Dani, o amante autodidacta do 'tuning' que revalorizou o seu Honda Civic do 99 en máis de 10.000 euros

Este ribadense de 25 anos leva case tres traballando no deseño do seu coche ideal, cambiando as suspensións, os brazos, os reguladores de caída, os reguladores de converxencia, a freada, o lead, púxolle alerón, os faros, as taloneiras, o difusor, a propia cor... Hoxe coñecemos a súa historia!

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/09/2024 | Actualizada ás 21:19

Comparte esta noticia

O mundo de Tik Tok está cheo de perfís curiosos dos que se pode aprender moito. Pero, como acontece na realidade, hai de todo, e atopar aquelas persoas que che poden aportar algo vendo os seus vídeos non sempre é sinxelo cando se trata de deixalo nas mans dun algoritmo. É por iso que, para aqueles que sexades amantes do mundo do motor, dende o Galicia Confidencial, recomendámosvos unha conta: @danifvck. Trátase da canle de Dani, un mozo de 25 anos de Ribadeo apaixoado dos coches e, máis en concreto, dos Honda, que de xeito totalmente autodidacta conseguiu revalorizar o seu Honda Civic do 99 en máis de 10.000 euros: custoulle arredor de 2.500 e agora xa vale máis de 10.000 con todos os cambios que lle foi incorporando ao longo de case tres anos. Esta é a súa historia!

Dani xunto ao seu Honda Civic, chamado Charmander
Dani xunto ao seu Honda Civic, chamado Charmander | Fonte: Tik Tok @danifvck_

Dani confesa que "eu antes odiaba o Tik Tok, non me gustaba nada, pero a miña moza si que estaba sempre vendo vídeos na plataforma". Ela formaba parte dun equipo de voleibol de Lugo e, "como non tiña carné de conducir, levábaa a adestrar". Foi así como, un día calquera, e mentres agardaba a que saíse do adestramento, "púxenme a gravar un vídeo no coche". Tras subilo a Tik Tok por probar, asegura que "logrou bastantes visualizacións, causaba graza". E é que Dani, nos seus comezos na rede social, non subía vídeos chafallando en coches como tal, senón vídeos de humor. Pero a cousa non tardou en mudar cara a súa paixón: o motor. "Eu non teño ningún estudo sobre mecánica, pero cando saquei o carné comezáronme a gustar moito os coches, porque me encanta conducir", conta.

A canle de Dani seguiu crecendo (hoxe en día xa conta con 1,5 millóns de seguidores en Tik Tok e case 1 millón en Instagram) a medida que tamén crecía o número de vídeos que subía e, a explosión, chegou no momento máis importante, relacionado co mundo do motor da súa vida: cando mercou o seu Honda Civic do 99. Entre amigos e coñecidos das redes sociais que o axudaban, foino modelando ao seu gusto. "Lémbrome que a primeira vez que lle cambiei a luz da matrícula, rompina, porque non tiña nin idea do que estaba facendo, así que, a día de hoxe, aínda me sorprendo das cousas que son quen de facer e de todo o que teño conseguido a nivel persoal no mundo da mecánica", afirma este mozo, que tamén se amosa "moi contento e agradecido coa xente que me escribe sempre mensaxes de apoio, dicíndome que lles gusta o meu coche ou que lles saquei un sorriso co meu humor". E, aínda que tamén poida haber quen faga malos comentarios sobre a súa forma de traballar, Dani reitera que "eu non son mecánico, non tiña nin idea cando comecei e sigo sen tela, probablemente, pero eu fago as cousas á miña maneira e simplemente amoso como as fago", sen maiores pretensións.

No mundo do 'tuning', Dani asegura que o máis importante para as persoas que están comezando é irse soltando, "que vaian perdendo o medo", porque "ao comezo tes moito medo de romper cousas, pero se non as rompes non aprendes, e, cando as rompes, créeme que aprendes ben, polo que che doe o peto". O segundo consello que lles daría sería "rodearse de xente que sabe e á que preguntarlle dúbidas, sempre tendo interese en aprender máis e sendo curioso", pois "ninguén nace aprendido". "Eu dígoo sempre, eu non son mecánico nin experto, pero é o que me gusta, e iso lévame a ser moi natural", afirma. De feito, asegura que comezou a tomarse o tempo de editar algo máis polo miúdo os vídeos dun tempo a esta parte, cando viu que había outras canles de temática semellante que o facían, porque antes nin sequera iso: "Eu non vou facer un vídeo cunha produción de Spielberg, eu fago os vídeos como se llos fose mandar ao meu curmá pequeno".

"NUNCA PENSEI QUE PODERÍA CAMBIAR O MOTOR ORIXINAL DO MEU CIVIC DE 115 CV POLO DE 200 CV QUE LEVA O MODELO SEGUINTE, O SERIE K"

Así mercou Dani o seu Honda Civic do 99
Así mercou Dani o seu Honda Civic do 99 | Fonte: Cedida

O último cambio que lle realizou ao seu Honda Civic foi tamén o máis importante ata o de agora: o motor, "algo que nunca pensei que ía facer" e que lle levou un mes. En concreto, substituíu o motor orixinal do seu coche, de 115 CV, polo do coche deportivo da seguinte versión á súa, que xa levaba un motor de serie de 200 CV. Como explica, "dentro de Honda hai coches serie D, que son os máis antigos e os que menos cabalos teñen; os serie B, que xa están bastante ben de motor e é onde se enmarca o meu coche; e os serie K, que son un modelo máis moderno que o meu e con máis potencia, pero máis caros", aínda que matiza que "tampouco tan caros como ás veces pensa moita xente que se bota atrás á hora de montalos precisamente por iso: a xente pensa que hai que gastar uns 15.000 ou 20.000 euros, e non é así, eres ti o que decides canto gastar en base ás pezas que pós". Dani, xunto a outros amigos, tivo que cambiar, á vez que o motor, todos os elementos da suspensión da parte dianteira: a cuna, os brazos e todo o preciso para que entrase o motor, porque "senón non entraba e tiña que ir co centro de gravidade máis baixo"; e tamén toda a parte da suspensión traseira, pois "tivenlle que poñer disco de freo ao coche para poder homologalo", xa que "che piden aumentar a freada".

"Tiven unha gran axuda por parte de todos os meus amigos que montan o mesmo motor ca este e que estiveron todos os días botándome unha man e traballando no coche", amósase agradecido o mozo ribadense. E asegura que "aínda me quedan unhas cousas por facer, pois aínda que o coche xa está andando, quédame meterlle unhas pinzas de freo máis grandes antes de ir homologalo", algo que a día de hoxe non é doado, pois os tempos de espera para a homologación de certos elementos, como é o caso do motor, son moi dilatados. Tanto é así que, de feito, Dani xa tiña o motor mercado antes de pasarlle a ITV ao coche, pero decidiu pasarlla sen el e logo proceder a cambialo porque "para homologalo é preciso unha proba de freada, para a que, como cedo, che dan cita dentro de seis meses". Seis meses nos que, en caso de caducarlle a ITV antiga, non podería circular co coche.

"PARA HOMOLOGAR O MOTOR TEÑO QUE FACER UNHA PROBA DE FREADA QUE CUSTA UNS 300-400 EUROS E POLA QUE HAI QUE AGARDAR 6 MESES"

Noutros elementos, como poden ser os da parte estética, o problema non é tanto, porque "mandas os papeis das pezas ao laboratorio e, dependendo do laboratorio e do técnico homologador, pódenche tardar en dar resposta unha ou dúas semanas", pero para elementos que requiren proba de freada (cambios na dirección, incorporación dunha bomba eléctrica, cambios de motor...), "ten que vir o técnico de laboratorio". En concreto, no caso do motor que monta o coche de Dani agora, superior en potencia ao orixinal, "pídenche que teñas os mesmos freos que os do coche doante do motor". Aínda que hai unha excepción: "Non precisarías cambialos se a porcentaxe de potencia do motor novo non supera o 15 ou o 25 % da do motor orixinal", algo que no caso do motor de Dani se supera con creces.

E a estes dilatados tempos de espera hai que sumar o feito de que os procedementos de homologación non son baratos. Por exemplo, a proba de freada pode irse aos 300-400 euros facilmente, e "só para que o enxeñeiro monte no coche, poña un sensor no pedal e che pida que de 80 vaias freando progresivamente ata 0 ou de golpe sen bloquear as rodas". "Como quen di é unha parvada, un simple trámite, e moitas veces mesmo cos freos de orixe do coche freas de sobra un motor de máis potencia, pero así é como están as cousas hoxe en día", lamenta Dani, que, alo menos, amósase contento de non estar na situación dos amantes do motor de Portugal, onde "nin sequera teñen a opción de homologar pezas". No país veciño, os coches para poder estar homologados teñen que ter as pezas de serie, "non lles poden modificar nada e, se atopan algún con algo cambiado, requísanlle o coche". O mozo tamén apunta que, "en España, se mercas un coche de fóra, para matriculalo, tes que volver poñelo de serie, e logo proceder ás homologacións de cada peza".

"O 'TUNING' É UN 'HOBBY' MOI CARO, PERO EU PREFIRO ESTAR ATA AS CINCO DA MAÑÁ TOQUETEANDO O COCHE QUE DE FESTA"

Botando a vista atrás, o primeiro cambio que o ribadense lle fixo ao seu Honda foron as 'llantas': "Os coches cunhas 'llantas' ou con outras cambian moito". Ao longo destes dous anos e medio, para tres, tamén lle cambiou as suspensións, os brazos, os reguladores de caída, os reguladores de converxencia, a freada, o lead, púxolle alerón, os faros, as taloneiras, o difusor (que fixo el mesmo artesanalmente cun cartel de publicidade porque non atopaba un á medida do seu coche en ningunha parte), a propia cor... Para Dani, o do 'tuning' é un 'hobby' coma outro calquera, aínda que confesa que "moi caro": "Hai xente que prefire estar toda a fin de semana por aí de festa ata as cinco da mañá, e eu prefiro estar ata as cinco da mañá toqueteando no coche". E é que asegura que este é o conto de nunca acabar, pois "unha vez que metes o que querías, xa estás pensando na seguinte cousa que queres mudar".

Tras todos os cambios, modificións e retoques, do Honda Civid do 99 que mercou orixinalmente Dani por "1.000 euros máis un coche que tiña, uns 2.500 euros en total", xa pouco máis que a base queda. Aínda que resulta moi complicado poñer prezo ao coche tal e como o ten agora, e que nos insiste en que "nunca o vendería porque para min ten moito valor sentimental por ser o coche co que tamén comecei esta andadura nas redes", calcula que "facilmente pode custar máis de 10.000 euros". Prezo que tamén se ve inflado pola actual situación do mercado de coches de segunda man: "Os Honda Civic coma o meu están moi demandados na actualidade, o que fixo que subisen os prezos, e un coche que eu merquei por uns 2.500 euros, atópaste agora o mesmo modelo, rebentado e co motor serie D, por 5.000 euros". "Á xente estáselle indo a cabeza", alerta Dani, que asegura que "isto xa é unha tolería, e canto máis antigo é o coche, máis caro o poñen".

"A XENTE, PASADA A ÉPOCA DO 'TUNING BARROCO' NA QUE COMEZARON AS LEIS DE HOMOLOGACIÓN, XA VE ESTE MUNDO CON MELLORES OLLOS"

Sobre a acollida social que ten o mundo do 'tuning', asegura que as cousas xa están cambiando, a mellor, pero que "o mundo dos coches tuneados nunca estivo ben visto socialmente, sobre todo fai un tempo, cando foi a época do 'tunning barroco', daqueles coches moi estrambóticos", e que foi precisamente o tempo "no que se comezaron a impoñer as leis das homologacións". Con todo, dende que Dani e outra xente leva subindo vídeos a redes en formato vertical, como Instagram ou Tik Tok, asegura que "vexo que a xente se interesa máis e o ve con mellores ollos, mesmo os máis pequenos". "Un 90 % dos meus seguidores son maiores de 18 anos, o cal ten sentido porque este 'hobby' é caro, pero tamén hai entre un 10 e un 20 % de seguidores que son menores, polo que tamén vexo a nenos que se interesan polos coches", afirma, asegurando que "isto permite que a cousa xa colla outro ton, quitando os tabús que había antes", e sen sacar que "cando chega o cafre de turno que fai algo mal nos culpen a todos".

Así ten agora Dani o seu Honda Civic do 99
Así ten agora Dani o seu Honda Civic do 99 | Fonte: Cedida
Así ten agora Dani o seu Honda Civic do 99
Así ten agora Dani o seu Honda Civic do 99 | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta