demandante como personaxe público, polo que non se entende producida ningunha vulneración do seu dereito á honra. Tampouco da súa propia imaxe, nin da súa intimidade persoal e familiar polas razóns que se expuxeron previamente”. Por todo iso, para o xuíz procede desestimar a pretensión do demandante consistente en declarar a vulneración de tales dereitos fundamentais. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta