Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2025 | Actualizada ás 14:00
Iso puido velo entre traballadores da economía precaria para desafiar as súas empresas. É posible "canear" o algoritmo mais sen esquecer que debemos evolucionar como tamén o fai el. Treré quere traballar sobre como os grandes servidores da nube son grandes consumidores de economía nun mundo cada vez máis afectado por elementos como o cambio climático.
-Que son os algoritmos de resistencia e como se poden desenvolver?
O concepto aparece no último libro de investigación que escribín xunto con Tiziano Bonini en Italia. Os algoritmos de resistencia parten dunha concepción monolítica do poder: “non hai que facer, a xente non ten autonomía...”, mais non é certo. Sen pasármonos a un romanticismo extremo, temos observado en repartidores de comida, en xente vinculada á economía precaria a nivel mundia e con pequenos influencers, que hai maneiras diárias e mesmo efémeras de resistir no día a día ao poder algorítmico. Isto pode facerse mediante trucos e aprendizaxes individuais con persoas que desenvolven no seu facer diario vías de vivir mellor cos algoritmos con aprendizaxe e conciencia. A nivel colectivo pode facerse mesmo creando plataformas alternativas de trucos e tácticas que poden facilitar a vida da xente en ambientes moi pechados e problemáticos no mundo laboral. Isto pode levarnos á 'solidariedade algorítmica' entre traballadores de diferentes ámbitos e que as grandes plataformas queren desincentivar. As grandes plataformas son moi pechadas e non lles interesa este tipo de intercambios, exercen control mais tamén podemos observar que non son todopoderosas. En definitiva, podemos exercer resistencia contra elas de diferentes maneiras.
-Tamén fala do concepto de “axencia”, termo que pode confundir a algunhas persoas que accedan ao seu traballo.
Falar de axencia é falar de actuar, de maneira de axir. Axencia, coas novas tecnoloxías, sería actuar na tradición latinoamericana de apropiación das tecnoloxías, mais tamén é a capacidade de reflexionar sobre o sentido e valor das súas propias accións. Isto lévanos ao concepto de 'conciencia algorítmica', cando a xente desenvolve mellores capacidades para actuar. Esa 'conciencia algorítmica' ten algo pedagóxico porque a xente pode aprender a usar mellor estas novas tecnoloxías para o seu propio beneficio, “edu ticktech”.
Existe a 'solidariedade algorítmica' entre traballadores de diferentes ámbitos e que as grandes plataformas queren desincentivar
-É posible, daquela, que unha persoa poida crear un algoritmo de seu e que sexa difícil de infiltrar polo algoritmo 'máis forte'?
Hai que ter unha grande capacidade de elaboración e coñecemento para crear o teu algoritmo. Alén diso, a maioría da xente pode buscar fendas e crear tácticas dentro dun algoritmo que é pechado como son os das grandes plataformas. A estes últimos non temos acceso directo, non sabemos como funcionan, mais non quere dicir que todo estea xa definido. Existe a posibilidade de capacidades e trucos que se poden compartir, mais é unha loita continua debido ás actualizacións das plataformas que obriga ás persoas a actualizarse en formas de resistencia. Sobre creación de algoritmos hai experimentos públicos para facer os algoritmos máis transparentes e máis xustos. Os algoritmos necesitan de grandes coñecementos por iso a maioría da xente o que pode facer é adaptarse ao que hai para entendelo mediante ensaio-erro. Hoxe en día vivimos nun mundo permeabilizado polo algoritmo, desde que te ergues pola mañá e usas unha app para calquera tarefa.
A 'conciencia algorítmica' aparece cando a xente desenvolve mellores capacidades para actuar
-Dada a súa descrición do algoritmos de resistencia, podemos ver unha relación entre o concepto de resistencia cultural fronte os grandes media, e os algoritmos de resistencia?
Penso que si. Había, e hai, unha resistencia aos medios masivos como a TV, mesmo falaban de imperialismo mediático. Agora poderiamos dicir que eses conceptos pasan polo “filtro dixital” profundamente nesgados polos algoritmos e mesmo a Intelixencia Artificial (IA). Un exemplo é Tik Tok ou cando Elon Musk mercou Twitter, agora X, esa rede é un altofalante para a extremadereita, isto demostra como o algoritmo privilexia ou agocha algún tipo de material. Daquela, nun mundo con estas plataformas, sobre todo de EEUU e o BigTech (as sete grandes tecnolóxicas do mundo), xa estamos falando de modificacións como quere o goberno Trump con Chat GPT para “que sexa menos woke” segundo os seus parámetros, menos crítico. Isto é unha loita sobre os algoritmos que regulan o que se debe ver máis, o que se privilexia e o que queda oculto. Todo isto ten algunha relación, non todo mais a TV segue tendo o seu papel, con todo, cada vez máis o terreo onde xogamos vaise modificando e isto ten un impacto cultural moi potente.
-Redes sociais como Blue Sky ou Telegram poden ofrecer vías para crear algoritmos alternativos?
Blue Sky foi “vendida” como unha volta ao antigo Twitter. Telegram é unha plataforma cos seus propios problemas, creo que a única rede cunha certa seguridade é Signal. O problema é de soberanía xeral, a inmensa maioría traballamos coas empresas BigTech que son moi susceptibles a cambiar a súa política segundo o goberno de quenda. Se hai un cambio de goberno como se produciu nos EEUU, a política das BigTech será de máis ou menos control sobre contidos de odio. Isto fai pensar en que as únicas plataformas capaces de ser controladas sexan de carácter público. Todas as plataformas poden cambiar e ningunha rede é unha solución a longo prazo.
Os algoritmos necesitan de grandes coñecementos por iso a maioría da xente o que pode facer é adaptarse ao que hai para entendelo mediante ensaio-erro
-Hai décadas falaban da “teoría da agulla hipodérmica”, xente actuando como adictos diante da TV. Podería nacer unha teoría semellante hoxe en día co consumo das redes por parte da xente máis nova?
A teoría da “agulla hipodérmica” era un modelo moi extremo, un elemento que entra en ti e te converte en adicto. A xeración que estudamos comunicación desde finais dos 90 temos traballado moito contra esta concepción tan absoluta de capacidade de “domesticación”. Mais en vista da penetración das redes sociais nas persoas volvemos a unha concepción moi forte de como pode impactarnos o algoritmo. Dentro do meu traballo en xeral, intento dicir que a situación é máis complexa que unha adicción, se ben a nivel económico e político hai unha capacidade máis grande de impactar, tamén hai formas de desconexión. Porén, vivimos unha época onde algoritmos e poderes ligados a eles teñen unha capacidade moi poderosa de modificar a axenda política. O problema está en poder controlar a quen modifica e moldea esta situación, podemos regular prohibindo acceso ás redes até os quince anos. Isto non vai impedir que as grandes tecnolóxicas sigan controlando os algoritmos e os fluxos de comunicación e información. O mundo das teorías sobre os medios vai por ciclos como indican los historiadores de los media. Creo que Tiziano Benoni máis eu estamos mirando á complexidade sen romanticismo, imos ver onde reside o poder político, mediático e económico mais tamén queremos ver as maneiras de resistir. Isto quere dicir que non todo está perdido.
-Onde están as marxes desde onde operan os e as creadoras de algoritmos de resistencia?
As marxes poden encontrarse en todos os ámbitos. No novo proxecto que preparo quero mirar cuestións medioambientais, a loita medioambiental contra os centros de datos que cada vez impactan máis sobre a calidade de vida nos lugares onde se instalan. Estes centros de datos consomen grandes cantidades de enerxía e recursos, isto dígoo porque non se abordou a cuestión medioambiental ligada aos centros físicos de datos onde se procesan os algoritmos. Os servidores da nube teñen que estar nalgún sitio e por iso me interesa investigar. Coa IA tamén hai posibilidade de marxe mais debemos buscar e experimentar como xogar e aproveitar fendas dentro destes novos terreos e como se liga coa crise global do clima.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.