A CIG denuncia a "americanización" da universidade galega a través de iniciativas privadas como a de Abanca

Na propia web da Universidade Intercontinental da Empresa figura que un grao en Psicoloxía ten unha matrícula de 10.500 euros anuais, polo que o seu custo total roldaría os 42.000 euros. "Só quen ten posibilidades económicas poderá acceder a esa universidade", sinalou o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2025 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

A CIG-Ensino denunciou o "aspecto segregador" que podería ter a universidade privada de Abanca e HM Hospitais co grao de enfermaría e con novos estudos superiores en ciencias da saúde. Neste sentido, a central sindical alertou dun proceso de "americanización" da universidade galega. "Estamos a falar xa dun proceso de americanización do ensino universitario galego, de que quen ten posibilidades económicas poderá acceder a esa universidade, ben porque a pode pagar ou porque ten capacidade de endebedamento", sinalou o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello.

Así o expuxo este martes nunha rolda de prensa en Santiago, na que asegurou que ese "aspecto segregador" débese a que "na propia web da Universidade Intercontinental da Empresa figura que un grao en Psicoloxía ten unha matrícula de 10.500 euros anuais, polo que o seu custo total roldaría os 42.000 euros". Pola súa banda, o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel González, destacou que "esta universidade non busca responder a necesidades formativas, senón competir coas universidades públicas sen cumprir as mesmas esixencias de estrutura, persoal ou acreditación de calidade".

Segundo advertiu, "aprovéitase a crecente demanda de profesionais sanitarios para garantir man de obra barata a través de prácticas precarias, formar perfís orientados á sanidade privada e xerar un excedente de profesionais que abarate os custos laborais". Neste contexto, explicaron que a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), en colaboración co grupo hospitalario privado HM Hospitais, planea impartir graos en Enfermaría, Biomedicina, Fisioterapia Médica e Deportiva, Podoloxía, Optometría e Fonoaudioloxía, e Xestión de Sistemas de Saúde, integrándoos na Facultade de Ciencia, Tecnoloxía e Xestión da Saúde, onde xa se ofrece Psicoloxía.

Así mesmo, engadiron que a UIE "maquilla" as denominacións dos graos "para evitar a duplicidade coas titulacións públicas, como Biomedicina, que só se imparte nunha universidade pública e outra privada, ou Xestión de Sistemas de Saúde, unha área de coñecemento propia de posgraos". Con todo, o secretario nacional de CIG-Saúde lembrou que "levan anos" reclamando a planificación das necesidades de profesionais na sanidade pública e que se adapten as ofertas formativas a esas necesidades, "tendo en conta o cambio nas necesidades de profesionais relacionadas coas novas formas de enfermar ou cos avances científicos".

Manuel González Moreira, secretario nacional de CIG-Saúde, e Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino
Manuel González Moreira, secretario nacional de CIG-Saúde, e Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino | Fonte: CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta