Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/05/2025 | Actualizada ás 22:00
Non fixeron carreira, pero construíron historia. Non cantaron nun palco, pero encheron as festas. Non saíron nos libros, pero transmitiron, xeración tras xeración, o máis refinado modelo de comunidade que coñecemos. As cantareiras galegas foron moito máis ca artistas: foron tecido, raíz, estrutura. A súa voz foi lingua e memoria, resistencia e consolo. Foron mulleres que, sen saber que eran cultura, levaban séculos sostendo a identidade dun pobo que falaba e cantaba por elas. E nese lugar fondo onde reside o que somos, traballa dende hai anos a etnomusicóloga e activista Xulia Feixoo. Autora das monografías 'Maruxa das Cortellas. Tocadora do Pandeiro' e 'Concha do Canizo. Este pandeiro que toco', centra a súa obra en poñer nome e contexto ás sabedoras anónimas que gardaron, coa voz e co corpo, o saber musical do país. A súa investigación mestura traballo de campo, arquivo e reflexión crítica, sempre dende un compromiso claro co colectivo e co país.
Este 17 de maio, o Día das Letras Galegas adícase por fin a todas estas mulleres, as nosas cantareiras. Xulia Feixoo, que colaborou na candidatura para que así fose, xa sabía antes do anuncio oficial que esta homenaxe era para elas: "Entereime antes de que a Real Academia Galega (RAG) o fixera público porque asesorei, xunto con outros profesionais, esa candidatura, polo que para min non foi unha sorpresa". Aínda así, amósase leda de que este recoñecemento chegase e de que "tanto as propias informates como a comunidade en xeral o acollese tan ben", pois iso serviu para que "moita xente que está fóra do mundo da música tradicional pousase a súa ollada nel". Con todo, tampouco oculta a súa visión crítica ao respecto: "Eu son crítica co sistema das Letras Galegas, pensado para a literatura culta e escrita, con autoría individual, e non creo que sexa o máis axeitado para acoller un sistema colectivo e comunitario, nada individualista".
"Para as poucas cousas que nos quedan que non funcionan dese xeito, estaría ben conservalo en colectivo", reflexiona. Ademais, neste caso a RAG personificou o recoñecemento en sete cantareiras en concreto, pero a realidade é que cantareiras hai e houbo ao longo e ancho de toda Galicia. De feito, moitas cantareiras non son conscientes de que o son, aínda que levan toda a vida cantando. "Durante séculos, ser cantareira era o mesmo que existir, non era unha acción artística que unha escollía, senón que era inherente á vida destas mulleres, e ao igual que unha era labrega ou era galega, tamén era cantareira", reflexiona Xulia Feixoo, que resalta que "a música formaba parte do seu día a día, do cotián, e todo o mundo sabía cantar e tocar, porque era un xeito de cohesionar a colectividade, un elemento moi importante de relación entre persoas".
MARUXA DAS CORTELLAS, A ÚLTIMA TOCADORA DE PANDEIRO CADRADO NO CONCELLO DE SOUTOMAIOR: "NA SÚA MOCIDADE O PANDEIRO PASARA DE MODA"
A obra máis coñecida desta etnomusicóloga, 'Maruxa das Cortellas. Tocadora do pandeiro', é un exemplo desa vontade de rescatar o que ía camiño de desaparecer. "Maruxa foi a última tocadora tradicional do pandeiro cadrado na aldea das Cortellas e na súa zona, no concello de Soutomaior", conta Xulia Feixoo, que asegura que se fixo un oco na historia precisamente por ser "a derradeira depositaria dese saber". E é que "Maruxa sempre tivera a vontade de aprender das máis vellas, gustáballe moitísimo o pandeiro e sempre ía escoitalo cando elas o tocaban". Como resalta, "tiña ese valor, flipaba co pandeiro", un valor escaso na sociedade nun momento no que xa estaba chegando a modernidade. "Na súa mocidade o pandeiro xa pasara de moda", explica Xulia. De feito, "as súas compañeiras preferían ir ao cine, que recén se inaugurara na zona, e, as que seguían tocando, apostaban pola pandeireta, porque vían o pandeiro como un instrumento que só tocaban as vellas, polo que, aínda que o valoraban como algo patrimonial, propia da aldea, xa non se interesaban por aprender a tocalo". Ademais, moitas mozas "xa nin sequera tocaban, directamente ían bailar á fiada, que era como se chamaba o baile comunal na época".
Durante as fiadas, un conxunto de mozas tocaba un grupo de pezas, catro ou cinco, que é o que se coñece como rolda, e, cando estas rematan de tocar, hai unha remuda. Nesas fiadas, mentres as súas amigas bailaban, "Maruxa quedaba abraiada vendo ás vellas tocar o pandeiro", conta Xulia Feixoo. E, cando as señoras baixaban do lugar no que estivesen tocando, que no caso das Cortellas era unha especie de palco improvisado con pequenas táboas, deixaban alí o pandeiro. Ocasión que Maruxa non desaproveitaba. "Achegábase para velo e falar con elas, porque sempre lle gustou e interesábase moito por aprender a tocalo", sinala a musicóloga, para quen "ela ten ese valor de non deixar que nunca se perdera esa tradición da súa aldea, por iso é unha persoa tan importante na historia da tradición popular". Como di, tanto de Maruxa como outras mulleres coa súa inquedanza, aprendemos que a tradición non é só memoria, senón tamén funcionalidade. "A tradición é tan potente porque sempre foi funcional", asegura, e engade que, "precisamente por iso, a nosa música de tradición oral é tan potente, tan refinada e tan poderosa, porque está testada por xeracións e xeracións e foi útil para todas elas e ségueo sendo tamén para nós".
CONCHA DO CANIZO, UNHA MULLER QUE VINDO DA CLASE ALTA SE INTERESOU POR CONSERVAR TRADICIÓNS DA SÚA ALDEA DA GUDIÑA: "APRENDEU DA SÚA NAI"
Así as cousas, reflexiona sobre o feito de que, cando chegou a modernidade e o capitalismo empezou a permear na sociedade, Galicia tivo a sorte de recibilo máis tarde ca outros lugares --houbo países nos que iso chegou durante a revolución industrial e outros nos que o fixo durante o colonialismo--, o que lle permitiu manter este patrimonio vivo, "ata os anos 60 ou 70", e que "houbese xente que captou o seu potencial, pero non só compiladores, senón tamén as propias informantes, que recuperaron centos de seráns, ruadas e foliadas por toda Galicia". Todo forma parte "dun entramado colectivo de persoas que quixeron turrar disto para adiante". "Esa é a forza que ten o noso pobo", asegura Xulia Feixoo, visiblemente emocionada e lembrando outra das mulleres esenciais para ela detro desta tradición: Concha do Canizo.
"É outra das grandes do pandeiro, neste caso do concello ouresán da Gudiña, porque tocaba marabillosamente", asegura. Como conta a musicóloga Concha "era amante non só do pandeiro, senón en xeral das nosas tradicións e da etnografía da súa contorna". Ademais, "era un perfil de muller un pouco distinto ao de Maruxa e ao habitual, pois era filla da familia máis rica da aldea, polo que tiña ao seu alcance unha biblioteca moi interesante da que botar man", explica Xulia Feixoo, que engade que "era unha muller moi interesante, moi lectora e que sempre mostrou interese por conservar os saberes da súa aldea, non só os musicais, senón en xeral". "Concha aprendera a tocar o pandeiro coa súa nai, Josefa, e tiñan unha técnica moi distinta á de Maruxa, pero igual de potente, e ambas foron gravadas por Alan Lomax --importante etnomusicólogo estadounidense-- no ano 1952, polo que temos a sorte de contar con gravacións reais delas no contexto da época que son unha auténtica xoia", apunta.
"PARÉCEME MARABILLOSO QUE HAXA XENTE NOVA QUE SE ENGANCHE ÁS FOLIADAS E BAILE LIBREMENTE, PERO SOMOS UNHA PORCENTAXE PEQUENA"
Sobre as novas xeracións, a musicóloga amósase esperanzada, pero tamén realista: "Tendo a ser optimista, e paréceme marabilloso como a xente nova se engancha ás foliadas, como baila libremente, porque hai moitísimo nivel no país". Pero tamén asegura que "somos unha porcentaxe pequena da poboación os interesados polo tradicional, contra o que poida pensarse ou dárse a ver, porque agora semella que todo o mundo sabe tocar e bailar e, efectivamente, hai moita máis xente interesada na nosa cultura que antes, pero segue a ser unha porcentaxe moi pequena en comparación co total de mozos e mozas galegos". Así, o que máis lle preocupa é que se desligue a música e o baile tradicional "do entramado cultural que lles dá sentido". E asegura que "iso pasa tamén pola lingua, pola nosa lingua e polo compromiso que o país ten con ela, así como pola responsabilidade de coidar o baile e a música, de coñecelo, de tomar decisións e de non capitalizar este coñecemento".
Porque, para Xulia Feixoo, isto non se trata só de bailar e cantar, trátase de "ser responsable e consciente do que implica ser portador dese patrimonio". E a súa forma de aportar á causa é clara: "Ofrecer información, xerar debate, aportar datos...". En calquera caso, celebra que "haxa unha boa masa de xente nova interesada en seguir turrando disto". Finalmente, ao preguntarlle sobre que pensarían aquelas mulleres que cantaban nas súas casas sen saber que eran cultura, responde sen dubidalo: "Eu penso que estarían moi contentas, porque ás informantes sempre lles daba pracer ver á rapazada tocando e bailando". E tamén advirte: "Todos nós tamén temos que estarlles moi agradecidas a esas mulleres por ensinarnos todo isto de balde, todo o seu saber".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.