O palangre galego celebra o recurso do Estado contra o "desproporcionado" veto a esta arte

A metodoloxía aplicada a todas as artes de pesca non ten en conta o impacto real e diferenciado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2025 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

A organización de produtores Porto de Burela agradeceu ao ministro de Pesca, Luís Planas, que decidise recorrer a sentenza do Tribunal Xeral da Unión Europea do 11 de xuño, na que se desestimaron os argumentos dos recursos presentados polo propio Estado e esta entidade, coa Xunta de Galicia como coadxuvante, que avalou o veto da Comisión Europea ao palangre demersal en 87 zonas do Atlántico Nororiental. Igualmente, a Xunta mostrou este mércores a súa satisfacción polo anuncio do recurso do Goberno central contra esta sentenza.

A OPP Porto de Burela lamenta que o fallo desestimou os argumentos presentados desde España, tanto por administración como sector, en canto a "a desproporción provocada polo Regulamento de Execución 2022/1614, que aplica unha única metodoloxía para todas as artes de pesca, sen ter en conta o seu impacto real e diferenciado". Apunta que dos 16.500 km2 pechados á pesca, un 32% son zonas de posibles ecosistemas mariños vulnerables a protexer e o 68% restante é por usar o modelo do arrastre a todas as artes de pesca, ademais de que queixa da falta de estudos de impacto socioeconómico.

Este recurso de casación presentado agora por España permitirá a todas as partes (Xunta de Galicia e OPP Burela) seguir participando no procedemento xudicial ata o final do mesmo, cunha defensa dos argumentos que entenden que o Tribunal Xeral da UE non interpretou adecuadamente. Por último, Porto de Burela pon en valor "a intensa colaboración do tres partes (Ministerio, Xunta e OPP) nos estudos e argumentos de defensa.

VALORACIÓN DA XUNTA

Mentres, a Consellería do Mar valora que este paso abre a porta á participación de Galicia no procedemento, no que xa están a traballar os servizos xurídicos da Xunta co obxectivo de achegar información de carácter técnico que permita reforzar as posibilidades de éxito do devandito recurso. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, expresou a súa satisfacción por este anuncio, que valora "moi positivamente" dado. Destaca que a Administración autonómica mantívose un contacto constante co sector para analizar e coordinar as accións a tomar no ámbito xurídico e político sobre unha sentenza que di "non compartir".

A Xunta lembra que son os Estados membros os que teñen a condición de demandantes privilexiados nos recursos contra sentenzas do Tribunal Xeral ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Ao tratarse dun recurso de casación, neste debe circunscribirse a motivos de dereito. Unha vía que mantén vivo o proceso xudicial mentres se traballa no ámbito técnico e político para reverter unha decisión que compromete o futuro do sector en Galicia.

O pasado mes de xuño, o Tribunal Xeral da Unión Europea desestimaba os recursos interpostos polo Goberno central e pola Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Burela e 16 compañías armadoras propietarias de 21 buques afectados, nos que participou a Xunta como coadxuvante, contra o veto á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental. Esta medida foi motivada pola Comisión pola existencia de Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMV) ou a posibilidade de que existan nas mencionadas áreas recollidas no anexo II do Regulamento de Execución (UE) 2022/1614. Esta decisión afecta a máis do 25% da frota galega, 200 embarcacións de forma directa e 946 de artes menores de forma indirecta.

Pola súa banda, o eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares enviou unha carta ao comisario de Pesca, Costas Kadis, na que reclama unha revisión urxente do Regulamento de Augas Profundas para excluir o palangre de fondo do seu ámbito de aplicación.

Barcos pesqueiros no porto de Bermeo (Bizkaia). EUROPA PRESS
Barcos pesqueiros no porto de Bermeo (Bizkaia). EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta