Sobe o prezo da vivenda en Galicia a pesar da crise

Increméntase un 2,6% no primeiro trimestre en Galicia, por enriba da media, ata 1.198 euros. A maior subida é na provincia da Coruña.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/05/2016 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

Cando aínda non hai indicios de recuperación económica e hai xa quen fala dunha nova recesión económica, o prezo da vivenda libre en Galicia, lonxe de baixar, incrementouse un 2,6% no primeiro trimestre en Galicia en relación co mesmo período de 2015, dúas décimas por enriba da media, ata 1.197,5 euros, segundo os datos que publica este venres o Ministerio de Fomento.

Paneis solares en diversas vivendas
Paneis solares en diversas vivendas

Por provincias, na Coruña incrementouse un 5%, ata 1.239,1 euros; mentres en Lugo ascendeu un 4,4% e se situou en 948,7 euros. En Pontevedra o aumento foi do 1,1%, ata 851,7 euros; e en Ourense descendeu, un 1,3%, de modo que quedou en 1.22,6 euros.

No conxunto estatal, o prezo medio da vivenda libre en España situouse en 1.492,4 euros por metro cadrado no primeiro trimestre de 2016, o que supón un incremento do 0,2% a nivel trimestral e interanual do 2,4. 

Un total de 12 comunidades autónomas rexistraron crecementos interanuais nos tres primeiros meses do ano, destacando Baleares (+9,6%), Cataluña (+4,9%), Madrid (+4,2%), Extremadura (+3,7%), Galicia (+2,6%), Comunidade Valenciana (+2,4%) e Canarias (+2,4%).Pola contra, o resto das comunidades autónomas aínda mostran caídas interanuais: A Rioja (-2,2%), País Vasco (-1,9%), Cantabria (-1,3%), Aragón (-0,1%) e Ceuta e Melilla (-0,3%).

En termos reais, descontando a inflación, o prezo da vivenda libre experimentou un crecemento interanual por sexto trimestre consecutivo, alcanzando un aumento anual do 3,1%.

Fomento explica que con este incremento o axuste do prezo dende máximos no primeiro trimestre de 2008 é do 29%. Pola contra, dende o seu valor mínimo, no terceiro trimestre de 2014, o prezo da vivenda recuperou xa un 2,5%. En termos reais (incluíndo a variación do IPC) o prezo actual reflicte unha caída dende máximos do 34,3%.

A vivenda de segunda man tira máis

Por tipoloxía, o valor medio do metro cadrado da vivenda libre de ata cinco anos de antigüidade situouse en 1.727,8 euros no primeiro trimestre do exercicio, o que supón un incremento interanual do 0,2%.

En canto á vivenda libre de máis de cinco anos de antigüidade, o prezo alcanzou os 1.486,4 euros por metro cadrado, o que supón unha suba do 2,6% en taxa interanual. Pola súa banda, o prezo do metro cadrado da vivenda protexida situouse en 1.113,2 euros ata marzo, un 0,2% máis que no cuarto trimestre de 2015 e un 1,5% por enriba do valor dun ano antes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta