Galicia duplicará o gasto en prevención de incendios e ampliará o tempo de traballo dos brigadistas

O orzamento de Medio Rural para 2026 aposta pola prevención de incendios, a conservación paisaxística e a mellora das infraestruturas agrarias e forestais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/10/2025 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural duplicará o seu orzamento en 2026 para reforzar a prevención e loita contra os incendios forestais, intensificando as inspeccións e axilizando a xestión da biomasa nas aldeas. Así o anunciou este sábado en Sober (Lugo) a titular do departamento, María José Gómez, quen explicou que o investimento pasará de 7,75 a 15,5 millóns de euros. Ademais, crearase un Fondo de Garantía de Limpeza de Franxas dotado con 10 millóns de euros, co que o investimento total superará os 25 millóns.

Vista do campo queimado tras o incendio, a 24 de agosto de 2025, en Seadur, Ourense. Carlos Castro - Europa Press
Vista do campo queimado tras o incendio, a 24 de agosto de 2025, en Seadur, Ourense. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Gómez explicou que se traballará en tres liñas principais: reforzar as inspeccións e o apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes; revisar as parroquias priorizadas; e axilizar as actuacións subsidiarias nos casos en que os propietarios incumpran a obriga de limpar a biomasa nas súas parcelas. A conselleira destacou tamén o compromiso coa mellora das condicións laborais do persoal da Xunta dedicado á prevención e defensa contra incendios, que verá ampliado o seu período de traballo ata nove meses.

Os investimentos incluirán melloras en bases aéreas xa existentes e a creación doutras novas, cun orzamento superior aos nove millóns de euros. Entre as actuacións previstas figuran unha nova base para avións de carga en terra en Valga, avances na base de helicópteros de Lalín e a ampliación das instalacións do Campiño (Pontevedra) e da Antela (Sandiás). Ademais, destinaranse 17,7 millóns de euros ao plan Camiña Rural, para apoiar aos concellos na mellora das súas vías municipais.

En materia de mobilización de terras, Medio Rural reservará 16,7 millóns de euros para impulsar os procesos de concentración parcelaria, co obxectivo de rematar as 71 actuacións abertas e continuar as 29 reestruturacións en marcha. Lugo será a provincia máis beneficiada, ao triplicar o investimento ata os 4,4 millóns. A conselleira avanzou tamén unha nova convocatoria de axudas para conservar a contorna paisaxística e combater a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, dotada con máis de 1,5 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta