Reclaman melloras na N-540 cun corte simbólico da estrada en Chantada

Unhas 200 persoas participaron na protesta, que contou con representantes de diferentes partidos políticos da provincia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2025 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

Unhas 200 persoas secundaron este venres unha mobilización na N-540 ao seu paso por Merlán, no concello de Chantada (Lugo), para reclamar ao Goberno central a rehabilitación integral desta vía, que consideran esencial para a conectividade entre as cidades de Lugo e Ourense.

Unhas 200 persoas cortaron a N-540 en Chantada para reclamar o seu arranxo inmediato
Unhas 200 persoas cortaron a N-540 en Chantada para reclamar o seu arranxo inmediato | Fonte: EP

A protesta consistiu nun corte simbólico de cinco minutos na estrada nacional, convocado como continuación doutra concentración celebrada recentemente polo mesmo motivo. Os asistentes coincidiron en sinalar o mal estado do firme, especialmente no tramo que discorre pola provincia de Lugo, onde denuncian a realización de "parcheos continuos" sen solucións duradeiras.

Entre os participantes atopábanse o alcalde de Chantada, Manuel Vázquez, e o portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, xunto con representantes doutras formacións políticas como o BNG, Interior Galego Vivo, Democracia Ourensá e o PSOE.

Durante o acto, Antonio Ameijide subliñou que a N-540 é "a única vía que conecta Lugo coa alta velocidade ferroviaria", e criticou que o proxecto da autovía A-56 entre Lugo e Ourense continúe paralizado. Segundo o portavoz popular, o estado da vía representa "un risco para a seguridade viaria" e acusa ao Goberno de Pedro Sánchez de "discriminación aos lucenses".

Desde a organización da protesta avanzouse que o PP presentará no próximo pleno da Deputación de Lugo unha moción para instar a toda a corporación provincial a que apoie a reclamación dun arranxo urxente e integral da N-540.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta