Rueda anuncia novos paquetes de axuda en campaña electoral con críticas a Madrid

Di que financiará o custe dos dispositivos necesarios para evitar apagóns coa TDT en zonas de sombra de Galicia, "algo que tiña que facer o Goberno central".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/02/2024 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

Quedan dez días para as eleccións e o presidente galego, Alfonso Rueda, aproveita os Consellos da Xunta para anunciar novos paquetes de axudas. Desta volta, foron subvencións para evitar o apagón TDT e para o pastoreo extensivo ao tempo que denunciou o "desleixo" do Executivo central en non prever o que vai acontecer nas "zonas de sombra" que deixará o cambio da televisión dixital terrestre (TDT).

Rueda realiza declaracións tras o Consello da Xunta.. DAVID CABEZON @ XUNTA
Rueda realiza declaracións tras o Consello da Xunta.. DAVID CABEZON @ XUNTA

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Rueda dixo que o seu goberno tivo que activar axudas de emerxencia para evitar que 4.300 vivendas poidan quedar sen o novo sinal televisivo tras o apagón da TDT. "Son vivendas que están en zonas de sombra de 280 concellos galegos", dixo Rueda. Estes domicilios terán que mercar uns adaptadores especiais, que custán sobre 400 euros, para poder ver o sinal. "Algo que tiña que ter en conta o Goberno central, pero non o tivo en conta", asegurou.

Por iso, dixo, o seu executivo decidiu aprobar unha liña de axudas para evitar que estas casas queden sen sinal televisivo. A subvención será do 100% se son vivendas habituais e do 50% se son segundas residencias. "Non nos corresponde a nós facelo pero tivemos que asumulio ante a inoperancia da Xunta", indicou.

Outra das novas axudas aprobadas polo Consello da Xunta son para os que se adiquen ao pastoreo extensivo. De feito, o executivo galego deu vía libre ao primeiro Plan de pastoreo extensivo en zonas onde históricamente se producen máis incendios. O obxectivo da Xunta é que o gando poida servir para controlar a vexetación e evitar a propagación dos lumes. Medio Rural incentivará aos gandeiros con tres liñas de axudas: para peches de gando, para compensar os danos do gando e para mellora dos pasteiros.

OUTRAS AXUDAS

O Goberno galego tamén aprobou unha nova convocatoria de axudas para mercar vivenda protexida, vivendas nos centros históricos dos concellos ou para os menores de 36 anos que queiran mercar a súa primeira casa en concello de menos de 10.000 habitantes. Tamén activa novas subvencións para financiar os avais a menores de 36 anos que queiran mercar vivendas que custen menos de 260.000 euros nas principais cidades galegas, a excepción de Lugo e Ferrol, que serán dun máximo de 180.000, e 130.000 euros no resto de concellos de Galicia.

Tamén hai unha liña de axudas de 4 millóns para mellorar a competitividade da industria da madeira da que se poderán beneficiar os particulares que decidan utilizar este tipo de construción nos sistemas estruturais de vivedas novas ou de rehabilitación.

Ademais, destinará outros 3,5 millóns para outra liña de axudas para instalar sistemas de enerxías renovables --térmica e paneis fotovoltaicos-- en vivendas unifamiliares e edificios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta