Un home acusado de "tirarlle os tellos" a unha anciá e convencela para declaralo herdeiro

A Fiscalía pide prisión por un delito de extorsión tras a morte da muller.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/03/2025 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Ourense acollerá o vindeiro martes, día 1, o xuízo contra un home acusado de embaucar a unha anciá que vivía no seu edificio, á que "tirou os tellos" para conseguir que se fose a vivir con el e logo convenceu para que o declarase herdeiro.

Segundo recolle o escrito fiscal, o home, que vivía no mesmo edificio de Ourense que a anciá, era coñecedor de que ela tiña "unha boa situación económica" e de que "non mantiña relación algunha coa súa filla e moi escasa co seu neto".

Aproveitando esta circunstancia, achegouse a ela "co propósito de facerse coas súas propiedades" e, polo menos un ano antes do falecemento da muller, en xullo de 2019, mantivo contacto estreito coa vítima, que aseguraba que lle "tiraba os tellos".

Desta forma, conseguiu levala a vivir con el ao seu domicilio, quitándolle as chaves da súa casa. Ademais, impediu ou dificultou as súas relacións con terceiras persoas, acompañándoa sempre nas súas saídas, e levouna a unha notaría para que outorgase testamento no seu favor en xuño de 2019, cando un mes antes fixera un testamento que establecía herdeiro universal ao seu neto. Igualmente, o acusado conseguiu que a anciá "asinase ante notario unha escritura de cesión de bens a cambio de alimentos", coa que cedía ao acusado pleno dominio do seu piso.

O Ministerio Público considera os feitos constitutivos dun delito de extorsión, e pide para el un ano e seis meses de prisión, ou subsidiariamente un delito de coaccións. Ademais, solicita a nulidade tanto da escritura de cesión de bens como do testamento.

Audiencia Provincial de Ourense
Audiencia Provincial de Ourense | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta