Como actuar ante a tolemia arancelaria de EE.UU.? "A UE debe estar unida e empezar a negociar con outros países"

Dolores Riveiro, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), advirte de que "quen acaban pagando os efectos deses aranceis son os consumidores e, neste caso, os consumidores de Estados Unidos". JP Morgan ou Goldman Sachs xa falan de "altas probabilidades de recesión".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 08/04/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A economía global volve tremer ante a ameaza arancelaria de Donald Trump. O presidente dos Estados Unidos, fiel á súa liña proteccionista, volve cargar contra os produtos estranxeiros cunha nova ofensiva comercial que lembra, mais tamén supera, a vivida no seu anterior mandato. Se daquela os aranceis se xustificaban dentro do marco legal da Organización Mundial do Comercio (OMC), agora a estratexia parece responder a impulsos unilaterais, sen demasiada lóxica económica nin diplomacia. Nesta nova xeopolítica de intereses e imposicións, a Unión Europea volve situarse no seu punto de mira, e sectores como o agroalimentario ou o automovilístico temen volver sufrir as consecuencias dunhas guerra comercial que non compensa a ninguén e que podería derivar nunha recesión global. Galicia Confidencial fala con Dolores Riveiro, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), que advirte de que se queremos gañar esta partida, a Unión Europea debe permanecer unida e facer fronte común contra Trump.

Trump, novo presidente dos Estados Unidos
Trump, novo presidente dos Estados Unidos | Fonte: EP - Arquivo

Como lembra Riveiro, os aranceis son algo polo que Trump sempre apostou, xa dende o seu anterior mandato. A diferenza daquel entón co que estamos a vivir agora é que, naquel tempo, eses aranceis situábanse no contexto da Organización Mundial do Comercio (OMC), é dicir, "seguían as canles oficiais" para ser establecidos. E é que dende 2004, Estados Unidos e a Unión Europea estaban enfrontados na OMC polas axudas públicas a Airbus (UE) e Boeing (EE.UU.). Así, ambos se acusaban mutuamente de subvencións ilegais. No 2019, a OMC deu a razón aos Estados Unidos e autorizoulle a impoñer aranceis por valor de 7.500 millóns de dólares como compensación polas axudas ilegais a Airbus. Foi por iso que, en outubro de 2019, o goberno de Trump impuxo aranceis do 10 % aos avións de Airbus e do 25 % a produtos europeos como o viño, o aceite, o whisky, os queixos, as olivas... Entón, como sinala Riveiro, "Trump xa impuxera aranceis antes, pero no marco legal que lle ofrecía a OMC". De igual maneira, a profesora lembra tamén que Trump "xa anunciara a súa intención de impoñer aranceis durante a campaña electoral". Por iso, considera que o que agora está acontecendo "non é unha gran novidade", a novidade está na maneira de facelo.

E por que esta necesidade imperante de Trump de impoñer aranceis? Onde podería radicar o motivo? Para Riveiro, "Trump ten coma unha obsesión por equilibrar o gran déficit comercial que ten o país", é dicir, "por exportar a mesma cantidade de bens que se importa". "Nestes momentos Estados Unidos ten un gran déficit comercial, a gran fábrica do mundo é China e o sudeste asiático en xeral, aínda que Estados Unidos exporta moitos servizos tecnolóxicos", resalta a profesora. Neste contexto, "Trump o que quere é que volvan ao país as empresas que son de Estados Unidos pero producen fóra dos Estados Unidos", porque, así, "aumentaría a produción e o emprego estadounidenses". E, para conseguilo, "o que fai é aumentar os prezos dos que producen fóra", de maneira que se unha empresa que produce fóra dos EE.UU. quere logo vender o seu produto no país, terá que facelo a un maior prezo que se o produce dentro. Dalgún xeito, esta é a lóxica que seguen os países cando aplican aranceis: a de protexer aos produtores nacionais fronte a competencia do resto do mundo". Pero Trump pensa que cos aranceis pode recuperar ás empresas que producen fóra dos EE.UU., ao considerar que, "como o mercado de EE.UU. é tan grande e necesario para as empresas, van querer seguir vendendo no país igualmente, polo que, para facelo ao menor custe, optarán por levar a produción para os EE.UU.".

"OS MÁIS PERXUDICADOS SERÁN OS PROPIOS ESTADOUNIDENSES E, NO RESTO DO MUNDO, OS PAÍSES POBRES QUE IMPORTAN MOI POUCO E EXPORTAN MOITO"

Agora ben, como afectará isto á economía do propio país? Para a profesora da USC non hai dúbida de que "quen acaban pagando os efectos deses aranceis son os consumidores e, neste caso, os consumidores de Estados Unidos". Estes "van ver aumentar os prezos dos produtos que mercan porque, ademais, nun contexto de arancel xeralizado a todo o mundo, van aumentar os prezos de todos os produtos", o cal, dende o seu punto de vista, "vai levar á Reserva Federal a aumentar os tipos de interese", o que derivará "nunha baixada do consumo, nunha baixada da inversión, nunha baixada da demanda e nunha baixada do emprego, ao tempo que aumenta a incerteza". De feito, Riveiro sinala que isto é algo que xa se está vendo nos datos reflexados nos índices de confianza do consumidor, que están baixando. "Hai moita menos confianza tanto por parte dos consumidores como dos inversores e das empresas, polo que aumenta o aforro e baixa o consumo", resalta. Así, apunta a previsións realizadas por JP Morgan ou Goldman Sachs que falan de "altas probabilidades de recesión nos Estados Unidos", o que tamén se pode anticipar vendo os desplomes das bolsas que houbo esta semana tanto na UE como nos EE.UU. e en Asia. "Trump está provocando un escándalo", confesa a investigadora, que afirma que "todo isto é unha tolería".

Trump e os seus aranceis
Trump e os seus aranceis | Fonte: Europa Press - Arquivo

E, no resto do mundo, a quen vai afectar máis este empeño de Trump? Sairán igual de perxudicados todos os países? Como xa puido verse na súa famosa lista de aranceis ensinada ao mundo, o certo é que os máis perxudicados serán os países máis pobres e en vías de desenvolvemento. "Os máis perxudicados serán países que importan moi pouco, mercan moi pouco ao exterior, pero producen moito para o exterior porque se atopan inmersos nunha estratexia de crecemento económico baseada nas exportacións", apunta Riveiro. Así, sinala que no cálculo que fixo Trump á hora de impoñer as distintas porcentaxes de aranceis a cada país, cando se fixou en lugares como Vietnam, Camboia ou Myanmar, por exemplo, "viu que Estados Unidos non lle exportaba case nada e importaba moito dalí", de maneira que, "se a porcentaxe de importacións que non se cobren con exportacións era do 80 %, puxo a metade, o 40 %, sen ningunha lóxica".

"UNHA AUTARQUÍA, NA QUE SE PECHAN FRONTEIRAS E SE PRETENDE QUE TODO O MUNDO VAIA PRODUCIR A EE.UU. PARA VENDER EN EE.UU., NON PODE SAÍR BEN"

Entón, pode chegar a compensarlle nalgún momento aos Estados Unidos esta guerra comercial? Para Riveiro resulta evidente que "non vai compensar para nada, é malo para todos". E considera que tanto Trump como os seus asesores e todas as persoas que están detrás destas decisións "demostran unha falta moi grande de entendemento de como funciona a economía". Así, Trump xustifica eses desplomes de consumo e aumentos de prezos que xa se están producindo na propia economía estadounidense dicindo que son algo transitorio que pasará cando se reaxuste o mercado. "Di que agora todo vai ir mal, pero que despois, en canto pase a febre inicial do paciente --a economía--, este sairá da UCI e empezará a remontar", explica Riveiro, que verdadeiramente non pode dicir se isto será así ou se, pola contra, o paciente rematará morrendo. "Todo dependerá tamén de como responda o resto do mundo", sinala, resaltando que, "polo pronto, a curto prazo, a cousa xa lle está saíndo mal, por moito que Trump diga que estes efectos eran os esperables e por moito que diga que xa 50 países o chamaron por teléfono para intentar negociar".

Pero, sen dúbida, a gran pregunta é: ata cando vai seguir adiante con isto? Continuará coa súa guerra particular de impoñer aranceis sen lóxica económica algunha? "O que está claro é que unha situación de autarquía, na que se pechan as fronteiras e só se pretende que todo o mundo vaia producir aos EE.UU. para vender nos EE.UU. non pode saír ben", conclúe Riveiro. É por iso que se amosa convencida de que, "nalgún momento, vai ter que sentarse a negociar". E é que "ao final a orde internacional está mudando, porque suponse que Europa e EE.UU. eran aliados e socios fiables, fronte a países como China que, por exemplo, durante a pandemia puxeron problemas para a venda das mascarillas, pero, agora, estase vendo que EE.UU. tampouco tiña nada de socio fiable, pasando a ser amigo de Rusia, entre outros". Para Riveiro, "dende a Segunda Guerra Mundial os bloques estiveron organizados dunha maneira que agora se está mesturando, nunha guerra comercial que vai máis aló do comercial, e na que EE.UU. está cambiando de estratexia para que non se poña en cuestión a súa hexemonía mundial, á cal non quere renunciar". "O mundo ten que reorganizarse e EE.UU. pode supoñer un cuarto do mercado mundial, pero aínda quedan tres cuartos restantes no resto do mundo", resalta a profesora.

"O IMPORTANTE É OFRECER A IMAXE DUNHA UE UNIDA PARA FACER FRONTE CONXUNTAMENTE A EE.UU., EVITANDO QUE CADA PAÍS NEGOCIE POLA SÚA CONTA"

Tendo todo isto en conta, que pode facer Europa para plantarlle cara a Trump nesta ofensiva comercial? Riveiro considera que "o importante agora é ofrecer a imaxe dunha Unión Europea unida para facer fronte conxuntamente a EE.UU., evitando que cada país negocie pola sua conta, porque iso é o que quere Trump". Así, cre que "non sería bo que, por exemplo, chamase Italia para negociar pola súa conta unha rebaixa de aranceis para o seu país". "Calquera decisión conxunta vai ser mellor que as decisións individuais", resalta, destacando a "necesidade de deixarlle claro a Trump que calquera decisión será conxunta e que só vai recibir unha única resposta por parte da Unión Europea no seu conxunto, porque el o que quere é entrar nunha política de 'divide e vencerás'". Partindo desa base, a profesora da USC tamén se amosa consciente de que, "ao final, haberá que buscar un acordo, porque ao final estas ofensivas só se arranxan con acordos". Agora ben, no caso de que este non chegue, Riveiro convida a "prepararse para a guerra (comercial), sen deixar de seguir traballando pola paz". "Conseguir esa paz será máis fácil se Estados Unidos ve que a Unión Europea está preparada para unha situación de confrontación e unida", conclúe.

Para Riveiro, ademais, os aranceis tamén poden ser unha estratexia que está empregando Trump para manter ao resto do mundo entretido un tempo mentres el se adica a levar a cabo outras das súas tolas ideas, coma se se tratase dunha especie de cortina de fume para ocultar as súas verdadeiras intencións. "Mentres o mundo está preocupado polos aranceis, Trump fala de anexionar Groenlandia, está desmantelando o cativo sistema de benestar que xa tiña EE.UU. e botou á rúa a 60.000 funcionarios públicos, prometendo que baixaría os impostos", apunta a investigadora, que considera que, "na cabeza de Trump, pode que pense en compensar esa caída dos ingresos que viría da rebaixa de impostos prometida coa recadación que logre mediante a imposición de aranceis ao resto do mundo". Con todo, Riveiro amósase "optimista" de cara a que Trump cese no seu empeño, porque considera que, ao final, "serán as propias empresas que producen nos EE.UU. as que lle van poñer problemas", pois "hai que pensar que hai moitas empresas que, aínda que realizan a ensamblaxe final nos EE.UU., teñen que importar compoñentes e materias primas do exterior, de diferentes países aos que Trump lles está impoñendo aranceis, como acontece no sector da automoción, o que fará que ao final o prezo do coche resultante se encareza". Ademais, á hora de exportar ese vehículo, "o resto do mundo pode responder tamén con aranceis, polo que non será fácil a súa venda nin no interior nin no exterior".

Trump anuncia ao mundo os aranceis de Estados Unidos
Trump anuncia ao mundo os aranceis de Estados Unidos | Fonte: E.P. - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta