Como a construción da AP-9 axudou a espallar unha grave especie invasora

Durante a construción do seu primeiro tramo entre Santiago e A Coruña foi usada de xeito intensivo como "un elemento de retención dos noiros (taludes)", segundo conta a Galicia Confidencial Benito García, presidente da asociación Galicia Ambiental, que nos detalla como foi a expansión desta planta "que non queren nin as cabras". Daquela non era oficialmente unha especie invasora.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Sónache o nome de 'Cortaderia Selloana'? É máis coñecida como plumacho, plumeiro ou herba da Pampa e xa non queda recuncho de Galicia que non estea invadido por esta especie, especialmente ao carón das estradas e nun lugar moi coñecido para todos os galegos: a AP-9, a autoestrada que conecta a costa galega de norte a sur. A expansión da Cortadeira polo noso territorio non se pode entender sen a AP-9, pois foi practicamente ligada á súa construción. Dende Galicia Confidencial contactamos con Benito García, presidente da asociación Galicia Ambiental, que nos conta cal é a historia da chegada de Cortadeira a Galicia e cal é realmente o impacto que esta pode ter sobre os ecosistemas autóctonos. Queres saber máis sobre esta planta que, aínda a día de hoxe, segue sendo considerada decorativa e bonita por moitos?

Herba da pampa
Herba da pampa | Fonte: Galicia Ambiental

A herba da Pampa, segundo nos explica García, "chegou a Galicia do mesmo xeito que o fixeron moitas outras especies invasoras, como a mimosa: tivo primeiro un sentido ornamental e, seguidamente, un sentido accidental". Por unha banda, o seu uso ornamental levou a que tivese unha presenza aillada, pero non preocupante, en xardíns e algún parque público durante un tempo. Por outra banda, o verdadeiro problema comezou de xeito accidental, "coa chegada a través cos cargamentos de sementes procedentes de Arxentina e no marco dos acordos que houbo durante o franquismo para a importación do cereal que procedía de Arxentina e que, como en Santander e noutros portos do mundo, viña 'contaminado' por semente de 'Cortaderia Selloana'". De aí, precisamente, deriva o seu nome de herba da Pampa. Estes cargamentos, como nos conta o comunicador ambiental, descargaban graneis, fundamentalmente, nos portos da Coruña e Santander, "que foron as dúas principais vías de entrada da herba da Pampa na Península Ibérica".

Estamos a falar dun acontecemento de entrada de cereal, ocasionalmente portando semente de Cortadeira, que tivo lugar na posguerra, froito de sucesivas compras de trigo e millo, dende o ano 39 e durante anos. As descargas de cereal eran só parte da ducia longa de importancións que incluía carne, semente de liño, tabaco, animais... "Esas descargas de cereal viñan de terras pampeñas mesturadas con sementes de herba da Pampa, case microscópica e imperceptible á vista se a comparamos coa semente do cereal ou co gran de trigo", explica García, que asegura que durante a descarga dos graneis as sementes "liberábanse e espallábanse e o vento levábaas cara terreos nos que proliferaban... nomeadamente solos deradados ou removidos". Ese foi un primeiro foco de expansión que tivo consecuencias tremendamente impactantes para Cantabria, máis incluso que para Galicia. Entón, que foi realmente o que extremou a súa expansión por Galicia? Como apunta o portavoz de Galicia Ambiental, "unha circunstancia desafortunada e triste polas consecuencias que tivo: a construción da autoestrada AP-9, aínda que o seu uso polos técnicos non implica responsabilidade punible algunha, era unha planta importada máis... a perigosidade como invasora non estaba, nin moito menos, probada, nin existía algo parecido ao Catálogo Españolde Especies Invasoras, que as recolle e determina a necesidade de controlalas e erradicalas".

"CANDO SE DERON CONTA DO ALCANCE DO PROBLEMA, A AP-9 XA ESTABA REMATADA ATA VIGO E FERROL"

Durante a construción do seu primeiro tramo entre Santiago e A Coruña foi usada de xeito intensivo como "un elemento de retención dos noiros (taludes)", é dicir, "prestaban unha gran función similar á que desenvolve paradoxicamente o toxo galego en Colombia, xa que en Colombia o toxo galego é unha especie invasora, porque foi introducida alí para a fixación de noiros e para a restauración de terreos degradados comportándose alí como a Cortadeira aquí". Do mesmo xeito, aquí en Galicia, a herba da Pampa usouse daquela por parte da construtora de Autopistas do Atlántico nese tramo Santiago-A Coruña "e, para cando se quixeron dar conta de que estaban a xerar un problema, xa a autopista estaba completamente construída ata Vigo e Ferrol". De feito, nesas terras removidas, como conta García, "non se restaurou a vexetación correctamente, con especies autóctonas ou céspede, por iso prendeu con facilidade a herba da Pampa e, pouco a pouco, foise expandindo por toda a autopista e o occidente galego".

Herba da pampa
Herba da pampa | Fonte: Google Street View

E fíxoo por estadíos. Segundo nos conta o experto, nun primeiro estadío, "dada a intensidade do tráfico da autopista foise estendendo a través das estradas comarcais e locais cara o oeste, é dicir, cara o mar, colonizando todo o territorio costeiro comprendido entre a cidade de Ferrol e a localidade da Guarda, e máis expandíndose cara o interior". Co paso dos anos, "a apertura das vías de comunicación coa meseta e co norte de España (a A-8 cara Asturias, a A-6 cara Madrid, a AP-53 cara Lalín e Ourense e a A-52 cara Ourense e Madrid) convertéronse en elementos de expansión e extensión desa semente cara o interior de Galicia, colonizando novos terreos degradados". E cales son eses terreos? García apunta ás "ladeiras das novas autoestradas e os polígonos industriais que se estaban construíndo neses momentos". Dende aí foi que se expandiron por todo o territorio galego.

AGORA ESTÁ EN PROCESO DE EXPASIÓN CARA O LESTE SEGUINDO AS AUTOVÍAS

En que situación nos atopamos actualmente? Pois, como corrobora o representante de Galicia Ambiental, estamos ante unha Galicia colonizada absolutamente (ao oeste da AP-9) e parcialmente ao leste. O proceso de expansión dende a AP-9 cara o leste no sentido das vías de alta capacidade, é un proceso continuo porque "os vehículos circulan por esas vías, así como os ferrocarrís, que son precisamente os elementos de expansión da semente". E este proceso é moi similar ao que se estivo a vivir no Ribeiro e nas estradas que a comunican coa acacia mimosa. Pero a acacia mimosa florece en xaneiro e febreiro, mentres que a herba da Pampa faino en setembro e outubro, que é o momento no que as súas sementes están máis maduras sexualmente. Así as cousas, "se temos en conta que unha planta pode chegar ata un millón de sementes e que hai miles delas por toda a marxe da autopista entenderemos por que nestes 45 anos, que foi o período crítico, dende a conclusión das obras da autopista entre A Coruña e Santiago, e as obras de novos tramos ata completala de Ferrol a Vigo, Galicia quedou completamente colonizada".

"A XUNTA ACTUOU NAS ÁREAS SENSIBLES DE INTERESE AMBIENTAL"

E que se fixo para atallar esta situación? "Pouco ou case nada", lamenta García, que asegura que "a Xunta só actuou en zonas moi puntuais, nomeadamente nas áreas sensibles e non en todas, é dicir, en zonas de interese mediambiental, como humedais, mediante axudas ou mediante actuación directa, facéndoo en cada caso dunha forma diferente". Na actualidade hai un interesante convenio coa Universidade da Coruña (UDC) para analizar as posibilidades de facer contra ela unha loita biolóxica, pero para o representante de Galicia Ambiental isto ten un problema: "Ti non podes facer unha loita biolóxica masiva, porque senón estarás introducindo millóns de bichiños que se poden alimentar da semente, pero durante o resto do ano que non hai sementes, que van comer? Ademais, como os memos técnicos coñecen e explican, unha hipotética liberación masiva daría lugar a un novo problema". Así as cousas, incide en que "vai ser unha interesante contribución, pero non pode ser unha solución definitiva e total". Toca, por tanto, "extraer a planta para evitar que conquiste novos territorios ao leste da AP-9 e primeiro debemos sensibilizar á poboación e á cidadanía, ese é o traballo no que está a asociación Galicia Ambiental como integrante do LIFE Coop Cortaderia 24-28 e responsable da súa execución en Galicia".

Pois precisamente é a cidadanía a que pensa que é unha planta bonita para decorar, e como a mimosa ou a cana e outras especies invasoras, emprégase moito en vodas, nas carrozas do Entroido, nos maios da provincia de Ourense e en moitos outros eventos. "Hai que concienciar á poboación sobre que non é unha planta 'chic' que serva para adornar, senón unha especie invasora como a acacia mimosa que non se debería ter fóra dun xardín no que estea relativamente controlada, como lle acontece á uña de gato e a moitas outras especies invasoras que provocan graves problemas mediambientais, eliminando ás demais especies e á biodiversidade do país", plantexa García.

OS PEREGRINOS VÉN 'CHIC' LEVAR OS PLUMACHOS COLGADOS DA MOCHILA

Un primeiro programa Stop Cortadeira desenvolveuse os pasados catro anos. A Xunta foi un colaborar para a realización do Plan de Control de Cortadeira, pero ese plan nin tan sequera foi aínda formalmente presentado. O consorcio do novo proxecto (LIFE Coop Cortaderia +) convidou, nesta nova edición 2024-2028, á asociación Galicia Ambiental, tras o seu éxito en proxectos de restauración ambiental relacionados coa recuperación logo dos incendios de 2017 en Chandebrito, para tomar as rendas e executar o proxecto no ámbito da comunidade galega. E é que o problema chega a tal punto que mesmo os peregrinos que percorren o Camiño de Santiago, na ruta portuguesa, collen estas plantas e cólganas das súas mochilas como elemento de decoración, o que provoca que as sementes aínda se expandan máis.

Nesta ocasión, o proxecto LIFE Coop Cortadeira esténdese dende o mes de novembro de 2023 ata o ano 2028 e consta, fundamentalmente no caso galego, de dúas etapas: unha primeira de concienciación e sensibilización que acaba de arrincar en Ferrol e na que se trata de levar a cabo charlas escolares dirixidas a un público de entre 12 e 14 anos para sensibilizalos coa mensaxe de que 'a herba da Pampa non é chic', para que as novas xeracións sexan capaces de resolver o que nós non fumos quen; e despois en agosto comezarase, a través dun programa de voluntariado, a facer extraccións de sementes en concellos da AP-9 dende o oeste cara o leste, cara as zonas onde comeza a aparecer a planta, intentando que non se chegue a converter nun problema tan grande como na zona costeira. Unha segunda fase será a extracción directa da planta nas mesmas zonas onde se fixo previamente a extracción directa da planta para evitar que se seguise espallando cara o interior. Actuarase, ademais, directamente en zonas de concentración media como algunhas áreas industriais de Ourense e Lugo e buscarase a complicidade da actual xestora da AP-9 (ITINERE) neste proceso urxente e necesario, como xa está a acontecer noutros territorios no marco deste mesmo proxecto.

"ELIMINA ÁS COMPETIDORAS APROVEITANDO A SÚA FACILIDADE DE CRECEMENTO"

Chegados a este punto, sabendo que a cortadeira xa non escapa a practicamente ninguna zona do territorio galego, é o momento de coñecer ata que punto é perigosa para o ecosistema no que se instala. Neste sentido, García explica que "calquera especie invasora actúa desprazando e ocupando o espazo das especies autóctonas aproveitando momentos de debilidade do ecosistema, como por exemplo nos ocos mineiros fóra de uso, terreos despois dun incendio forestal ou terreos sometidos a un movemento de terras, é dicir, o que comunmente se coñece como espazos degradados". Neles, especies como a herba da Pampa "atopan o lugar ideal, porque teñen unha capacidade de crecemento moito máis rápida que outras". De feito, no caso da herba da Pampa, as sementes están no plumacho e, como apunta o experto, "nunha soa planta pode haber ducias de plumeiros e centos de miles de sementes, polo que se cada planta pode xerar e liberar no outono máis dun millón de sementes que quedan voando ao seu redor, algunha vai progresar e colonizar a zona ou novas áreas".

O problema afecta á biodiversidade, xa que se perde unha importante parte da mesma. "Eliminan ás súas competidoras aproveitando a súa capacidade para estenderse neses terreos degradados antes de que outras especies, con moita maior lentitude no seu progreso biolóxico, consigan establecerse neses lugares", indica García, que engade que, "deste xeito, cando chegan as especies autóctonas a eses terreos, xa non teñen capacidade de progresar". Ademais, a herba da Pampa e outras especies invasoras son plantas "que non queren nin as cabras", pois "as súas follas son tan rudas e cortantes (de aí que se bautizase pola ciencia como 'Cortaderia Selloana'), que cortan a boca dos animais e as mans dos homes que tentan arrincalas sen medidas preventivas". Deste xeito, "unha vez que a cortadeira chega a un lugar é practicamente imposible de eliminar por métodos como o pastoreo, sega ou arrincado superficial, e require xa ter que recorrer a sistemas de extracción fonda e reparación do solo para que posteriormente non volva enraizar". 

"ELIMINA ALGUNHAS ESPECIES ANIMAIS QUE VIVÍAN EN PLANTAS AUTÓCTONAS"

Así mesmo, ao introducir esta especie nos ecosistemas substituíndo a outras, "eliminas ao mesmo tempo a determinadas especies de animais que vivían nas plantas autóctonas", evidencia García, que pon como exemplo o que acontece cos eucaliptais, nos que hai escasa fauna que pode progresar con éxito, cando antes nun souto de castañas había deceas de animais e organismos que progresaban con éxito. "Chámase biodiversidade", puntualiza.

Ademais, aínda que o cambio climático está a afectar a moitas plantas, no caso da cortadeira favorécelle, pois "está a facer que sexa moitísimo maior o período de floración, igual que acontece no caso da mimosa, é dicir, que o que antes duraba pouco tempo (período de alerxias de primavera) agora esténdese moito máis, puidendo haber herba da Pampa en floración dende mediados do verán ata practicamente o mes de novembro". Isto, tal e como asegura o experto de Galicia Ambiental, fai que, "combinando a herba da Pampa con outras especies invasoras con períodos de floración diferentes como a mimosa a comezos de ano, fai que teñamos problema de alerxia practicamente todo o ano, porque unha especie ou a outra sempre vai estar nese proceso".

"TEN UNHA ALTÍSIMA RESISTENCIA, CRECE DENDE OS 0 ATA OS 700 METROS"

No que ten que ver co seu desenvolvemento como tal, á herba da Pampa o cambio climático e as adversidades meteorolóxicas están a afectarlle máis ben pouco, porque "se trata dunha especie de altísima resistencia, é dicir, enganchou en Galicia fai xa moitas décadas e hoxe por hoxe xa progresa en zonas con alturas de nivel de mar ate a media montaña, sen absolutamente ningún problema de crecemento". De feito, como explica García, "o seu único problema é atopar quen transporte a semente, xa sexan os ventos, xa sexan os vehículos ou o que sexa, e todo iso en Galicia o atopou cos períodos de desenvolvemento que tivemos a raíz da construción das estradas".

Así as cousas, cal é, na opinión deste experto, a materia pendente para poder levar a cabo o proceso LIFE Coop Cortadeira? Implicar á Xunta e ás concesionarias das autoestradas, ambas titulares dunhas ou doutras vías de alta capacidade, pois "sen elas non vai ser posible lograr un mínimo de éxito en Galicia, pois son elas as que terían que retirar do seu trazado a planta e evitar que siga crecendo ou, polo menso, evitar que se estenda máis". "Como cuestión inmediata é preciso que quede só confinada á franxa costeira, da AP-9 cara o oeste". Sen a implicación das autoestradas García considera que non vai ser posible lograr a contención da herba da Pampa, pois "a súa implicación é unha cuestión básica e fundamental para lograr o éxito", do mesmo xeito que "é fundamental a implicación da sociedade e a súa concienciación para que deixe de ser considerada unha planta 'chic'". 

Herba da pampa ao carón da estrada
Herba da pampa ao carón da estrada | Fonte: Google Street View
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta