VIGO | 30/06/2016 | Actualizada ás 21:22 por EUROPA PRESS
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou este xoves que o Sergas desenvolverá proximamente o 'Primeiro Plan Estratéxico da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo', polo que se definirá o papel, características e liñas de actuación no ámbito asistencial, docente e de investigación na área sanitaria viguesa.
Así o trasladou o Sergas nun comunicado, despois de que Vázquez Almuíña asistise este xoves á presentación da 'Estratexia Sergas 2020', no marco da celebración do primeiro aniversario do Hospital Álvaro Cunqueiro.
En concreto, trátase dun plan que, segundo destacou o conselleiro, será desenvolvido mediante un proceso participativo no que se dará voz tamén aos pacientes a través das asociacións, e polo que se crearán comisións de traballo.
O xerente da EOXI, Félix Rubial, manifestou que elaborar este plan "nestes momentos resulta imprescindible", xa que "o último Plan Estratéxico databa de 2006 e se circunscribía exclusivamente ao ámbito hospitalario".
"Dez anos despois, temos unha organización nova, resultante dunha reordenación que integra atención primaria e hospitalaria", explicou, a colación do que engadiu que, polo tanto, "é necesario redefinir as liñas estratéxicas da área de cara a consolidar o seu papel presente e futuro".
O Sergas manifestou que despois do verán arrancará o proceso de elaboración deste plan, que está "directamente vinculado á Estratexia Sergas 2020, "folla de ruta do proceso de transformación e modernización do sistema sanitario galego cara aos novos retos da segunda metade do século XXI".