Un vídeo implica á veciñanza de Allariz para divulgar un protocolo fronte ás violencias sexistas

Para consolidar o protocolo “Allariz Pobo Seguro”, dez persoas representantes da realidade social de Allariz protagonizan un traballo audiovisual no que dan a coñecer, punto por punto, un decálogo de medidas para a prevención e atención das diferentes violencias sexistas en espazos festivos.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 23/06/2025 | Actualizada ás 16:20

Comparte esta noticia

Con esta iniciativa, Allariz convértese nun referente a nivel galego e estatal pola súa aposta decidida en facer partícipe á cidadanía na loita contra a violencia de xénero, promovendo espazos seguros e igualitarios para todas as persoas.

Casa do Concello de Allariz
Casa do Concello de Allariz | Fonte: GC

No vídeo, que estará dispoñible en allariz.gal/allarizpoboseguro e nas redes sociais do Concello, participan persoas de diferentes idades, sectores e sensibilidades: desde representantes da hostalería ata membros de colectivos culturais, pasando por persoal técnico municipal, mozas e mozos ou persoas maiores. Todas elas explican de forma clara e directa como aplicar cada punto do protocolo, reforzando a mensaxe de que a prevención e a resposta ante as violencias machistas é responsabilidade colectiva.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, sinala que “esta acción non só achega o protocolo á veciñanza, senón que transmite un valor fundamental: en Allariz, a seguridade e o respecto non son eslóganes, son compromisos reais que se constrúen desde abaixo, coa participación activa de todas e todos”.

PROTOCOLO 'ALLARIZ POBO SEGURO'

O protocolo “Allariz Pobo Seguro”, elaborado pola área de Igualdade e Benestar Social en colaboración cos corpos e forzas de seguridade, Subdelegación do Goberno, a Área de Turismo e a Asociación Cultural Xan de Arzúa, implantouse por primeira vez na Festa do Boi 2023, e desde entón segue a consolidarse como ferramenta de referencia.

O vídeo que se realiza agora supón un novo chanzo na implicación comunitaria e busca que todas as persoas que viven ou visitan Allariz coñezan os mecanismos de prevención e actuación fronte ás violencias sexistas, contribuíndo así á creación dun entorno seguro, xusto e igualitario. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta