CIG-Ensino concéntrase antes da Mesa Sectorial para reclamar maior dotación de persoal de atención á diversidade

A concentración deste martes desenvolveuse en silencio "emulando a resposta obtida ata o momento por parte da Consellería de Educación" á súa demanda de que se iniciase unha "negociación real" na que se abordasen melloras laborais e do sistema público galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2025 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse este martes en Santiago momentos antes da celebración da Mesa Sectorial docente para reclamar unha maior dotación de persoal de atención á diversidade en todos os centros e a redución do cociente en orientación. En concreto, a Mesa está convocada pola Consellería de Educación co obxectivo de analizar o borrador da Orde que regula o Concurso de traslados para o próximo curso 25/26 e da Orde qu regula o concurso de postos de orientación para centros infantís e de primaria.

A secretaria nacional de CIG-Ensino, Laura Arroxo, explicou que a concentración deste martes desenvolveuse en silencio "emulando a resposta obtida ata o momento por parte da Consellería de Educación" á súa demanda de que se iniciase unha "negociación real" na que se abordasen melloras laborais e do sistema público galego. Deste xeito, a CIG demandou na Mesa Sectorial a ampliación do catálogo de postos de traballo dos centros de educación infantil, primaria e especial que data do ano 2007, "dado que as circunstancias do ensino público galega cambiaron moito nos últimos 20 anos", sinalou Arroxo.

Por iso, solicitaron que se fixen uns criterios máis amplos para a dotación de persoal de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe con destino definitivo nos centros. Así mesmo, a CIG propón que se incrementen as prazas definitivas de PT nos institutos e crealas nos centros integrados de FP, así como unha maior dotación de persoal de orientación ata alcanzar a proporción de 1 por cada 250 alumnos que recomenda a UNESCO. Con todo, Arroxo instou ao resto de organizacións sindicais a apoiar esta proposta e fixo un chamamento a sumarse ás convocatorias de folga do martes 28 e do mércores 29 "para alcanzar melloras laborais reais e do ensino público en xeral".

Concentración CIG-Ensino
Concentración CIG-Ensino | Fonte: CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta