Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/05/2025 | Actualizada ás 13:50
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu a solicitude de ADEGA de paralizar cautelarmente o parque eólico Serra do Colmo, promovido por Enel Green Power nos concellos lucenses de Becerreá e Baralla. Supón un novo pau xudicial ao macropolígono eólico de máis de 130 MW que a empresa pretende instalar nas montañas dos Ancares, de forma fragmentada en, polo menos, catro proxectos: Serra do Colmo, Serra do Furco, Serra de Piñeira e Chao do Marco. Ademais compartiría espazo coa poligonal do parque eólico Pena do Pico, promovido por Greenalia, e tamén autorizado pola Xunta de Galicia.
O proxecto eólico Serra do Colmo rodearía cos seus catro muíños de vento de 180 metros de altura a xoia románica do Mosteiro de Santa. María de Penamaior, e destruiría áreas de campeo do millafre real, ave en perigo de extinción. O alto tribunal galego fundamenta a súa decisión en boa parte dos argumentos esgrimidos por ADEGA, que acreditan un "risco de dano irreparable ou de difícil reparación" sobre o medio, dado os valores ambientais comprometidos. A recomendación do Ministerio de Transición Ecolóxica de non instalar máis proxectos eólicos nesta zona, ademais da presenza probada de especies vulnerables ou en perigo de extinción, levan o TSXG a obrar de acordo cos principios de prevención e precaución elaborados pola xurisprudencia europea.
Esta paralización cautelar supón que, malia a contar o parque coa autorización administrativa e de construción da Xunta de Galicia, as obras deste polígono industrial non se poderán iniciar ata que non se ditamine sentenza sobre os recurso contencioso-administrativo interposto por ADEGA.
LÍMITE DE REDE NATURA
O proxecto eólico Serra do Colmo pretende situarse na parroquia de Santa María de Penamaior, do concello de Becerreá, na comarca dos Ancares, nunha zona de alta montaña que supera en varios puntos os 1.000 metros de altura. Esta zona acolle hábitats de interese comunitario (tamén prioritarios) como bosques aluviais, queirogais, carballeiras galaico-portuguesas e antigos soutos.
No núcleo da poligonal eólica atópase un dos cenobios cistercientes máis importantes do país, o Mosteiro de Santa María de Penamaior, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1982. Ademais, a poligonal eólica sitúase no límite dos espazos de Rede Natura ZEC Ancares-Courel e ZEC Cruzul-Agüeira, ocupa unha gran área incluída na proposta de ampliación da Rede Natura de 2008, e obstaculizaría a conectividade ecolóxica entre dúas Reservas da Biosfera.
Este proxecto, canda aos outros tres relacionados, suporía, segundo Adega, "unha auténtica barreira de paso para a avifauna entre Os Ancares e O Courel e unha grave ameaza para a poboación invernante de millafre real, presente nesta zona de alto valor ambiental". A zona tamén alberga as típicas paisaxes de campiña da montaña de Lugo cunha rica biodiversidade asociada. Alén do millafre real (Milvus milvus), aves vulnerables (Circus cyaneus e Circus pygargus) tamén presentes na zona poderían colisionar cos aeroxeradores e tamén coas infraestruturas asociadas.
Varios aeroxeradores situarínase, ademais, a menos de 500 metros das vivendas e dos núcleos poboacionais de Liñares, O Cabo e Riodarco, e ocuparían grandes zonas de produción agrícola e pasteiros. O proxecto estaría a tan só 300 metros da Área de Especial Interese Paisaxístico Cruzul-Agüeira, afectándolle de cheo, e a Via Küning atravesaría a poligonal.
INTERESE ECOLÓXICO
Ao tempo, o alto tribunal galego, nunha ponderación de intereses, fai prevalecer a salvagarda do interese ecolóxico e a protección ambiental sobre os intereses económicos ou argumentacións vinculadas ao desenvolvemento sostible, xa que estes últimos non son obxectivo de valoración en sede cautelar, senón que corresponden á análise do fondo da cuestión.
A campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos está detrás deste logro xudicial. ADEGA agradece a solidariedade recibida por parte da veciñanza, con especial mención á Sociedade Galega de Ornitoloxía polo seu compromiso coa causa, e a Carmen Méndez por ser altavoz deste micromecenado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.