Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2025 | Actualizada ás 16:39
A peor semana da campaña de loita contra os incendios forestais de Galicia desprazouse da 33 á 36 nos últimos anos, segundo destacou o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, nunha comparecencia na comisión do ramo. "Dá para facer chistes, a semana 33, á idade de Xesucristo... Bueno, pois é a peor semana de Galicia en incendios. Pero se vemos os últimos cinco anos (...) a peor semana sae a 36. Foise retasando, cara a setembro", resaltou, na súa análise ante os grupos dos datos estatísticos.
Do seu exame extraeu que o ano pasado "consolida esa tendencia", xa que a peor foi a 38. "Os incendios están a correrse cara a setembro, cara a outono", concluíu. Fronte a isto, e nun contexto de cambio climático, os portavoces dos grupos da oposición na Cámara autonómica pediron actuacións dirixidas á prevención, ademais de trasladar algunhas das reclamacións do colectivo de traballadores contra o lume.
Pola súa banda, o responsable de Defensa do Monte reivindicou as actuacións do Goberno galego neste ámbito, incluídas as referidas a melloras das condicións laborais do servizo de extinción. Entre outros datos, sinalou que Medio Rural incrementa en case un 20% o orzamento para a formación e adestramento do persoal de prevención no bienio 2025/26.
Ademais, aproveitou para cargar contra os incendiarios, ao mostrar algunha imaxe na súa presentación e preguntar aos deputados: "É un incendio forestal? É un intento de asasinato. Houbo que confinar rúas, non casas: rúas. Chamámoslle incendio forestal a todo, porque claro, é lume.... Hai ata 14 puntos de inicio", ilustrou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.