Proxeccións para a Galicia de 2039: menos poboación, máis envellecida e maior número de inmigrantes

Lugo e Pontevedra son as provincias con diminucións máis acusadas, dun 2,6% e un 0,6%, respectivamente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2024 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

Galicia perderá 8.474 persoas en 15 anos (de 2024 a 2039) en caso de manterse as tendencias demográficas actuais, segundo as proxeccións de poboación a curto prazo que publica este xoves o Instituto Galego de Estatística (IGE).

De acordo con estas proxeccións, se se manteñen as actuais tendencias, o país galego rexistraría crecemento de poboación desde 2024 ata o 1 de xaneiro de 2030 e pasaría a diminuír entre esa data e 2039. En todo o período, rexistraría unha caída do 0,3%, o que a faría pasar de 2.705.741 residentes a 1 de xaneiro de 2024 a 2.697.267 na mesma data de 2039.

Por provincias, serían as de Lugo e Pontevedra as que manifestarían diminucións máis acusadas, dun 2,6% e un 0,6%, respectivamente. Mentres, en Ourense a poboación non variaría practicamente e na Coruña daríase un incremento do 0,5%.

A redución global explicaríase, segundo o IGE, "maioritariamente" polo saldo vexetativo negativo, aínda que "se espera que tanto nacementos como defuncións experimenten crecementos durante os próximos anos". Pola súa banda, o saldo migratorio presenta signo positivo para todo o período.

En canto ao envellecemento, a idade media pasaría, de acordo con esta proxección, de 48,4 anos en 2024 a 51,4 ao final do período, dentro de 15 anos.

Atención a persoas dependentes
Atención a persoas dependentes | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta