Jason Derulo desata o 'Wiggle' en Castrelos co seu 'Savage Love': unha noite histórica para Vigo

O artista estadounidense ofreceu un dos concertos máis vibrantes do verán vigués, nun auditorio popular que volveu demostrar a súa forza de atracción, o seu carácter único e o seu poder de convocatoria.

Por Ángela Precedo | VIGO | 04/08/2025 | Actualizada ás 02:05

Comparte esta noticia

Domingo 3 de agosto de 2025. Unha noite que Vigo lembrará para sempre. Este día tiña nome propio: Jason Derulo. Mentres o sol caía sobre a cidade e os últimos raios douraban as copas das árbores do parque de Castrelos, que daban sombra a un público que aguantou os máis de 35 graos que se rexistraron hoxe na cidade para ver ao seu ídolo, miles de persoas comenzaban xa a cantar os temas que desexaban que soasen esta noite. Familias enteiras, grupos de adolescentes, parellas novas e tamén veteranos de milleiros de concertos, todos compartían un mesmo obxectivo: ser parte dun concerto especial, dun concerto deses que se gardan na memoria para toda a vida.

Jason Derulo en Castrelos
Jason Derulo en Castrelos | Fonte: GC

Non era para menos. O que alí se estaba preparando era o encontro cunha das figuras máis recoñecidas do pop internacional dos últimos tempos. Jason Derulo, artista multiplatino, fenómeno global nas plataformas dixitais e presenza habitual nas radios de medio mundo, estaba a piques de actuar por primeira vez en Galicia, e facíao nun espazo tan singular como é Castrelos. Un auditorio gratuíto, aberto á cidade e ao mundo, onde o valor cultural e o compromiso institucional coa música conviven coa festa popular e coa accesibilidade para todos os públicos.

Aínda que a maioría dos concertos en Castrelos comezan ás 22.00 horas, este tivo un horario diferente. Ás 23.00 en punto, coma un reloxo perfectamente axustado, saltou ao escenario o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que acendeu ao público ao berro de: "Queríamos a Jason Derulo e Castrelos e conseguímolo!". Despois do seu discurso, as luces do escenario acendéronse e a música comezou a soar. Durante 10 minutos, o dj de Derulo foi quentando motores para que a iso das 23.10 o artista saíse ante un auditorio que se viu abaixo. En poucos segundos, o público pasou do murmurio da espera á euforia do directo.

UNHA VOZ DELICADA E UN BAILE IMPECABLE

Derulo apareceu acompañado dunha impresionante posta en escena: enormes figuras decorando o escenario, un corpo de bailaríns e bailarinas profesionais que o deu todo, pantallas led con visuais dinámicas e unha lista de temas coidadísima que fixo vibrar cada recuncho do parque. Pero, sen dúbida, se por algo destaca Jason Derulo ademais de pola súa voz, é polo seu baile. A xente estaba agardando os movementos de todo un prodixio, e non defraudou. Semellaba voar sobre o escenario en cada movemento, coma quen leva a música no sangue. Un show total para os sentidos que deixou pegada en todos os corpos e tamén en todos os corazóns.

Jason Derulo en Castrelos
Jason Derulo en Castrelos | Fonte: GC

A primeira canción foi 'Swalla' e non quedou dúbida coa súa interpretación de que a noite ía ser memorable. Tamén cos seguintes temas. Con 'Wiggle' e 'Take You Dancing' quedou claro que o artista estadounidense viña dalo todo. Con movementos áxiles, voz impecable e unha enerxía constante, Derulo converteu Castrelos nunha macrodiscoteca ao aire libre. Non faltaron grandes hits, como 'Tip Toe', 'Trumpets', '1-2-3' ou o irresistible 'Savage Love', co que toda a platea coreou ao unísono e bailou coma se fose a última canción da súa vida. E, para sorpresa de moitos, Jason Derulo pediu a todo o mundo poñerse activo para as redes sociais porque interpretou o tema viral 'Dame un Grrr' que estao rebentando no Tik Tok. Ademais, o que definiu o concerto foi a conexión co público.

"UNHA NOITE MOI ESPECIAL"

Jason falou, riu, bailou e compartiu confidencias entre canción e canción, insistindo en que "esta é unha noite moi especial para min". Nunha mestura de inglés e español --por breves momentos--, agredeceu a acollida e amosouse sorprendido pola beleza do lugar e pola entrega das miles de persoas que enchían o auditorio. Os máis afortunados, aqueles que levaban toda a tarde agardando na primeira fila para velo de preto, tiveron a sorte da súa vida. O artista baixou do escenario para darlles a man e mesmo abrazar a algunha rapaza que non sabía nin como reaccionar. E non botou pouco tempo abaixo: practicamente dúas cancións completas.

A calor da noite --tanto no ambiente como no escenario-- non fixo máis que aumentar a intensidade dunha actuación que se prolongou durante máis dunha hora e media, sen baixar nunca o ritmo. Houbo momentos máis íntimos, con baladas que fixeron brillar as lanternas dos móbiles, e tamén estoupidos de euforia cando soaron os temas máis bailables. Todo cunha precisión escénica digna dun gran festival internacional, pero nun espazo único que mestura natureza, historia e música en directo. Outro dos momentos clave da noite foi cando Jason Derulo quitou a camiseta. Os berros escoitábanse ata ben arriba da avenida de Castrelos.

O MODELO CASTRELOS: MÚSICA PARA TODOS

A actuación de Derulo foi, tamén, unha nova demostración do éxito do modelo Castrelos: un sistema que permite ao público gozar de concertos de grandes artistas internacionais sen pagar entrada, democratizando o acceso á cultura musical en vivo. Para aqueles que quixeron estar máis preto do artista, tamén houbo a posibilidade de adquirir entradas para o 'foso' a un prezo moi módico, unha opción que combina proximidade, comodidade e accesibilidade económica. Este equilibrio entre o gratuíto e o simbólico, entre a festa aberta e o espectáculo profesional, converte Castrelos nun fenómeno cultural que se repite verán tras verán e que forma parte xa da identidade da cidade de Vigo. Así, cada vez máis artistas internacionas --coma Jason Derulo--, súmanse á lista de nomes que pisan este escenario.

O público marchou coa sensación de ter vivido algo irrepetible. Non todos os días se pode dicir que un dos grandes nomes do pop mundial cantou e bailou para ti, sen saír do teu parque, coa lúa por testemuña e o eco das cancións a perderse entre as árbores. O concerto de Jason Derulo en Castrelos non foi só unha cita musical: foi unha celebración do encontro entre culturas, xeracións e formas de entender a música. Unha festa onde o corpo bailou, pero tamén onde se activaron as emocións, as lembranzas e a certeza de que, por unhas horas, Vigo estivo no mapa mundial da música. E iso, para moitos, non ten prezo. Castrelos segue facendo historia.

Jason Derulo en Castrelos
Jason Derulo en Castrelos | Fonte: GC
Jason Derulo en Castrelos
Jason Derulo en Castrelos | Fonte: GC
Jason Derulo en Castrelos
Jason Derulo en Castrelos | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta