O PSdeG avisa dun "colapso" na dependencia galega por "falta de vontade" da Xunta

A portavoz de Política Social do PSdeG, Silvia Longueira, denunciou que Galicia se sitúa entre as comunidades que peor xestionan a dependencia, "con 349 días de espera media para que unha persoa reciba unha resolución"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/10/2025 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

A portavoz de Política Social do PSdeG, Silvia Longueira, advertiu que o sistema de atención á dependencia "está ao límite" e que a Xunta "non pode seguir mirando cara a outro lado mentres miles de galegos esperan unha axuda que nunca chega".

Nunha rolda de prensa ofrecida este xoves no Parlamento de Galicia, Longueira denunciou que Galicia se sitúa entre as comunidades que peor xestionan a dependencia, "con 349 días de espera media para que unha persoa reciba unha resolución", "case un ano, o dobre do que marca a lei".

"E neste tempo", dixo, "hai xente que morre sen recibir o que lle corresponde, familias que desesperan e traballadoras que seguen nunhas condicións que son, simplemente, inxustas".

A parlamentaria socialista dixo que "nunca houbo tantos recursos e nunca se fixo tan pouco". "Non é un problema de medios, é un problema de vontade política", afirmou Longueira, que lembrou que o Goberno de España destinou máis de 1.600 millóns de euros entre 2021 e 2023 para reforzar o sistema de dependencia, "mentres a Xunta recortaba fondos e desviaba diñeiro a bonos propagandísticos".

"UN SISTEMA AO LÍMITE E SEN PLANIFICACIÓN"

A deputada socialista alertou de que a situación actual "é só o principio dun colapso maior", xa que Galicia conta con 719.000 persoas maiores de 65 anos --case o 27% da poboación--. Por iso, incidiu na necesidade dun "plan realista" para afrontar o envellecemento "porque dentro dunha década, a demanda de coidados vai dispararse". "E se hoxe xa temos 349 días de espera, imaxinen o que virá mañá", dixo.

Longueira asegurou que a realidade deste colapso vese con claridade nos concellos. "O Concello da Coruña ten máis de 800 persoas en lista de espera e o de Vigo rolda o milleiro de solicitudes sen resolver", explicou.

"Falamos de dúas cidades con servizos sociais potentes e comprometidos, que a pesar de todo non dan feito porque a Xunta non cumpre co seu parte. Se isto ocorre en Vigo e na Coruña, imaxinen o que pasa nos concellos pequenos, sen recursos nin persoal suficiente".

Longueira criticou que Galicia sexa "practicamente a única comunidade autónoma que non conta con Plan Estratéxico de Servizos Sociais, a folla de ruta que debería garantir dereitos e planificación". "Outras comunidades van polo segundo plan; nós nin sequera fixemos o primeiro. E mentres tanto, seguimos improvisando a golpe de titular", engadiu.

PROPOSTAS SOCIALISTAS

Ademais, sinalou que o PSdeG "non se limita a denunciar", senón que leva ao Parlamento propostas concretas e realizables para reverter esta situación. "Temos un plan, e o primeiro paso é recuperar a dirección e a confianza no sistema", asegurou

A iniciativa socialista propón que a Xunta poña en marcha, nun prazo máximo de seis meses, o Plan Estratéxico do Servizo de Axuda non Fogar (SAF), tal e como obriga a lei, "porque sen planificación non hai futuro".

Ademais, Longueira reclamou aplicar de inmediato o Real Decreto 893/2024, que mellora dereitos, formación e calidade no sector: "Non fai falta inventar nada, só cumprir o que está aprobado e darlle dignidade a un servizo que é esencial".

A proposta inclúe tamén a aprobación, antes de que terme o período de sesións, dun plan integral de dependencia, que garanta os dereitos reais tanto ás persoas usuarias como ás traballadoras.

"Este plan debe pór o foco no que importa: reducir tempos de espera, reforzar os equipos sociais, estabilizar o persoal e asegurar que quen coida fágao con seguridade e recoñecemento", sinalou.

Longueira lembrou que o SAF debería ser unha "ponte segura" entre a necesidade e a atención, pero hoxe é "un camiño cheo de pedras". "Hai concellos onde funciona con dignidade e outros onde é claramente insuficiente. E detrás de cada carencia", insistiu, "hai persoas que sofren".

"O caso de Teresa de Jesús, no Porriño, é a proba máis dura de que estmaos fallando tamén as traballadoras. Son mulleres que coidan, moitas veces soas, sen apoio, sen medios e sen protección", lamentou.

A portavoz socialista insistiu en que Galicia necesita "un cambio de rumbo político decidido e valente" para construír un sistema de coidados público, forte e igualitario".

A deputada do PSdeG, Silvia Longueira, en rolda de prensa. PSDEG
A deputada do PSdeG, Silvia Longueira, en rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta