Amaya Cervera, fundadora da web 'Spanish Wine Lover', visitou Valdeorras

A xornalista, con máis de 25 anos de experiencia, recibiu no 2023 o Premio Nacional á Comunicación Gastronómica. En relación ao godello, interesoulle "ver os matices que aporta e coñecer a súa capacidade de envellecemento".

Por E.P. | O Barco de Valdeorras | 28/09/2025 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

Durante dous días de visita á D.O. Valdeorras Amaya Cervera catou 72 viños procedentes de 16 adegas diferentes, dos que 39 foron brancos e 33 tintos. Segundo explicou, “o interesante de Valdeorras, máis aló de modas, é ver os matices que a terra pode aportar á variedade godello” e que “o que hai que ensinar agora é a capacidade de envellecemento desta uva” para poder falar de gran viño.  

Amaya Cervera nas instalacións do Consello Regulador da D.O. Valdeorras. Foto: CRDO Valdeorras.
Amaya Cervera nas instalacións do Consello Regulador da D.O. Valdeorras. Foto: CRDO Valdeorras.

Advertiu tamén a xornalista especializada que “ás veces, tendemos a ser un pouco obsesivos cando se trata dunha variedade que destaca, como a godello”, deixando de lado outras que tamén deben terse en conta. Neste sens, advertiu que “a comarca ten moita capacidade para elaborar tintos diferenciados incluso para explorar variedades máis aló da mencía”.

AMAYA CERVERA

Licenciada en xornalismo pola Universidade de Navarra, Cervera é a fundadora e editora da web bilingüe (castelán/inglés), especializada en viños españois, www.spanishwinelover.com. Colaboradora habitual de El País Semanal, escribiu tamén para outras publicacións nacionais e internacionais como Decanter, The World of Fine Wine, Harpers Wine, Meininger’s Wine Business International, PlanetaVino, Sobremesa, Robb Report España ou Metrópoli.

Tamén foi xurado en innumerables ocasións, en competicións nacionais e internacionais de cata, como os Decanter Word Wine Awards. Na actualidade, é membro dos comités de cata de La Rioja Alta e Bodegas Lan.

Amaya Cervera foi tamén a fundadora en 2014 da web especializada en viños "Spanish Wine Lover" (SWL), premiada como mellor plataforma online nos International Wine Challenge (IWC) Merchant Awards para España en 2017, 2018, 2019 e 2020. En 2018 tamén recibiu o Premio Gourmet Fóra de Serie á Divulgación Gastronómica Online e en Redes Sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta