Mortes no traballo en Galicia: non importan as vidas das persoas traballadoras?

Os sindicatos alertaron a mediados de ano que as cifras de sinistros laborais graves e con morte aumentaron. A falta de verdadeiras políticas de prevención e saúde laboral, sobre todo en PEMES, son parte das causas de accidentes mortais no traballo, unha tendencia que en vez de retroceder aumentou no país no que vai de 2025

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Ministerio de Traballo ofrecía as cifras da sinistralidade laboral entre os meses de xaneiro e xullo de 2025. O número de persoas que morreron no posto de traballo foi de 351, unha menos que no mesmo período de 2024. No caso galego xa van 38 persoas falecidas dentro do seu horario laboral segundo denuncia UGT, sindicato que apremia a cambiar a Lei de Riscos Laborais para actualizala ás novas realidades sociais e dentro dos postos de traballo. Tamén piden a dotación de máis persoal e recursos para a Inspección de Traballo e que dalgún xeito Galicia deixe de estar no “podium” das autonomías con maior mortes en accidente laboral.

Accidente laboral
Accidente laboral


AS CIFRAS...POLO DE AGORA
Os primeiros datos consultados veñen do 'Boletín Trimestral sobre Sinistralidade Laboral' Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e son cifras que inclúen os meses de xaneiro e marzo de 2025. Así, o primeiro trimestre do ano comezaba deixando 14 persoas mortas no traballo todas elas baixo o epígrafe de traballadores indefinidos. No mesmo documento, as mortes por sexos recollían 12 homes falecidos fronte a 2 mulleres. A provincia con máis falecidos nese momento era Pontevedra cun total de 6 decesos, 5 homes e 1 muller. Lugo e A Coruña rexistraban 4 mortes cada unha, no caso de Lugo foron 3 homes e 1 muller, na Coruña foron catro varóns. Por último, Pontevedra tivo 5 varóns falecidos máis unha muller.

No total do Estado, en xaneiro deste ano 2025 houbo un total de 39 falecementos mentres que no mesmo mes de 2024 foron 42. Os datos son do Ministerio de Trabajo que, entre os meses de xaneiro e xullo de 2025, rexistrou un total de 351 mortes fronte as 353 do ano anterior. Aínda faltan os datos do mes de agosto para sumar, mais sendo un mes case 'inhabil' é posible que tarden en ser publicados puidendo aparecer xunto aos de setembro. 

Dentro do Ministerio que dirixe Yolanda Díaz, aparecen os datos do Instituto Nacional de Seguridad y Salud en el Trabajo. Este organismo recolleu o número total de accidentes mortais en cada comunidade autónoma tamén entre agosto de 2024 e xullo de 2025. Entre as comunidades con maior número de accidentes estarían nun primeiro lugar Andalucía e a Comunidade Valenciana con 88 mortos cada unha. A segunda sería Cataluña con 87 seguida da Comunidade de Madrid con 66 e pecha a lista Galicia con 59.

Desde a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), o seu presidente, Juan Manuel Vieites, sinala os datos avanzados de xaneiro-abril 2024/2025 en Galicia onde se sinala que “a accidentalidade total redúcese un 1,63%”. Esta redución prodúcese en todas as tipoloxías de accidentes (leves, graves e mortais), ademais que o índice de incidencia se reduce un 2,96% (a redución prodúcese tamén nas distintas tipoloxías de accidentes pola súa cualificación). Vieites destaca un mecanismo “moi importante” en Galicia para combater a sinistralidade "Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo. Horizonte 2027".

Accidentes laborais entre agosto de 2024 e xullo de 2025
Accidentes laborais entre agosto de 2024 e xullo de 2025 | Fonte: Ministerio de Trabajo

Vieites sinala tamén a 'Estrategia Española de Seguridad y Salud en el Trabajo 2023-2027'. O presidente da CEG subliña que a aplicación destas normas no ámbito galego faise de modo consensuado mediante a aprobación no Consello reitor do ISSGA das medidas que conforman o plan de actuación anual de aplicación da 'Estratexia Galega'. Tamén destaca Vieites que ambas estratexias foron acordadas “no ámbito do diálogo social”.

QUE SUCEDE?
Non é doado responder a esta pregunta pois a multifactorialidade converxe con distintas compoñentes en cada caso. Segundo Fernando Sabio, director do Gabinete de Saúde Laboral da CIG, en cada accidente mortal “poden concorrer cinco ou seis factores” que varían en cada caso. Fernando Sabio apunta á falta de investimento en seguridade tanto desde as autoridades como desde as empresas.

O motivo está en que ese investimento segue sendo visto como unha “lousa” sobre os orzamentos das empresas, sobre todo entre as PEMES, que só cumpren coa lexislación como unha formalidade, é unha maneira de pagar menos custos. As grandes empresas invisten máis nesta materia, daquela teñen un menor número de accidentes. Mais, como destaca María Belén González, da UGT, a seguridade no traballo é unha cuestión formal que se debe superar para a maioría de PEMES. Á parte disto, González sinala que en trinta anos non houbo cambios na Lei de Prevención de Riscos Laborais o cal non ten actualizado o abano de doenzas profesionais.

Así, os casos de mortes por calor e a exposición á excesiva luz solar poden causar a morte do ou da traballadora. “Hai que incluír os efectos do cambio climático”, apunta González e tamén as doenzas psicosociais. Estas últimas están ligadas moitas veces ao traballo repetitivo en determinados postos de traballo como a automoción. “Aquí hai graves doenzas músculo-esqueléticas que non son recoñecidas como enfermidades profesionais” resalta Armando Iglesias, de CCOO.

Unha baixa por incapacidade temporal (IT) non soluciona os problemas músculo-esqueléticos de maneira definitiva. A isto sumámoslle que a doenza non está recoñecida como “enfermidade laboral”, por tanto, a persoa non é cambiada de posto de traballo ou non se fixeron cambios para evitar futuras baixas. O lugar de traballo segue igual, volven as doenzas e a persoa pode entrar en depresión.

A CEG remarca que o seu Plan de actuación para 2025 “desagrégase en seis eixos, con un total de 72 fichas de actividade”. Isto supón o marco de desenvolvemento para 2025 da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: horizonte 2027. Entre algúns dos puntos que abordará a Estratexia figuran a dixitalización, o envellecemento poboacional, o cambio climático ou a maior relevancia do risco psicosocial.

ACCIDENTES MORTAIS NON TRAUMÁTICOS
A reiteración de baixas por enfermidades do aparato músculo-esquelético e a falta de solucións para as mesmas ten consecuencias. Unha delas é que a persoa sofre a medio ou longo prazo doenzas relacionadas coa saúde mental. Isto provoca estrés que pode acabar provocando accidentes non traumáticos como son os ictus ou infartos. A cuestión está en que é difícil demostrar que foi accidente laboral.

Á parte disto, no caso de que a persoa acumule varias baixas a empresa pode proceder ao despedimento. O motivo está precisamente en non recoñecer os problemas músculo-esqueléticos como enfermidade laboral. Desta maneira, ante o baixo rendemento do traballador ou traballadora proceden ao despedimento.

Todas as lesións no posto de traballo deberan pasar pola mutua aseguradora da empresa. Porén, en moitos casos estas mutuas non recoñecen a enfermidade como laboral por iso, en moitos casos, os e as traballadoras acoden ao SERGAS onde poden recoller unha baixa. Armando Iglesias apunta que isto, o recurso á baixa por parte do SERGAS, é o elemento que usan tanto desde as autoridades políticas como o empresariado para queixarse do 'absentismo laboral'.

Por último, as forzas sindicais ven detrás desta sinistralidade a política de máis produción canto máis axiña mellor. A falta de investimento en seguridade pode pasar como un “recorte de custos” en prexuízo dos traballadores e traballadoras. Existe unha “aceleración” nos procesos laborais que, como apuntan algunhas fontes sindicais, buscan recuperar o “perdido” durante a pandemia.

Accidentes mortais no traballo primeiro trimestre 2025
Accidentes mortais no traballo primeiro trimestre 2025 | Fonte: ISSGA
Avances mortes en accidente laboral até xullo de 2025
Avances mortes en accidente laboral até xullo de 2025 | Fonte: Ministerio de Trabajo
Accidentes laborais por sexto
Accidentes laborais por sexto | Fonte: ISSGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta