Por GC Tendencias | Monforte | 27/08/2015 | Actualizada ás 18:00
O coñecido director monfortino Dani de la Torre será o encargado da presentación oficial do festival o xoves 27 ás 20:30 h. na Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte. Segundo conta a organización é posible que nos avance imaxes inéditas e incluso algún tráiler da longametraxe “El desconocido”, filme que lle está abrindo as portas ao mercado dos EE.UU. e que se estreará en setembro.
Durante o FanCine de Lemos organízase un concurso nacional de curtametraxes de xénero fantástico e de terror. Este ano recibíronse máis de 250 curtas e só 24 optarán aos tres premios que outorga a organización: Premio á mellor curtametraxe nacional, premio especial do público e premio Algueira (premio patrocinado) á mellor curta galega. Das 24 curtas seleccionadas só tres están en galego. Ademais das curtametraxes a concurso, no FanCine de Lemos proxectaranse catro películas nacionais e internacionais relacionadas co xénero: The Babadook, recente gañadora do Premio do xurado no pasadao Festival de Sitges, Nicky, la aprendiza de bruja (película infantil), Tucker & Dale contra el mal (comedia de horror) e Zombeavers (Castores Zombies), unha delirante “monster movie” para os amantes do xénero.
Nesta edición haberá obradoiros temáticos: unha Masterclass do escritor Manuel Loureiro (escritor especializado en terror) e un obradoiro de maquillaxe FX a cargo de Susana Vizcaíno, e performances sorpresa polas rúas de Monforte de Lemos a cargo da empresa Imaxinatia.
A iniciativa deste festival corre a cargo da produtora monfortina Amanita Films, colaboran en forma de patrocinio varias empresas locais e tamén subvenciona o Concello de Monforte de Lemos. A concelleira de cultura, Marina Doutón, apostou claramente polo apoio ás ideas e proxectos das empresas monfortinas e pola promoción e continuidade deste certame no que están postas grandes expectativas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.