Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 28/07/2024 | Actualizada ás 21:00
Combarro é un dos pobos mariñeiros que mellor conservou ata os nosos días a arquitectura tradicional galega. Construído integramente en granito, mantén case intactas a súa estrutura urbanística e edificacións. Entrar en Combarro hoxe en día é sinónimo de desfrutar do pasado galego como en poucos lugares se pode observar, retrotraerse á nostalxia de tempos pasados e tamén gozar co colorido dos seus currunchos. Pero, por desgraza, tamén é sinónimo de chegar a un punto quente da masificación turística, onde restaurantes e tendas de recordos invaden todo o que no seu tempo tivo valor. Foi declarado Conxunto Artístico e Pintoresco no ano 1972, e a súa historia está intimamente ligada ao mosteiro de San Xoán de Poio dende o século XII, cando a raíña Urraca dona á poboación ao cenobio, ata mediados do século XIX. Ademais, Combarro tamén está declarado Ben de Interese Cultural como Conxunto Histórico e como Sitio Histórico.
Os hórreos constitúen o elemento máis icónico de Combarro. Trátase de almacéns de cereal colocados en alto sobre piares para evitar a humidade e os roedores, de feito eses redondeis sobre os piares chámanse virarratos, voltarratos ou tornarratos, precisamente porque cando os ratos chegaban a eles víanse obrigados a dar volta e non podían seguir subindo. Nesta zona os hórreos combinan pedra e madeira, e reciben o nome de 'palleiras'. Actualmente consérvanse uns 60 e a metade están aliñados ao longo da costa ofrecendo unha característica estampa ao lugar. Non é habitual no resto de Galicia atopar hórreos situados á beira do mar, pero neste caso a importación continua de mercadorías dende o outro lado da ría de Pontevedra facía necesario para os locais contar con almacéns situados o máis preto posible dela.
Sen embargo, son as casas mariñeiras as que lle outorgan carácter diferencial a esta vila. A maior parte son pequenas vivendas adosadas e orientadas ao mar. Posúen unha planta baixa usada orixinalmente como almacén de aparellos de pesca, ferramentas de labranza e, en ocasións, poden albergar un pequeno lagar. Moitas delas contan ademais cun estreito soportal. A primeira planta presenta un característico balcón dende onde se divisa visualmente o mar. Orixinalmente eran balaustres de madeira, ferro ou pedra e frecuentemente coloreábanse co que sobraba de pintar os barcos, dando ao pobo unha particular imaxe multicromática. Paseando polas súas rúas hoxe en día aínda se pode atopar ese colorido que se preserva dende tempos antigos: portas de todas as cores, algunhas aínda de madeira, aínda que a maioría xa deron paso ao aluminio; e, sobre todo, moitas flores e xardíns que alegran a vista aos camiñantes.
Outro dos elementos característicos da poboación son os sete cruceiros de granito erixidos entre os séculos XVIII e XX. Adoitanse situar en encrucilladas e as súas funcións son diversas, podendo xogar un papel protector ou mesmo ser doazóns de particulares que querían cumprir unha promesa feita a Deus ou á Virxe. En Combarro existen varios exemplares de gran calidade artística como o cruceiro da Praza da Fonte, de 1771, con representación dun cristo crucificado e Santa Ana, ou o da praza de San Roque, de 1802. Algúns posúen unha mesa de pedra, coñecida como pousadoiro, coma se fose un altar que se usaba tradicionalmente para colocar os cadaleitos nos funerais. É costume adornalos todos os anos para a tradicional procesión do Corpus. Ademais, en Combarro tamén está un dos escasos cruceiros que hai en Galicia onde o Cristo se atopa mirando cara o mar e a Virxe cara o interior da vila.
CADA VEZ HAI MENOS VECIÑOS, POIS O TURISMO MASIVO NA ÉPOCA ESTIVAL REMATOU COA TRANQUILIDADE QUE ANTIGAMENTE SE RESPIRABA
Hoxe por hoxe, e aínda que segue sendo unha vila mariñeira e pesqueira, o certo é que xa conta con poucos veciños permanentes. O turismo comeuse toda a tranquilidade que antigamente se respiraba na contorna, especialmente durante a época estival. Nestas datas visitar Combarro é sinónimo de camiñar enlatado e de andar esquivando persoas, camareiros e ata mochilas para poder cruzar o seu estreito centro. Os hórreos antes usados como almacéns son agora lugares que foron modificados e restaurados para que resulten atractivos para os turistas, zonas onde sacarse unha foto ou onde instalar a terraza dalgún dos múltiples restaurantes que cada ano se multiplican na vila. A esencia orixinal perdeuse fai tempo e cada día que pasa os baixos das vivendas deixan de ser cada vez máis zonas habitables para transformarse en tendas de recordos e artesanía ao máis puro estilo parque temático.
Combarro sempre foi considerado un lugar encantado, onde habitaba unha maxia moi especial, unha vila de meigas e de lendas populares da Galicia de antano, onde se dicía que mesmo había bruxas aliadas co diaño para facer o mal. Pero eses recunchos nos que podía conservarse o misterio xa case non existen, pois os visitantes exploran ata o último canellón e a baixada ao mar máis remota para tomarse unha foto diferente das demais. Eses cruceiros colocados nos camiños para protexer á vila das fechorías das meigas que alí se reunían son agora lugar de gravación das cámaras dos móbiles dos turistas e, aqueles que teñen escalóns na súa base, lugar de descanso para os cansados visitantes. A praza de San Roque ou a do Peirao da Chousa son dous dos lugares máis concurridos, seguindo a Rúa do Mar.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- O 'manicomio' de Conxo: cando a rendibilidade económica era o máis importante e as condicións dos internos, o menos
- Mellora dos Paradores galegos: o Goberno Central investirá 35 millóns para recuperar o patrimonio
- Un furancho aberto en agosto que serve zamburiñas ou polbo? Imposible, iso non é un furancho
- Juan e Lorena, de Guía Furanchín: "Ou a Xunta actualiza a normativa xa ou os furanchos van desaparecer"
- A Xunta pide defender o patrimonio porque "é a identidade de Galicia"
- Queres descubrir os tesouros que agocha a provincia de Lugo? Este é o teu sitio