Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2024 | Actualizada ás 18:14
O Sindicato Labrego Galego demandou á Consellería do Medio Rural información sobre o número e orientación das explotacións agrogandeiras existentes na zona na que poida influír a factoría de celulosa e fibras téxtiles que Altri quere instalar no municipio lucense de Palas de Rei.
Así, o sindicato pide coñecer esta información para saber "con maior exactitude" o impacto que a fábrica tería na produción de alimentos dos concellos "directa e indirectamente afectados". Considera que industrias como esta teñen "un fortísimo impacto" en cuestións "esenciais para a produción de alimentos", como son "a dispoñibilidade de terra agraria, a escaseza de auga ou o aumento do risco de incendios forestais vinculada á intensificación do monocultivo de eucalipto".
Ademais, explica veríase afectada "a reputación de importantes denominacións de orixe galegas", entre as que, indicou, atoparíanse a DO Queixo Arzúa Ulloa ou Tenreira Galega, así como a outras producións ecolóxicas da contorna.
ALEGACIÓNS
Así mesmo, o Sindicato Labrego Galego informou de que pon a disposición da cidadanía nas súas sedes modelos de alegación elaborados dos pola Plataforma Ulloa Viva e outras organizacións sociais e ecoloxistas. Neste sentido, lembra que poden ser presentadas a través dos rexistros ordinarios da Xunta e Concellos, así como pola sede electrónica da Xunta.
CC.OO. APOIA O PROXECTO
Doutra banda, CC.OO. Industria de Galicia demandou a todas as organizacións e administracións implicadas "o maior esforzo de diálogo, respecto polos informes científicos e técnicos e sentido común á hora de tomar decisións ou de criticalas".
Nunha nota de prensa, o sindicato defendeu que coa información que ten nas súas mans neste momento segue "apoiando este proxecto". "Consideramos que atrasalo por motivacións infundadas só pode ser unha navajada máis para unha comarca xa a piques de morrer polo despoboamento, a falta de industria e desenvolvemento", manifestou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.