Beatriz Busto, autora de 'Pandereteiras de Mens': "O patrimonio oral era a súa vida e circulaba e tiña sentido nela"

A antropóloga social e cultural, investigadora, profesora e activista defende que o recoñecemento do patrimonio oral debe ir acompañado de investimento, respecto e coidado e non quedarse só reducido a unha icona co gallo das Letras Galegas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 16/05/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Hai un tipo de memoria que non colle nun libro. Vive no corpo, nos xestos, na voz que se ergue sen partitura, no movemento dunha man que marca o ritmo dunha vida. É unha memoria feita por mulleres que nunca reclamaron autoría, nin escenario, nin recoñecemento. Mulleres como as pandereiteiras de Mens, que viviron sen saber que eran cultura viva. Mulleres que cantaban e tocaban mentres traballaban, criaban, curaban ou fiaban. Mulleres que gardaban na súa memoria os cantos da infancia, os sons das festas, os ritmos da aldea. Mulleres que eran arquivo sen sabérense tal. Con motivo deste Día das Letras Galegas adicado á tradición oral das nosas cantareiras, Galicia Confidencial entrevista a Beatriz Busto, antropóloga social e cultural, investigadora, profesora e activista. E fala alto e claro: a oralidade non debe encaixar á forza no molde da literatura escrita e non é necesario convertela en icona para recoñecela. Trátase de darlle valor e coidala como patrimonio vivo que sempre estivo aí.

Pandereteiras de Mens
Pandereteiras de Mens | Fonte: Fondo do Museo do Pobo Galego

Busto recoñece que a noticia de que o Día das Letras Galegas deste ano 2025 sería unha homenaxe ás cantareiras chegoulle "con certo conflito". Por unha banda, alega que foi unha "alegría" que se lles outorgase "un recoñecemento público tan relevante no noso país". Pero, pola outra, confesa que existe unha tensión de fondo: "O paradigma das Letras Galegas é un paradigma de literatura formal que non encaixa co da literatura informal". Como antropóloga, Busto sinala que hai dous modelos de creación, de sinatura, de concepto autorial ou mesmo de literatura. "Non estamos a falar do mesmo paradigma e, moitas veces, un entra en conflito co outro", sinala. De feito, como exemplo, apunta ao feito de que as persoas recoñecidas no Día das Letras Galegas deben levar falecidas alo menos 10 anos e, "aínda que hai cantareiras que xa morreron, seguimos tendo mulleres cantareiras moi relevantes a día de hoxe vivas". Por iso, aposta por achegarnos á oralidade dende a súa propia lóxica, dende o seu propio paradigma: "O universo da oralidade e da recreación colectiva".

Ao tempo, manifesta outra preocupación como especialista en oralidade musical que é: que o recoñecemento simbólico do que estamos a falar remate convertendo en fetiche aquilo que debería ser entendido como vivo. "Preocúpame que as efemérides que celebramos rematen por folclorizar ou fetichizar os patrimonios dos que falamos, porque a iconificación e a deshumanización están aí, como riscos", lamenta Busto. Deste xeito, e a pesar da ledicia que lle produce que se poña o foco sobre as cantareiras, insiste en que o verdadeiramente importante é que isto non fique unicamente no xesto simbólico. "Agardo que sirva para que os organismos públicos fomenten investigacións e invistan no futuro dos estudos arredor da oralidade musical galega, algo que nunca fixeron", reivindica, á vez que lanza unha queixa tan clara como certa: "Non temos en Galicia un grao en Antropoloxía Musical, nin en Musicoloxía, nin estudos específicos de etnomusicoloxía, polo que as persoas que queren formarse niso, tendo en conta o rico patrimonio que temos, teñen que marchar fóra".

"AS PANDEREITEIRAS DE MENS FORON POPULARIZADAS PORQUE ENTRARON NUNHA AGRUPACIÓN FOLCLÓRICA DA CORUÑA, PERO HABÍA MOITAS MÁIS"

A súa obra 'Pandereteiras de Mens' naceu precisamente "en ausencia de institucións públicas que financien investigacións". Foi aCentral Folque quen apostou por este estudo, incluíndoo na colección 'A chave mestra', adicada a figuras relevantes do patrimonio oral galego. Así, Busto explica que as protagonistas do seu libro foron "cinco veciñas labregas de Mens e Asalo --Prudencia, Asunción, Manuela, Teresa e Adela-- que cantaban, tocaban e bailaban, e que acabaron sendo popularizadas porque empezaron a formar parte activa da actividade dunha agrupación folclórica da cidade da Coruña: Aturuxo". Pero advirte tamén de que non eran elas as únicas: "En Mens (Malpica de Bergantiños) había moitas máis, así como nas parroquias darredor, porque todo aquilo era comarca de pandereiteiras e cantareiras", asegura. Ademais, apunta que esas cinco mulleres tiveron visibilidade porque participaron nesa agrupación organizada, pero houbo moitas outras que aínda hoxe son invisibles pola propia natureza da oralidade, que "non responde ao paradigma da sinatura nin ao concepto autorial". "En calquera caso, todas eran portadoras, transmisoras e creadoras", pon en valor.

Pandereteiras de Mens
Pandereteiras de Mens | Fonte: Fondo do Museo do Pobo Galego

Partindo desa base, Busto fai fincapé tamén na idea de que a música tradicional formaba parte indisoluble da vida cotiá, non dunha práctica artística consciente. "Este patrimonio era a súa vida, circulaba na súa vida, tiña sentido na súa vida", explica. Por iso moitas nin tan sequera consideraban ser portadoras de cultura. Para entendelo mellor, a antropóloga sinala que sería algo semellante a que dentro dun século a calquera de nós nos recoñezan por unha actividade que facemos no noso día a día de maneira inconsciente e á que non lle damos maior importancia. E iso, di, tamén explica por que moitas destas mulleres non deixaron rastro: "O seu patrimonio e elas mesmas eran fondamente invisibles, porque eran todo o contrario aos modelos que deixan rexistro ou documentación por escrito". Ironicamente, en realidade, "esa era --e é-- a nosa cultura intrínseca", afirma. "Esa é a nosa realidade, o noso xeito de cantar, o noso xeito de tocar, o noso xeito de bailar, tamén con variedades territoriais", resalta.

"O INTERESE POLA TRADICIÓN ORAL QUE VEMOS HOXE É TAMÉN O RESULTADO DUN CAMIÑO COLECTIVO QUE SE LEVA CONSTRUÍNDO DENDE OS 70 E 80"

Sobre o presente, Busto amósase clara: "O interese polo universo da tradición oral vese hoxe porque a industria musical máis potente se interesou e porque sae nos medios, pero houbo outras xeracións antes que tamén traballaron moito por poñer isto en valor: a de Berrogüetto, a de Leilía, a de Milladoiro, a de Fuxan os Ventos...". Por iso, aínda que recoñece que vivimos nun "momento interesante, mesmo glorioso", lembra que este non é un fenómeno novo nin espontáneo. "Este é o resultado dun camiño colectivo que se leva construíndo dende os anos 70 e 80, a diferenza está en que agora temos redes sociais e viralidade e que a industria musical mestura a nosa oralidade popular con estilos que son 'mainstream' na actualidade, pero, ao final, todo o que vemos hoxe é consecuencia dese camiño colectivo", resalta. E lanza un desexo: "Se todo isto serve para que a xente comece a preguntar nas casas quen canta, a consultar arquivos, a cantar, a bailar e a falar en galego... será marabilloso, pero se o momento que vivimos é verdadeiramente transformador para a sociedade galega, aínda está por ver; ogallá o sexa e, de selo, será grazas ao camiño construído en colectivo entre todos e todas".

Pandereteiras de Mens
Pandereteiras de Mens | Fonte: Fondo do Museo do Pobo Galego
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta