Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/10/2015 | Actualizada ás 08:30
ANOVA, Esquerda Unida e Podemos Galicia presentarán aos medios o "preacordo político ao que chegamos as tres organizacións". Será nun evento este venres 2 de outubro, ás 18:00 horas na Praza de Mazarelos en Santiago de Compostela.
Os organizadores explican que, ademais de líderes das tres formacións políticas citadas, a presentación "contará coa presenza doutros axentes necesarios para o proceso de confluencia" de cara ás eleccións ás Cortes.
O tempo para artellar formalmente unha alternativa electoral esgótase, máis cando o presidente do Goberno confirmou este xoves que os comicios serán o 20 de de decembro.
Arestora, hai dúas plataformas de base que intentan chegar a un acordo para conformar unha lista única. O Encontro por unha Marea Galega anunciou esta semana que tentará organizar unha mesa de partidos canda a outra plataforma, Iniciativa pola Unidade. Busca así que as formacións políticas tomen unha postura clara de cara a posíbel coalición.
O problema é que as relacións entre as dúas plataformas están tensas. Esta semana o Encontro rexeitou en votación da súa militancia por Internet fusionarse coa Iniciativa, como lle propuxera esta segunda. A coordinadora do Encontro comprometeu seguir negociando a fusión coa Iniciativa, pero indicou que hai diferencias, por exemplo, no papel que teñen que xogar os partidos.
Nas dúas plataformas participan activistas sen filiación política, pero nas coordinadoras das dúas hai representantes de formacións establecidas. En Iniciativa do BNG, CxG, outras entidades nacionalistas e críticos de Podemos; no Encontro de ANOVA e de varias mareas municipais.
Así as cousas, os líderes de ANOVA e o BNG mantiveron este xoves unha reunión, que a axencia que deu a primicia, Europa Press, cualifica de "encontro privado". Nada transcendeu do resultado, máis alá de que nos vindeiros días haberá unha reunión formal entre os dous colectivos nacionalistas.
A citada axencia adianta que no acto deste venres participarán representantes das mareas que gobernan A Coruña, Santiago e Ferrol.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.