Sabes como foron colonizando as mimosas os montes autóctonos galegos?

A 'Acacia dealbata' leva connosco uns 200 anos e xa é imposible de erradicar. Jonatan Rodríguez, investigador de CRETUS na USC, liderou varios estudos nos que observaron que "nas zonas onde hai manchas de mimosas a diversidade de especies de insectos herbívoros, que poderían alimentarse dela, era menor en número á cantidade que hai nas zonas onde non hai mimosa".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Aínda que é moito o que se fala dos eucaliptos en Galicia, son moitas as especies invasoras que se expanden pola nosa terra a pasos axigantados e que deberían preocuparnos de igual xeito. Neste novo episodio da nosa serie falamos da mimosa, a praga silenciosa, esa planta que se foi espallando por todos os recunchos da comunidade e que un pode ver en calquera momento paseando polo monte ou atravesando unha estrada a ambos os lados, crecendo sobre os noiros. A súa bonita cor amarela pode despistarnos, pois semella inofensiva para os ollos de quen a mira e ve unha flor tan agradable. Pero ás veces as apariencias enganan, como adoita dicirse, e esta é unha desas ocasións: a súa afectación aos ecosistemas nos que se instala (e poucos se lle resisten) é enorme. Dende o Galicia Confidencial falamos con Jonatan Rodríguez, investigador da USC, sobre esta grave problemática medioambiental.

Acacias
Acacias | Fonte: UNIVERSIDADE DE VIGO

A mimosa tería chegado a Galicia de xeito case fortuíto, como acontece con moitas outras especies invasoras. Os agricultores galegos usábana para atar a vide e, a raíz da súa utilidade, foron plantando máis e máis. "Cando vamos a tomar mostras polos pobos e as aldeas a xente cóntanos que o pau das mimosas era o que usaban os seus pais para atar as vides, porque crecen bastante rectas as varas e case non teñen ramas laterais que poidan ser complicadas de cortar", cóntanos Rodríguez, que engade, ademais, que "tamén son varas bastante resistentes e, en certo modo, flexibles". Por iso, non fai moito, todas as casas galegas de aldea tiñan a zona de horta na que traballar e, aparte, unha zona na que había mimosas para poder cortalas e usalas como estacas. Esta práctica era moito máis frecuente na provincia de Ourense, que é, precisamente, a que na actualidade se atopa máis invadida.

"CANDO A XENTE ABANDONA O RURAL, AS MIMOSAS QUEDAN SEN CONTROL"

A día de hoxe, o avance da tecnoloxía fixo que se establecen outros sistemas de amarre, como os postes de formigón aos que logo se amarran liñas de cable de metal que suxeitan a plantación, o cal, como indica o investigador, "permite que sexa máis duradeiro, porque instálalo unha vez e logo só tes que revisar que aguante co paso do tempo", fronte ao das mimosas, que era "algo máis artesanal". O problema das mimosas veu tamén co éxodo rural, cando a xente comezou a abandonar o campo en masa para mudarse ás cidades e todas esas plantacións de mimosas que nun primeiro momento estaban controladas, quedaron abandoadas. "Cando a xente abandoa o rural o campo queda sen control, non existen revisións anuais ou periódicas das manchas de mimosas para que estas non avancen e, se se vai rozar de vez en cando, tampouco é suficiente para controlar que esa planta remate por invadir toda a finca e todo o terreo. De feito, pode ser ata contraproducente pola súa gran capacidade de rexurdir a partir de gromos radiculares e do propio toco", explica Rodríguez.

E é que como apunta o investigador da USC, "a expansión da mimosa vese moi favorecida, precisamente, polas perturbacións do terreo, cando se producen incendios ou roces de vexetación". Na actualidade atópase descontrolada principalmente na provincia de Ourense e tamén en zonas limítrofes coa mesma, como o leste e sur de Pontevedra e o sur de Lugo, sendo destacable a súa expansión en toda a ribeira do Miño. Ese rápido avance case sempre vén da man de "incendios ou roces mecánicos levados a cabo polo borde das estradas e das vías férreas polas que pasa o tren". Mentres que en zonas onde xa está establecida, pero nas que non se realiza movemento de terras, "o seu avance é máis lento". Tanto é así que, nun estudo publicado no 2017, decatáronse de que "en zonas de matogueira, inalteradas", nas que crecen o que se poderían considerar malas herbas, "a expansión da mimosa era máis lenta", porque "as matogueiras competían polos recusos contra elas bastante ben". 

Toxos e breixos
Toxos e breixos | Fonte: galipedia - Arquivo

"A GALICIA CHEGARON AS SEMENTES DA MIMOSA, PERO NON OS SEUS INIMIGOS"

Agora ben, máis alá de expandirse tan rápido que xa colonizou toda Galicia, cal é a verdadeira afectación que provoca nos ecosistemas? Rodríguez cóntanos que, a pesares de que "si que hai insectos herbívoros que se alimentan da mimosa que son autóctonos de Galicia e outros que tamén proveñen de fóra, son moitos máis os que se vén perxudicados". Ponnos un exemplo: "Se chegamos ao campo e vemos unha zona na que hai unha mancha de mimosas (moitas xuntas en pouco espazo) e ao lado hai outra zona de matogueira ou piñeiro, o que podemos observar é que na zona onde había mancha de mimosas a diversidade de especies de insectos herbívoros que poderían alimentarse dela é menor en número á cantidade que hai na zona na que non hai mimosa".

Por que pode acontecer isto? Para o investigador da USC esta situación podería explicarse porque "especies como a mimosa, que chegan doutros lugares, como neste caso de Australia, chegan por sementes ou árbores, pero moitas veces os seus inimigos naturais non veñen coa planta, nin pragas que poderían afectarlle aló e que lle están habitualmente producindo dano ou organismos que se alimentan dela e a manteñen controlada en Australia". Por iso, considera que de aquí a dentro de miles de anos, "podería acontecer un proceso de adaptación, evolutivo, dos organismos autóctonos que, seguramente, poderíanse ir adaptando a empregar a mimosa como alimento". Iso si, a evolución é lenta e estamos a falar dun proceso de adaptación a longo prazo.

"HAI QUE PRIORIZAR ACTUAR SOBRE ÁREAS DE VALOR ECOLÓXICO E AMBIENTAL"

Pero, se quixésemos pór remedio a semellante desastre medioambiental, sería posible? Estamos a tempo ou xa é demasiado tarde? Pois máis ben isto último, pois como explica Rodríguez, "no caso de especies como a mimosa ou outras invasoras, que levan xa 200 anos aquí e aparecen en moitos lugares de Galicia, alo menos como pequenas manchas e na provincia de Ourense en grande extensión, é moi difícil abarcar todo para poñerlle solución, porque ao final son moitas hectáreas, estamos a falar de extensións xigantescas, o cal tamén implica un custe de recursos económicos e humanos xigantescos". Así as cousas, confesa que "para tentar controlar as mimosas teriamos que deixar de facer todo o que estamos a facer, dende estradas ata construccións, e se puxésemos nunha balanza o coste-beneficio, non compensaría".

Por iso, o que se adoita facer na actualidade é "priorizar a actuación sobre aquelas áreas onde o valor ecolóxico, patrimonial ou paisaxístico é moi alto e se está vendo afectado por esta planta exótica invasora". Pon o exemplo, dentro de Galicia, do Parque Nacional das Illas Atlánticas, pois "estamos a falar dunha zona de máxima protección e nela calquera especie exótica invasora podería causar unha desfeita". Deste xeito, incide en que "os esforzos polo de agora deberían focalizarse en espazos coma ese, dunha gran riqueza paisaxística, cultural, de especies, ecolóxica... para que se conserve non só na actualidade, senón tamén de cara ao futuro". Logo, apunta que seguindo pola escala de prioridades, "poderiamos pasar a parques naturais, reservas da biosfera, Rede Natura 2000, zonas próximas aos ríos que tamén teñen unha importancia ecolóxica elevada... A idea sería establecer prioridades en función dos beneficios ecolóxicos, servizos ecosistémicos e patrimoniais que se poderían obter dunhas actuacións tan custosas".

"ERRADICAR TODO É INASUMIBLE, NIN AÍNDA QUE TEÑAMOS CATRO VIDAS"

Dun xeito ou doutro, o investigador da USC ten claro que "erradicar todo é inasumible, nin aínda que teñamos catro vidas sería posible", pois "a mimosa está aquí para quedar e temos que convivir con ela". Ademais, onde si é posible actuar con certa probabilidade de éxito é en zonas incipientes, nas que "está comezando a aparecer". En concreto, Rodríguez fai referencia á Serra do Courel e á Baixa Limia-Terra do Xurés, onde a expansión da mimosa nos últimos anos foi brutal a raíz dos grandes incendios que asolaron a zona. Neste senso, o investigador gaba o traballo que están a levar a cabo en Portugal, onde "están facendo cousas moi interesantes para o control e erradicación de plantas invasoras, creando moitas accións a pequena escala en zonas de interese ecolóxico nas que, en pequenas fincas, van facendo xestións de control cunha dobre labor, divulgativa e de concienciación para as persoas que participan e un traballo exitoso que avanza pouco a pouco pero que logra un nivel de control da mimosa bastante bo dende o punto de vista da restauración do terreo".

COMO DIFERENCIAR UNHA MIMOSA DUN TOXO? SABERÍAS?

Unha pregunta interesante, aínda que poida semellar un pouco parva, é: como diferenciar unha mimosa ('Acacia dealbata') dun toxo ('Ulex europeaus')? Para a xente do campo de seguro que é moi sinxelo, pero para quen non está habituado, tendo en conta que hai unha época do ano en que coinciden en floración nos bordos das estradas, pode resultar máis complicado. De feito, o investigador da USC confesa que "a quilómetros de distancia pasando co coche é difícil diferencialas, é como se ves un paxaro no ceo e non sabes diferencia se é unha gaivota ou un miñato, a non ser que teñas moi boa vista para diferenciar a figura de lonxe". Entón, hai momentos nos que vas, especialmente, pola autovía entre Vigo e Ourense, e vese todo amarelo en floración entre os meses de xaneiro e marzo, porque a mimosa está en flor, pero tamén o toxo está en flor, porque, como apunta Rodríguez, "o toxo ten un período de floración moito máis largo, practicamente estando en flor todo o ano, exceptuando algún momento do verán e do outono". 

Con todo, as dúbidas que un puidese ter sobre ante que especie se atopa despéxanse moi facilmente de preto, pois "claramente vese que o toxo é un arbusto e a mimosa, aínda que ás veces tamén poida ser pequena, ten un porte máis arbóreo, cun tronco principal do que logo parten as ramas, mentres que as ramas do toxo saen directamente da base e vanse dividindo". Ademais, "as follas do toxo pinchan, xa que presentan follas ríxidas en forma de espiña, mentres que as da mimosa son moi características, con follas compostas divididas en foliolos (bipinnada) e se te acercas podes velo moi ben". Así mesmo, "a flor tamén é moi distinta, pois a do toxo é unha soa flor bastante grandeciña, con forma amariposada, mentres que a da mimosa ten un olor moi característico, agradable, ule moi ben e, visualmente, é unha inflorescencia en glomérulo globoso, redondeada, da que parten varias flores". Aínda así, si que ambas plantas teñen algo en común: pertencen ao mesmo grupo, ambas son leguminosas, fabáceas. De feito, en moitos lugares toxos e mimosas conviven e están practicamente pegados, polo que cando coincide a floración de ambas, todo o campo está tinguido de cor amarela.

Mimosas
Mimosas | Fonte: UVigo - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta