Sogama aproba a subida do seu canon, que queda fixado nun importe medio de 66 euros por tonelada

Actualización do que pagan os concellos por asumir a xestión e o tratamento dos residuos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2024 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O consello de administración da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) aprobou este mércores a subida do seu canon, que queda fixado nun importe medio de 66 euros por tonelada tratada nas súas instalacións.

Tal como explicou a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático nun comunicado, esta actualización do que pagan os concellos por asumir a xestión e o tratamento dos residuos responde a decisións do Goberno central "que están a ter un gran impacto económico no custo do servizo". A pesar disto, a Xunta dixo que transferirá nos próximos días 9 millóns de euros ás 295 entidades locais que están adheridas a Sogama co fin de minimizar o impacto da medida.

En concreto, acordouse que o importe medio a pagar sexa de 66 euros por tonelada, descontando xa a achega do Executivo autonómico a través dun fondo de cooperación adicional, que sería de 12 euros por tonelada.

A empresa pública indicou ante o consello de administración que, mesmo despois desta subida, o canon seguirá sendo "o máis barato de España" en comparación co resto de plantas de tratamento de residuos municipais do seu mesma tipoloxía. Agora, Sogama enviará á Consellería o acordo que, previo informe do departamento de Facenda, procederá a aprobar o novo canon deste ano.

A Xunta insistiu en que a compañía asumiu en 2023 un encarecemento do seu servizo calculado nuns 21,9 millóns de euros debido á entrada en vigor do novo imposto estatal á vertedura e á incineración, así como á recuperación do imposto do valor da enerxía eléctrica e á eliminación da retribución que percibía polo investimento realizado na súa planta termoeléctrica.

Sogama. EUROPA PRESS - Arquivo
Sogama. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta