Artes escénicas para poñer en valor as covas de Valdeorras

Os días 20 de xuño, 18 de xullo e 22 de agosto a Asociación Ruta do Viño de Valdeorras organiza actuacións de ilusionismo, música e danza en diferentes covas de adegas asociadas á entidade para poñer en valor este 'patrimonio único en Galicia'.

Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 17/06/2025 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Asociación Ruta do Viño de Valdeorras comeza esta semana o seu ciclo ‘Entre Covas’, un festival de artes e enoturismo co que levarán propostas escénicas a diferentes puntos da comarca, con espectáculos musicais, de danza e ilusionismo a carón das covas de adegas asociadas á Ruta.

Covas de Seadur, na Comarca de Valdeorras. Foto: XMF.
Covas de Seadur, na Comarca de Valdeorras. Foto: XMF.

O festival inclúe tres actuacións, en tres datas e lugares diferentes. A primeira é este venres 20 de xuño en Seadur, concello de Larouco, na terraza da Cova da Xabreira. Alí haberá un espectáculo de ilusionismo a cargo de Joshua Kenneth, quen promete setenta minutos de humor e misterio. Trala actuación, programada para as oito da tarde, ofrecerase unha degustación de viños e petiscos elaborados con produtos de proximidade.

A segunda actuación é o venres 18 de xullo na Rúa, na zona da Coroa e das Pinguelas e coa participación das covas de tres adegas asociadas á Ruta, cunha proposta itinerante. Comezarase cunha breve visita á cova de Adega Melillas, na Coroa. Despois, o evento seguirá nas Pinguelas, onde haberá unha actuación musical na cova de Joaquín Rebolledo a cargo de Carmela, cun recital baseado na tradición oral galega. Trala música, haberá unha degustación de viños e petiscos na cova de Alán de Val.

O último dos eventos será o venres 22 de agosto nos exteriores de Bodegas Blare, en Vilanova, no Concello do Barco. Alí, a compañía de danza de Fran Sieira presentará o seu espectáculo CEIBE, unha peza que combina danza contemporánea e cultura tradicional. Neste caso, a cova da adega poderase visitar antes e despois do espectáculo, cando se servirán os viños e petiscos.

Todos os eventos comezan ás 20 horas e prolongaranse ata as 22:30 h, cun aforo máximo previsto de 50 persoas.

A Cova da Xabreira, unha das participantes no ciclo 'Entre Covas'. Foto: CTP
A Cova da Xabreira, unha das participantes no ciclo 'Entre Covas'. Foto: CTP

As entradas, á venda en Ton y Son ou a través da web da Ruta do Viño, custan 25 € para cada espectáculo, cun prezo reducido de 60 € ao mercar as tres xuntas. Inclúen o acceso ao espectáculo, a cata de tres viños e mais uns petiscos. En cada evento haberá seis referencias de viños de diferentes adegas asociadas á Ruta.

Esta iniciativa conta co apoio da dirección xeral de Turismo de Galicia e a colaboración da Deputación de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta