Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/05/2025 | Actualizada ás 22:00
Hai herdanza que non está feita de pedra, pero pesa máis que calquera catedral. E hai mestras que nunca deron clase nunha escola, pero ensinárono todo. Houbo un tempo no que Galicia calaba aquilo que realmente a fixera ser: o canto das súas mulleres, a cadencia das súas voces entrelazadas coa terra, co traballo, coa infancia e co loito. Agora, neste Día das Letras Galegas, Galicia mira por fin ás cantareiras. E un dos que máis ten feito para que ese recoñecemento chegase, sen dúbida, é Xabier Díaz, músico, compositor e investigador da música tradicional galega mundialmente coñecido pola súa voz e pola súa capacidade para reinterpretar o pasado con respecto e modernidade. Cando fala destas mulleres, fala dunha revelación. Cando lembra os primeiros encontros con elas, fala de impacto, de emoción e de dignidade. El foi un dos que baixou ás aldeas cando case ninguén o facía. Un dos que gravou, transcribiu, levou ao escenario e devolveu ás mestras populares a categoría de autoras. Só por respecto. Só por amor.
"Foi moi sorprendente para min e fíxome sentir moi feliz", conta Xabier Díaz a Galicia Confidencial ao lembrar como recibiu a noticia de que este ano as homenaxeadas no Día das Letras Galegas ían ser as cantareiras. E é que el, dende había xa moito tempo, levaba interpelando dende os palcos aos responsables, académicos e ao mundo da cultura en xeral para que así fose, pois sempre considerou que "tiñamos un deber pendente con todas estas mulleres". Mulleres coas que a súa conexión vén de lonxe. "No meu caso nace porque nos meus tempos mozos entrei a formar parte dunha agrupación folclórica da Coruña chamada Xacarandaina". Corrían os últimos anos dos 80 e un Xabier de 20 aniños adicaba as súas fins de semana a percorrer as aldeas galegas facendo traballo de campo xunto ao director da agrupación, Quique Peón. Alí falaba con todas esas mulleres que levaban toda a vida cantando e gravábaas para que o seu saber non se perdese. "Poder manter con elas esas entrevistas causou en min un impacto moi forte", confesa.
E non era para menos, pois, como resalta, "era moi emocionante poder ser testemuña daquel folclore nun estado tan vivo, tan marabilloso e tan vizoso, descoñecido ata aquel entón para min". A partir de aí, e dun xeito case inocente, comezou un duro traballo de recompilación ao que o músico estivo adicado en corpo e alma "case ininterrompidamente durante aproximadamente 20 anos". Durante esas décadas, viviu emocións que se mesturaban e se superpoñían, a cada cal máis intensa que a anterior no seu sentir. "É moi difícil quedarme cunha única historia das que recompilei, pois as emocións sucedíanse en min semana tras semana, con cada saída", asegura. Mais si conta que "vin cousas moi sorprendentes", como por exemplo, "o abraio na cara de moita xente cando vía que os seus pais e nais ou avós e avoas tocaban e bailaban nas súas propias casas, algo que ata que nós chegamos eles descoñecían que sabían facer".
"NAS CASAS DESTAS MULLERES AS SÚAS PROPIAS FAMILIAS QUEDABAN ABRAIADAS DE QUE TOCARAN E CANTARAN TAN MARABILLOSAMENTE"
"Cando chegabamos ás aldeas, moitas veces falabamos coa xente e dicíannos: 'Maruxa ou María saben tocar moi ben', e alí iamos nós a convencelas de facer unha gravación, algo que non era tan sinxelo, sobre todo nos comezos, porque elas descoñecían os nosos obxectivos", lembra Xabier Díaz. E, "nas súas casas, as súas propias familias quedaban abraiadas de que elas tocaran e cantaran tan marabillosamente, con tanta excelencia", apunta. Unha desas escenas que se lle gravou especialmente na memoria: "Nos anos 90 fixen unhas gravacións no concello de Trazo, na parroquia de Monzo e, anos despois, tiven a honra de subir a aquelas señoras que gravara ao palco dun teatro a cantar con alumnas miñas que aprenderan o seu repertorio vendo os vídeos que recompilara", conta o músico, que asegura que "foi moi emocionante velas a todas xuntas enriba do escenario". Como emocionante foi tamén a resposta da xente cando viu a aquelas señoras do interior da provincia da Coruña tocar e cantar a pandeireta tan marabillosamente. "Foi absolutamente conmovedor", asegura.
Aquela emoción era tamén, dalgún xeito, unha revelación: o descubrir que Galicia vivira durante moito tempo de costas a un tesouro. "O país era descoñecedor da súa riqueza, vivía de costas a un patrimonio inmenso e a unhas voces tan auténticas como as daquelas mulleres", asegura Xabier Díaz, que sinala que "Galicia estivera construíndo a súa música tanto a nivel patrimonial como profesional nunha clave moito máis gaitística, por poñer un exemplo". Sen embargo, el e os seus compañeiros de recollida, que si coñecían o patrimonio tan rico da música oral, "procurabamos sempre que podiamos darllo a coñecer a toda a sociedade galega". Como moi claramente proclama: "Tratábase de alertar de que hai moitos Pórticos da Gloria que non se ven e que son marabillosos porque nos constrúen como pobo, constrúen a nosa maneira de pensar, de expresarnos, de cantar, de amar, de sufrir... e fannos únicos no mundo". E todo iso "está implícito nesa lírica popular, nese 'corpus' do cancioneiro galego, no que se atopa tamén o noso espírito como pobo", asevera.
"TIÑAMOS UNHA OBRIGA COLECTIVA: ATENDER ESE PATRIMONIO, COIDALO, COMPILALO, DESCLASIFICALO, VOLVELO PAPEL E RECOLLELO EN CANCIONEIROS"
Porén, estas mulleres que entrevistaba Xabier Díaz non eran conscientes do valor que tiñan os seus saberes, nin tampouco se referirían a elas mesmas como cantareiras. "Non valoraban en exceso todo ese patrimonio que atesouraban na súa memoria, en parte porque durante moito tempo foran menosprezadas, o que lles levou a herdar ese xeito de pensar, ese mantra de 'isto que sabemos non vale para nada'", reflexiona o músico. Con todo, verdadeiramente, "eran as herdeiras dunha das herdanzas máis importantes que pode ter un pobo: o seu canto, a súa maneira de expresarse liricamente e de transmitir o seu sentir con cantigas". Pero, cando se lle pregunta pola vixencia do legado destas mulleres, amósase claro: "Agora, co paso do tempo, tanto a sociedade como elas mesmas, as que viven, e as súas familias, son conscientes de que aquelas avoas e bisavoas eran sabias". Afortunadamente, hoxe podemos lembrar todo o que elas sabían grazas ao traballo de Xabier Díaz e de moita outra xente que se afanou por recompilalo, pois, de non ter eses testemuños gravados e documentados, ese saber tería morto con elas.
Neste senso, o músico lamenta que, aínda que agora hai unha mirada colectiva moi amable e numerosa cara este patrimonio, durante moito tempo, non só houbo descoñecemento desta cultura popular, senón tamén "un deixamento de funcións tanto por parte das administracións como da sociedade en xeral, unha irresponsabilidade colectiva". E é que, como resalta, "tiñamos unha obriga colectiva: atender ese patrimonio, coidalo, compilalo, desclasificalo, volvelo papel e recollelo en cancioneiros". "Esas gravacións deberían estar en multitude de programas de televisión, non unicamente ser vistos con perpectiva científica, pero durante moito tempo prestóuselles menos atención da que se debía", lamenta Xabier Díaz, sen rancor, pero con firmeza. "Se non fose polo ánimo e o amor de moitas e moitos 'amateurs', folcloristas, amantes da música ou investigadores como Doroté Schubarth --unha suíza que veu a Galicia comprometerse coa nosa cultura porque comprobou a riqueza tan grande que tiña--, viviriamos nun estado de desleixo e abandono moito maior", reflexiona, lamentando que o seu arquivo, como o de moitos outros, non estea dixitalizado. "É unha mágoa que todo ese patrimonio non estea compilado con medios profesionais, conservado nun arquivo", lamenta.
"NON PODO SENTIRME MÁIS FACHENDOSO DA MOCIDADE DESTE PAÍS, QUE 30 ANOS DESPOIS DO MEU LABOR, SEGUE PROFESANDO AMOR POLA NOSA CULTURA"
Xabier Díaz amósase optimista de cara ao futuro, ao que mira con esperanza, grazas ao labor de recollida que seguen realizando a día de hoxe mozos que adican parte do seu tempo libre a seguir aprendendo, coñecendo e recollendo a lírica popular da nosa terra. É este o caso de Miguel Barbazán Lesta (@miguelblesta en redes sociais): "É fantástico o traballo que fai e as ganas que lle pon, agrádame moito ver o ben que comunica, sabendo chegar coa súa paixón pola nosa tradición á xente da súa idade de maneira fantástica", di Xabier sobre el. "Non podo estar máis feliz nin sentirme máis fachendoso da mocidade que ten este país e de ver como, 30 anos despois do meu labor, aínda hai cativos e cativas universitarias que seguen profesando un fondo amor pola nosa cultura, pola nosa música e polos nosos bailes", comenta orgulloso o músico, que defende que, "contra ese abandono por parte das autoridades competentes, a nosa foi sempre unha sociedade resiliente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.