O ataque de Estados Unidos e Israel a Irán e a nova (des)orde mundial: "Víase vir, pero non por iso é lexítimo"

A acción conxunta de Israel e Estados Unidos contra as instalacións nucleares de Irán reaviva a estratexia da disuasión militar e a loita pola hexemonía global. A visión económica de Trump mestúrase coa estratexia de Israel para evitar unha bomba nuclear iraniana... e quizais tamén un réxime. Falamos con José Julio Fernández Rodríguez, catedrático de Dereito Constitucional da USC e director do CESEG.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A madrugada do sábado deixou ao mundo en albas: avións de combate estadounidenses e israelís bombardearon instalacións clave do programa nuclear iraní. Segundo se trasladou dende Estados Unidos, foi unha operación quirúrxica, planificada, xustificada por informes de intelixencia que apuntaban a que Irán estaba a poucas semanas de conseguir unha bomba atómica. E, aínda que o perigo dunha guerra aberta semellaba inminente, nos días posteriores os misís deron paso ao silencio diplomático. Polo dagora, o conflito non escala. Pero, cales son os verdadeiros motivos detrás deste ataque? Que nos di este acontecemento sobre o momento xeopolítico que atravesamos?

Recreación do estourido dunha bomba nuclear
Recreación do estourido dunha bomba nuclear | Fonte: Pixabay

José Julio Fernández Rodríguez, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG), teno claro: o ataque enmárcase nun contexto internacional de inestabilidade crecente, onde Estados Unidos non está disposto a ceder a súa supremacía. "Isto víase vir", afirma. "Vivimos nun mundo convulso, dende a caída do Muro de Berlín e, sobre todo, dende o 11-S, o sistema internacional vive unha reorganización fonda", asegura Fernández Rodríguez, convencido de que "este ataque é un capítulo máis dese proceso".

UNHA ORDE EN DISPUTA

Segundo o catedrático de Dereito Constitucional da USC, as últimas tres décadas estiveron marcadas por un tránsito dende a bipolaridade cara unha nova orde mundial "multidimensional". Aínda que o mundo segue presidido polos Estados Unidos, cada vez aparecen máis actores con capacidade de influencia: non só estados, senón tamén milicias, grupos terroristas internacionais, empresas transnacionais ou mesmo compañías privadas de seguridade como o ruso Grupo Wagner ou outros grupos estadounidenses que realizan operacións militares bélicas a nivel internacional dende o ámbito da seguridade privada. Neste escenario, onde non hai "xerdarmes globais" que impoñan decisións --xustas ou inxustas, pero que aporten seguridade--, xérase confusión e solapamento de funcións. "É un panorama aberto porque non sabemos cara onde imos", advirte Fernández Rodríguez.

Neste contexto, como explica, Estados Unidos "resístese a perder a súa posición dominante, o control e a supremacía mundial, ante un escenario que avanza cara a multilateralidade". E iso xera inestabilidade e conflitos abertos en moitos puntos do mundo. "Hai guerras abertas en Ucrania, en Iemen, no Sahel, e agora, de maneira máis intensa ca nunca, en Oriente Medio, con dous eixos claros: Israel-Gaza e Israel-Irán", enumera o tamén director do CESEG. "Toda a axitación actual pode explicarse por ese panorama convulso e aberto que se foi creando progresivamente trala caída do Muro de Berlín e, sobre todo, tralo 11-S, que xerou tamén unha reorganización da visión dos estadounidenses respecto á súa seguridade", considera o experto, convencido de que "este é un proceso que vai continuar nos próximos anos ata que a orde mundial se estabilice, se é que chega a estabilizarse".

Trump na reunión posterior ao ataque a Irán
Trump na reunión posterior ao ataque a Irán | Fonte: Casa Blanca

AS RAÍCES DO CONFLITO

No caso concreto de Oriente Medio, Fernández Rodríguez lembra que as raíces do conflito son antigas e complexas. "Veñen da mala configuración de fronteiras trala descolonización levada a cabo por ingleses e franceses, e tamén do papel da ONU despois da Segunda Guerra Mundial, ao crear o Estado de Israel --aprobando a partición de Palestina en dous Estados: un xudeu e un árabe--", explica, asegurando que "todo iso fíxose mal no seu momento e aínda hoxe segue tendo consecuencias". Na actualidade, apunta, o escenario xeopolítico rexional xira ao redor de tres grandes eixos: o chií, de cultura musulmana, encabezado por Irán e que inclúe a Hezbolá, aos hutíes, a Iemen e, aínda sen ser chií, tamén a Hamás --a pesar de ser suní está apoiado polo eixo chií--; o suní, liderado por Arabia Saudí, dende os Emiratos Árabes ata Xordania, co apoio dos Estados Unidos e Europa, aínda que con matices internos coma no caso de Qatar e Exipto; e o israelí, que actúa con autonomía, pero co respaldo permanente de Washington, pola influencia histórica dos grupos de presión xudeus nos Estados Unidos.

"Estados Unidos é o que permite que Israel teña poder militar", lembra o catedrático de Dereito Constitucional da USC, que engade que "é Estados Unidos quen lle dá municións, armamento, apoio loxístico, reforzo satelital... e todo o que precise". Ese respaldo permite a Israel dispoñer dunha capacidade bélica que non podería soster por si só, aínda que os seus propios medios xa son tamén sofisticados de por si. E é que, como subraia Fernández Rodríguez, "a guerra hoxe en día é moi cara, complexa e sofisticada, e fai falta ter estes apoios detrás para ser eficaz".

O ATAQUE: PREVENCIÓN OU HEXEMONÍA?

O que podemos afirmar case a ciencia certa é que a acción do pasado sábado non foi improvisada. Segundo o director do CESEG, fontes de intelixencia fiables levaban semanas advertindo que Irán estaba a piques de acadar capacidade nuclear. "Quedábanlle poucas semanas, segundo dicían esas fontes --outras, pola contra, apuntaban a que as súas reservas de uranio non estaban nin ao 60 %, sendo necesario chegar ao 90 % para desenvolver unha bomba nuclear--". Así as cousas, como conta Fernández Rodríguez, "Israel, coa autorización e connivencia de Estados Unidos, decidiu intervir para evitar que Irán acadase esa capacidade nuclear". Como sinala, este é xa un patrón coñecido: o 7 de xuño de 1981 Israel xa atacou un reactor nuclear en Iraq --o reactor Osirak, tamén chamado Tammuz, a uns 17 quilómetros de Bagdad--, durante o mandato de Saddam Hussein. Este reactor tampouco estaba operativo, pero temíase que os iraquís o estivesen completando e que puidese entrar en funcionamento en poucas semanas.

"É a súa liña vermella: non queren que ningún país da contorna teña bomba atómica", asegura o experto. Agora ben, se esa fose a verdadeira razón tralo ataque, a pregunta é: é razoable impedir que Irán teña unha bomba nuclear? Para Fernández Rodríguez si é razoable. Con todo, condena as maneiras de evitalo. "A maneira na que trataron de poñerlle freo non é lexítima", asegura, destacando que "o dereito internacional esixe que calquera uso da forza sobre outro país estea autorizado por Nacións Unidas, a través dun mecanismo lexítimo, e iso non aconteceu". Aínda que tamén recoñece que, "hoxe en día, tal e como están as cousas, sería imposible chegar a un consenso por parte dos diversos actores do Consello de Seguridade de Nacións Unidas para lexitimar o uso da forza en Irán".

AS RESISTENCIAS ENTRE EIXOS

O uso de bombas específicas, deseñadas para penetrar búnkeres --armamento do que só dispón Estados Unidos-- suxire que os medios israelís non abondaban por si sós para realizar o ataque. De aí, como di Fernández Rodríguez, a participación directa de Washington, coas GBU --bombas aéreas guiadas por láser, GPS ou ambos, deseñadas especialmente para destruír instalacións nucleares subterráneas, refuxios fortificados ou centros de mando soterrados--. Pero, ademais do obxectivo nuclear, o experto ve tamén unha segunda intención no ataque do pasado sábado: debilitar ao réxime teocrático iraní dos Ayatollah. "Están atacando non só obxectivos nucleares, senón que tamén bombardearon cárceres, á Garda Nacional e están tratando de eliminar líderes", asegura o catedrático da USC, que recoñece que "dá a impresión de que queren provocar en Irán un cambio de réxime", a toda costa.

Non será sinxelo. "Isto non é o século XVIII, non chega con que o pobo se levante e cambie o sistema", advirte o experto. Ademais, Irán conta con dous poderosos aliados que están tamén no punto de mira dos Estados Unidos: Rusia e China, que non queren que o réxime teocránico iraní caia. "A Rusia interésalle que Irán lle continúe subministrando drons para a guerra en Ucrania e China busca estabilidade para seguir facendo negocios e explotando recursos, alo menos ata que se considere o suficientemente forte para, por exemplo, abordar o tema de Taiwán", expón o director do CESEG. Segundo resalta, Irán non só é un actor local: forma parte do eixo oriental ou antioccidental. Por iso, di, o ataque pode lerse tamén coma un movemento no taboleiro global, non só coma unha acción preventiva. "Estase intentando conter o ascenso dos outros bloques", asegura.

TRUMP: EXCÉNTRICO OU PRAGMÁTICO?

Neste escenario aparece a figura de Donald Trump, de novo protagonista. "É un presidente excéntrico", di Fernández Rodríguez. Con todo, afirma que "a súa visión da economía é clásica, polo que lle interesa a estabilidade para que a economía estadounidense funcione". É por iso que "os seus conflitos tenden a ser rápidos, tratando de que rematen o máis pronto posible". A diferencia doutros líderes que ven nos conflitos unha oportunidade de especulación financieira ou de impulso á industria bélica, Trump, segundo considera o catedrático de Dereito Constitucional da USC, busca seguridade xurídica para comerciar. "Atacou con forza Irán e ao día seguinte xa estaba pedindo acordos de paz e que non se disparase un misil máis", lembra. Esta actitude, aínda que poida semellar contraditoria, encaixa coa súa visión de mercado: "Quere un mercado máis fluído e iso esixe estabilidade, non aranceis nin guerras prolongadas, aínda que logo sexa el mesmo tamén o que fai todo o contrario", ironiza o experto, que expón que "quizais se outro país hoxe en día estivese preto tamén de facerse cunha bomba nuclear, tamén o atacaría".

Polo momento, semella que o mundo evitou o peor. A tensión xeralizada polo ataque do sábado comezou a desescalar. Tralo ataque de Estados Unidos a Irán semellaba que o conflito ía entrar nun nivel global, pero, como asegura o director do CESEG, "actualmente xa semella que hai máis luces que sombras, alo menos por agora". Iso si, o conflito segue aberto. E, con el, a incerteza dunha orde mundial en transición, na que as potencias xa non comparten regras comúns, e onde cada actor xoga a súa partida cos seus propios intereses. "Cantos menos países teñan bombas nucleares, mellor, porque os gobernos mudan e a súa visión do mundo tamén, e o uso destas armas non é puntual, senón que causa unha resposta por parte dos países atacados que pode desencadear un conflito global", conclúe Fernández Rodríguez. 

Trump na reunión posterior ao ataque a Irán
Trump na reunión posterior ao ataque a Irán | Fonte: Casa Blanca
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta