O TSXG condena á Policía a indemnizar a un axente lesionado durante unha intervención no aeroporto do Prat

A Sala destaca que a Administración debe facerse cargo, en virtude do principio de indemnidade, porque os causantes foron declarados insolventes

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/04/2025 | Actualizada ás 10:50

Comparte esta noticia

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á Dirección Xeral da Policía a indemnizar con 2.900 euros a un axente polas lesións que sufriu no curso dunha intervención no aeroporto do Prat, en Barcelona, a cuxo pago foron condenados os causantes das mesmas, os cales, con posterioridade, foron declarados insolventes.

Efecitvos da Policia Nacional
Efecitvos da Policia Nacional | Fonte: POLICÍA NACIONAL - Arquivo

O tribunal indica na sentenza que o recorrente foi agredido, xunto con outros compañeiros, ao tratar de impedir, en abril de 2017, o paso sen control a dúas persoas que, dada a gran afluencia de viaxeiros, tentaron evitar as cintas de distribución de colas situadas fronte ás cabinas de control de documentación e chegaron a cruzar a liña fronteiriza polo filtro, eludindo o control. Ambos foron condenados por un xulgado de Barcelona por delitos de lesións e atentado contra axentes da autoridade.

Os maxistrados explican na resolución que o Tribunal Supremo, na sentenza de 8 de xullo de 2020 (recurso 2519/2018), fixou doutrina sobre o dereito do funcionario público policial que, resultando lesionado no exercicio das súas funcións, non é indemnizado pola insolvencia do responsable desas lesións. Nese caso, o Supremo sinalou que será a Administración a que se faga cargo desa indemnización, en virtude do principio de indemnidade.

No fallo, o TSXG destaca que devandito principio de resarcimento ou de indemnidade resulta alleo á responsabilidade patrimonial. Por iso, sinala que a Policía se equivoca ao rexeitar a petición do axente argumentando a extemporaneidade da reclamación, segundo o artigo 67 da Lei 39/2015 (que establece o prazo de prescrición dun ano para o exercicio das accións derivadas da responsabilidade patrimonial da Administración).

Así, a Sala recalca que “non se trata propiamente do exercicio dun dereito de reclamación, senón de facer valer o principio de indemnidade, de maneira que a Administración, como garante do devandito principio, se subrogue como responsable do pago xa declarado nunha sentenza penal de carácter firme”.  O TSXG engade que, todo iso, “sen prexuízo de que o abono da cantidade reclamada converterá á Administración demandada en acredora da mesma, co que poderá resarcirse dela unha vez que calquera dos condenados veñan a mellor fortuna; incluso presentándose a ese efecto na execución penal en marcha ou executando directamente pola vía da prema o crédito no que se subrogou”. O fallo non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta