Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/10/2025 | Actualizada ás 14:00
-Cales foron as inquedanzas polas que se lle deu forma a este seminario 'Incendios forestais de Galicia. Raíces climáticas, edáficas e socioculturais'?
O seminario nace arredor da preocupante vaga de incendios e o dano que crearon este verán. Levamos varios anos traballando arredor deste tema e xa materializamos dous proxectos. O primeiro chamábase 'Prometeo. Prevención, extinción e recuperación de solos queimados' e o segundo era 'Terra Mater', co que abordamos a cartografía dos incendios en Galicia e as medidas e alternativas para diminuír o impacto dos lumes forestais.
-Cal era a meta que fixaba cada un destes dous programas?
O programa 'Prometeo' estaba financiado polo CEDETI e dentro del colaborabamos asociaciacións universitarias e administrativas, o equipo da USC traballou coordinado polo sistema de Vaersa da Comunitat Valenciana. Os obxectivos eran como previr e como extinguir os incendios e logo como recuperar os solos queimados. 'Terra Mater' é un programa financiado pola UE ademais de ser tamén un programa Interreg, desenvolvido entre Galicia e o Norte de Portugal, dentro del fun o coordinador desde a USC e coa particiación da Universidade Minho, o Politécnico de Porto e o Politécnico de Bragança e algunha empresa forestal. O obxectivo era ter coñecemenos para restaurar fundamentalmente os solos queimados, buscar que producía o lume, o que destruía e como poderiamos rexenerar o terreo da maneira máis rápida posible recuperando todas as características do chan forestal.
A rendibilidade do monte é moito maior se volvemos a reutilizar os produtos naturais como os presentes nas rochas: magnesio, fósforo e nitróxeno
-Que conclusións sacaron do 'Terra Mater' de cara a recuperación dun terreo logo de verse afectado por un incendio forestal?
Fundamentalmente atendemos aquilo que se destruía nun chan queimado e iso depende da intensidade do incendio. Se as temperaturas son moi altas ese lume acaba por destruír toda a actividade biolóxica do terreo, incluíndo bacterias e fungos, ademais de destruír a estrutura do chan. Isto tradúcese en que nada máis choiva a auga desagregará o terreo e acabará erosionándose. Vaise perder toda a capacidade produtiva do chan e tamén a biodiversidade existente antes do lume.
-Cos elementos recollidos nas investigacións destes programas, cales serían uns pasos recomendados para a recuperación dun terreo queimado?
Evidentemente ten que recuperarse a actividade biolóxica e recuperar todos os elementos nutritivos que se perderon, aí se se perdeu todo o chan é moito máis difícil. As perdas afectan sobre todo ao carbono, nitróxeno, potasio, fósforo, calcio e magnesio fundamentalmente. É necesario recuperar estes elementos para soster unha comunidade vexetal e chegar a unha produtividade importante. Ao mesmo tempo debemos recuperar as funcións do chan desde o punto de vista de “secuestro de carbono”, un elemento ou patrimonio moi importante que pode ser utilizado en Galicia. Por que? Pois por termos a maior capacidade de sumidoiro de carbono da Península Ibérica. Esta captación de carbono faise mediante a fotosíntese das plantas verdes. Hai árbores con maior capacidade de fixación de carbono e unha das que máis capacidade de absorción ten por métro cúbico de madeira é o carballo. Porén, a produtividade do carballo é moitísimo máis baixa que a do piñeiro e, sobre todo, do eucalipto, a maior capacidade de absorción de carbono que temos en Galicia está vinculada aos eucaliptais e piñeirais. Outra especie moi importante é o abeto Douglas pola súa capacidade produtiva e esta especie é a máis recomendada polo Ministerio de Transición Ecolóxica. É unha especie foránea mais está moi estendida por Reino Unido, Francia e Alemania e que en España ten xa as súas primeiras extensións en Galicia, Asturias e Castilla y León.
Un lume con temperaturas moi altas acaba por destruír toda a actividade biolóxica do terreo, incluíndo bacterias e fungos, ademais de destruír a estrutura do chan
-Como pode un propietario de terras restaurar os nutrientes dun terreo para que non perda propiedades de cara unha nova plantación?
O primeiro é recuperar a actividade biolóxica, que depende da fertilidade do solo. Se queremos restaurar un terreo o necesario é recuperar os elementos que se perderon en cantidades importantes. A fertilidade depende das condicións climáticas, non todos os lugares son igual de fértiles. No caso de Galicia, os terreos máis fértiles están na liña litoral, por debaixo dos 400 metros e a fertilidade diminúe moito en áreas de maior altitude. Mais a fertilidade pode recuperarse segundo os minerais que están nas rochas a partir das que se forma o chan. As rochas básicas teñen moitos elementos nutritivos como calcio e magnesio, fundamentalmente. Outras, como o granito e a lousa teñen menos mais no caso dos granitos hai un terceiro elemento importante que é o potasio. Estes tres elementos: calcio, potasio e magnesio son os necesarios para subir o Ph as condicións de produtividade. Iso pode lograrse mediante o que nós denominamos a remineralización do chan, isto é, introducir minerais alterables na superficie e, ademais, mentres se produce a alteración destes minerais tamén se absorbe carbono do aire, “secuestro de carbono por alteración incentivada”.
O carballo ten unha gran capacidade de fixación de carbono por métro cúbico de madeira, porén a súa produtividade é moi baixa
-Isto garda relación co uso dos fertilizantes artificiais a base de produtos químicos como é o nitramón?
O nitramón é moi importante, basicamente os elementos máis importantes da fertilidade son o nitróxeno, o fósforo e o potasio. No caso do nitróxeno o máis presente é o nitramón e derivados. No caso do fósforo os máis importantes son os súperfosfatos mais os prezos dos nitroxenados e fosforados cada vez son máis elevados. A rendibilidade é moito maior se volvemos a reutilizar os produtos naturais como os presentes nas rochas. Galicia conta cunha importante diversidade de rochas ademais de residuos desas rochas que teñen un pequeno tamaño de partícula, fundamentalmente en áreas de gravas, canteiras e onde existen minerais de tamaño fino que teñen unha maior superficie específica permitindo unha alteración máis rápida e maior absorción de CO2. Ao mesmo tempo, ese tamaño reducido mellora a retención de auga para as plantas, todo canto sexa fertilizar con rocha moída é moi positivo.
Logo dun incendio é necesario recuperar os elementos químicos necesarios para soster unha comunidade vexetal e chegar a unha produtividade importante
-Logo dos estudos feitos cal sería a recomendación que faría para recuperar superficies como as que arderon este verán en Galicia?
O máis importante, hai que amortecer ou eliminar situacións como a que se produciu este ano. Isto é como unha regresión, unha volta atrás, cando en Galicia se chegaron a queimar 200.000 hectáreas nun ano, 1989. A mellor maneira de evitar isto é incrementar o coñecemento sobre a importancia que teñen todos os sistemas forestais desde o punto de vista económico e do ambiental. Debemos mellorar o aprecio aos montes, tanto polos beneficios ecosistémicos que nos dan como pola rendibilidade económica. Non debemos esquecer que a rendibilidade nas cortas de madeira do ano pasado foi de 265 millóns de euros en 2024. Ese diñeiro permite rendas ás persoas propietarias de montes ademais de permanecer no rural realizando tarefas preventivas. Nese sentido hai que facer campañas en mellorar o aprecio cara os bosques e propietarios forestais.
-Porén, hai unha cantidade moi grande de propiedades sen coidar e sen usar con propietarios e propietarias descoñecidas. A falta de coidados nestas fincas pode aumentar o risco de incendio polo aumento de masa silvícola. Cal sería unha posible solución?
Ese é un tema moi complicado, en Galicia o asociacionismo non ten moito terreo fértil, máis ben hai dificultades para logralo. Isto pasa por intervir no sistema de educación, isto é, mostrar que o monte é necesario, debemos coidalo entre todos e a mellor maneira é asociarse. O monte non debe ser un vertedoiro, literalmente, porque aumenta o risco de incendios e aparecen elementos contaminantes que eliminan a biodiversidade e incrementan o deterioro ambiental. A mellor maneira de apreciar o monte é velo como elemento produtivo e creador de recursos que se poden investir, precisamente, na prevención de incendios e incrementar a produtividade deses lugares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.