Alumnos de Europa, América e Asia participan no curso ‘Galego sen fronteiras’

Os cursos de lingua e cultura galegas reúnen en Santiago a persoas de 17 países durante tres semanas.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 02/07/2016 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Os cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ atraen un ano máis a Santiago de Compostela a estudantes procedentes de países de Europa, América e Asia. A XXIX edición deste encontro arrincou este ventes mañá organizada pola a Real Academia Galega (RAG), polo Instituto da Lingua Galega (ILG), a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña.  

Participantes no curso ‘Galego sen fronteiras’
Participantes no curso ‘Galego sen fronteiras’ | Fonte: USC.

O director do ILG, Ernesto González, lembrou que os cursos naceron hai 29 anos co propósito de “abrir Galicia ao mundo dende a profunda convición de que, como pobo, somos depositarios dun legado lingüístico e cultural que debemos non só preservar senón tamén compartir cos demais pobos”. Unha idea que compartiu a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da Universidade de Santiago, Dolores Álvarez, que destacou que grazas a estes cursos o galego está cada vez máis presente en universidades de todo o mundo. 

Pola súa banda, o presidente da RAG, Jesús Alonso Montero, botando man do aniversario das Irmandades da Fala, apelou no acto á “bandeira ergueita do espírito”. “Mentres que haxa xente que coma vós veña a abrazar esa bandeira, sempre haberá quen defenda o noso idioma”, dixo.  

DEZASETE PAÍSES REPRESENTADOS

O alumnado chega a Galicia para se mergullar na nosa cultura procedente de diferentes comunidades autónomas de España e doutros 16 países de Europa, América e Asia: Alemaña, Reino Unido, Finlandia, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Rusia, Suíza, Arxentina, Brasil, Chile, Estados Unidos, Singapur e Xapón. Ademais de asistir estas tres semanas a clases teóricas e prácticas, o estudantado poderá gozar dunha programación que inclúe conferencias, visitas a lugares de interese cultural e natural e obradoiros de música e baile galego, entre outras propostas. 

No apartado de palestras participarán a cantautora María Xosé Silvar Ses, a escritora e xornalista María Solar, a tamén escritora e catedrática de Didáctica das Ciencias da Universidade de Santiago Marilar Aleixandre, o autor e director teatral Cándido Pazó, o catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto, a profesora da Universidade de Varsovia Maria Boguszewicz, o profesor da Universidade de Wisconsin-Milwaukee Gabriel Rei-Doval e o académico e catedrático de Filoloxía Románica da USC Francisco Fernández Rei.  

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, tamén impartirá unha conferencia ao alumnado tras a visita á sede da Academia prevista para o vindeiro 8 de xullo. A Fundación Rosalía, a Fundación Otero Pedrayo ou o Museo do Pobo Galego figuran igualmente na listaxe de visitas dun programa que inclúe, entre outras actividades, un espectáculo do dúo Aldaolado; un recital de novas voces poéticas conducido por Gonzalo Hermo, ‘Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández’ de 2015, e protagonizado por Olalla Cociña, Silvia Penas, Francisco Cortegoso e Xesús Castro; e un obradoiro de música galega a cargo da Central Folque.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta