Santiago quere diminuir as colonias felinas cunha nova normativa

"Busca que se manteña unha convivencia respectuosa entre os gatos e os seres humanos", di.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2025 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago avanza no control das colonias felinas coa aprobación do primeiro Programa de xestión de colonias, que deixa sen efecto un protocolo anterior do 2015. Desta forma, Raxoi busca a súa progresiva diminución ata alcanzar a desaparación das mesmas.

Este protocolo, aprobado este luns na reunión semanal da xunta de goberno local, reforzará o emprego do método CER/CEVR, que consiste na captura, esterilización, vacinación e retorno, que o Concello xa emprega a prol deste obxectivo. Así, esta redución das colonias realizarase con "procedementos que cumpran cos preceptos de benestar animal e saúde pública e onde se manteña unha convivencia respectuosa entre os gatos e os seres humanos", segundo indicou o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental e Dereitos dos Animais, Xesús Domínguez.

O programa permitirá desenvolver os protocolos para cada actuación relacionada coa xestión das colonias: a captura e o traslado; as actuacións veterinarias adecuadas para a esterilización e a vacinación, e o retorno á colonia, mentres se persegue un seguimento, control e alimentación e coidados das mesmas colonias.

Deste xeito, insta á vixilancia de calquera incorporación ás colonias, a avaliación das posibles enfermidades infecciosas que poidan aparecer e o control dos partos. Segundo o edil, Raxoi consta dun censo con máis dun cento de colonias controladas, cuxos datos están actualizados.

ADOPCIÓN E ESTERILIZACIÓN

Por outra banda, todas as medidas contempladas no programa deben ir acompañadas de campañas de fomento de adopción responsable dos animais máis sociables. Nesta liña, o Concello pide á cidadanía a esterilización dos gatos das colonias, como dos domésticos para "evitar que poidan aparecer novas camadas".

O fin, resume Domínguez, é "conseguir a redución drástica do abandono das camadas de orixe particular", que sinala como un dos motivos polos que aparecen novos exemplares nas colonias felinas.

COLABORACIÓN ENTRE CONCELLO E CIDADANÍA

Para favorecer a materialización do novo programa, o Concello fomentará a colaboración coas entidades locais e a cidadanía implicada coa protección animal e na xestión das colonias felinas e os gatos comunitarios. "É un traballo compartido, de unión de recursos públicos de responsabilidade municipal e a participación dos voluntarios e as asociacións protectoras que levan a este control e ao coidado de todas estas colonias", indicou o edil. Así, aumentará a achega económico ao Refuxio de Bando para o seu funcionamento diario e melloras nas súas instalacións.

O Concello tamén actuará sobre as colonias de ámbitos de propiedade particular no caso de que haxa un acordo entre os propietarios da parcela coas asociacións e o voluntarariado encargado.

Colonias felinas en Santiago de Compostela
Colonias felinas en Santiago de Compostela | Fonte: Elena González - Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta