Parasitos contra a avespiña do castiñeiro

A Consellería do Medio Rural intensifica a loita biolóxica contra este insecto mediante a solta experimental de parasitos.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 17/05/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural está a intensificar a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro a través da solta experimental de parasitos deste insecto, que afecta os cultivos e provoca perdas na produción de castañas. A titular deste departamento, Ángeles Vázquez, supervisou este luns en Toén (Ourense) estes traballos de control, que están considerados como a única medida eficaz para facer fronte a esta ameaza.

Avespiña asiática, na bugalla dun castiñeiro
Avespiña asiática, na bugalla dun castiñeiro | Fonte: USC.

As actuacións consisten na solta controlada e experimental de exemplares de Torimus sinensis, o único parasitoide (organismo que parasita a outros, impedíndolles que cheguen á fase de multiplicación) coñecido da avespiña. Esta iniciativa foi autorizada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama), a petición da Xunta.

A solta faise de xeito experimental para avaliar a súa eficacia antes de proceder a unha liberación masiva de parasitos, que tamén deberá ser autorizada polos responsables de Sanidade Vexetal do Ministerio.

Na última semana, técnicos de Medio Rural fixeron efectiva a solta de case 450 viais deste parasito. Cada un deles leva como mínimo 20 femias e 12 machos. Os puntos de solta coinciden cos sectores nos que está permitida esta actividade e abarcan diversos concellos das provincias de Lugo e Ourense. Nesta última é na que se está a dar unha maior incidencia da avespiña e por iso é na que se está a reforzar a loita biolóxica.

Previamente a cada solta percórrense as áreas de distribución do parasito para coñecer o estado vexetativo dos castiñeiros, xa que a liberación debe realizarse nunhas condicións determinadas e durante un período concreto de tempo.

Galicia é a principal comunidade autónoma de España en produción e exportación de castañas. Na última campaña superáronse os 20 millóns de quilogramos, que se traducen nun valor estimado xerado que supera os 100 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta