Na defensa do tramo internacional do río Miño

O PPdeG pide ao Goberno protexer o río Miño internacional e a oposición remarca as competencias autonómicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2025 | Actualizada ás 20:38

Comparte esta noticia

O deputado popular Julio García Comesaña presentou este martes ante o Pleno do Parlamento unha proposición non de lei coa que busca instar o Goberno a protexer ambientalmente e pór en valor o río Miño no seu tramo internacional. Ante isto, a oposición puxo o foco nas competencias autonómicas neste ámbito.

Tal e como expuxo, esta iniciativa recolle reivindicacións compartidas por concellos afectados como o de Crecente, Arbo, As Neves, Salvaterra, Tui, O Rosal, Tomiño e A Guarda, "con independencia da súa cor política". Comesaña afirmou que a situación do río é "crítica" algo que, apuntou, non din só os veciños ou os alcaldes, senón os propios feitos. "Persisten problemas gravísimos que se cronificaron pola desidia do Goberno nos últimos anos coa conivencia dos seus socios. O Goberno de España, que é o que ten as competencias nese tramo do río", afirmou.

As variacións bruscas de caudal, explicou, teñen un impacto nos ecosistemas piscícolas e na proliferación de algas e doutras especies invasoras. Tamén citou a falta de armonización normativa entre as dúas marxes do río e a obsolescencia do regulamento de navegación, entre outros aspectos.

OPOSICIÓN DESTACA As COMPETENCIAS AUTONÓMICAS

Ante isto, a deputada socialista Paloma Castro, que recoñeceu estar de acordo con moitos puntos da iniciativa, destacou que a competencia da Confederación Hidrográfica Miño-Sil circunscríbese ao dominio público hidráulico, mentres que no tramo internacional, con influencia das mareas, o dominio público marítimo-terrestre é competencia da Dirección Xeral de Costas, a través do Servizo de Costas de Pontevedra.

Na mesma liña expresouse o deputado nacionalista Brais Ruasnovas, que tamén puxo o foco na repartición de competencias e afeou que a iniciativa non vaia aos problemas "de raíz" do río Miño, como son que a zona se atope militarizada posto que o órgano de supervisión na zona é a Comisión Permanente Internacional do río Miño -- do S.XIX e con dirección militar -- ou que a conca do río estea "privatizada", ao ser unha das máis explotadas. "E o PP, lonxe de propor solucións, propón unha iniciativa que leva ao centralismo, aos parches e ao postureo", censurou.

Fortaleza de San Lourenzo, en Goián (Tomiño). En Fronte, Vilanova da Cerveira, xa en Portugal
Fortaleza de San Lourenzo, en Goián (Tomiño). En Fronte, Vilanova da Cerveira, xa en Portugal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta