Carta aberta para Balbino na morte do seu pai

Querido Balbino: Conmóveme profundamente verte chorar hoxe. Porque eu tamén choro. Coñecémonos desde hai corenta e seis anos. Foi da man dun amigo común, D. Manuel Espiña Gamallo. Cando me falou aquel día de teu pai e de ti fiquei prendado de vós. Canto vos queremos na miña familia desde o día que eu vos metín na casa da miña nacenza! Mesmo me parece coma se fósemos dos primos máis levados. E de verdade é así.

Por Xaquin Campo Freire | Valdoviño | 28/11/2015

Comparte esta noticia
En vós atopamos sempre o mellor retrato de familia. A tal punto que desde daquela os nosos cans non quixeron outro nome que non fose o de Pachín. E cando ían morrendo, no testamento dos cans, tamén tiñan disposto seren soterrados debaixo da cerdeira das cereixas grandes que nos facían devecer a todos. Ao quitármoslles as coias. alí estaban os dentes dos nosos Pachíns que desde o seu ceo nos levaban a outras lembranzas máis fondas, coma cando che morreu o padriño: “Eu non entendo as caras do mundo” dicías ti. “Que desexos teño de ser grande!”.  E agora que xa o somos e estamos a chorar os dous polo teu pai, eu non sei se ti chegaches a entender as caras do mundo. Eu, de todo, non.
 
Querido Balbino. Faleiche do Padre Manuel Espiña, moi amigo do teu pai, hoxe defunto. No ano 1969, nun encontro con moita xente, presentouse un libro que fala de ti. Cando hoxe souben a nova collín outra volta con grande respecto e emoción o libro. Ten o número 39 dunha edición numerada. Paseniñamente funme achegando á pasta. Mirei aqueles ollos grandes na parte baixa da fiestra. E na parte alta:“MEMORIAS DUN NENO LABREGO”. E parei moito tempo fixándome en min mesmo: No Balbino que fun e sigo a ser. Na aldea de Roca. Nos nenos labregos e pobres que eramos todos. Que ben nos coñeceu o teu pai! Porén, os ollos medráronme aínda máis e o corazón encolléuseme, cando vexo que o teu pai do seu puño e letra escribiu para min: “Cordialmente. José Neira Vilas”. 
 
Pasei dúas follas e enchinme de rabia. Atopeime coa traizón. O teu pai está sendo asoballado na súa sagrada memoria polos que teñen e temos a obriga de facerlle honras. Vexo nun xornal de onte que a un 40 % de nenos da Galiza nin lles amosan unha palabra de lingua galega nos colexios.  E o libro está dedicado “A tódolos nenos que falan galego”.
 
Mañá estarán contigo, querido Balbino, en primeira fila para as televisións, os que son os máximos responsábeis desta desfeita: Son os do bilingüismo harmónico. Galiza, como Roma, non pagará nunca a traidores.
 
No 1960, en Buenos Aires, ao final do caderno que teu pai lle deu ao Alberte escribe así: “Hai quen di que todo o que nos acontece está sinalado de antemán. Eu non creo tal cousa”. Pois eu tampouco. 
 
Bicos, Balbino, e honra para o teu pai.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xaquin Campo Freire Nado en San Xiao de Roca-Guitiriz, Lugo, en 1937. Licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria por Roma. ATS-DUE. Experto Universitario en Enfermaría Comunitaria e tamén en Urxencias e Coidados Itensivos. Diplomado en Coidados Paliativos. Traballou de enfermeiro no Hospital Marcide de Ferrol e no PAC de Fene. Foi capelán da Residencia de Anciáns de Piñeiros-Narón. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e Director da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa “Mons. Araúxo”. Membro das Sociedades Española e Galega de Xeriatría, do consello de redacción da Revista “Encrucillada", da Asociación de Escritores en Lingua Galega e participou con ponencias en diversos Congresos. Ten escrito numerosos artigos relacionados coa saúde. Leva varios anos exercendo un voluntariado no Cárcer de Teixeiro (A Coruña). Ten dous libros escritos. 1) A viuvez na Pastoral da Saúde. Un estudo sobre da viuvez na Galiza. 2) Ese que está no cárcer é meu irmán. Sobre a vida dos nosos reclusos e as súas familias, sen esquecer o problema das vítimas.