Os nosos libros e os cárceres

"Abrid escuelas y se cerrarán cárceles". Esta frase é moito de dona Concepción Arenal. O concepto xa viña desde as culturas máis antigas.

Por Xaquin Campo Freire | Ferrol | 12/08/2016

Comparte esta noticia

Desde 1946, na miseria e analfabetismo da posguerra española, foi Corín Tellado a escritora que puxo máis xente a ler entre as clases máis humildes e populares incluídas as aldeas. Grazas a ela, os que pouco máis facían que poder leren unha carta, foron quen de seguiren un argumento novelado e desde aí espertar a seren xa lectores. Hoxe ninguén lle pode negar a súa categoría de escritora dentro do seu xénero literario peculiar. “Ni soy romántica ni escribo novelas románticas. Soy positiva y sensible, y escribo novelas de sentimientos, que no es lo mismo. Las historias de la vida cotidiana me inspiran. Yo recopilo las vivencias de la calle y las acoplo a mis cosas. Mis personajes tienen una tremenda humanidad. Hay muchas chicas que en la vida real han vivido lo que viven mis personajes”.

A partires destes dous exemplos socio-literarios citados quero falar das bibliotecas e dos libros nos cárceres e na sociedade.

Estanse a tirar aos contedores do papel, ao lixo, infinidade de libros de todas as clases cando nos nosos cárceres hai falta de libros tamén de todas as clases: Literatura, didácticos, científicos, enciclopedias dos tempos da crianza dos fillos e das de máis categoría ou especializadas, etc.

Cos ordenadores e internet moitos destes libros estorban nas casas e as xeracións novas non fan uso deles. Pero no cárcere non hai ordenadores e a internet non está autorizada. Aí é onde o libro non perdeu actualidade. Que clase de libros? Todos. Imos razoar xuntos e veremos por que.

Nos  cárceres están maioritariamente, case exclusivamente, os pobres. Por iso, mesmo eses libros de contos que xa fican arrombados na túa casa son do mesmo nivel cultural de moitos dos nosos reclusos. E só empezarán a ler de novo se retoman eses contos sinxelos de rapaciños onde ficou a súa formación de antano. E digo outro tanto dos libros de Primaria, da ESO ou de BUP. O tempo do cárcere ten de ser un tempo aproveitado, pero para iso fan falta medios e instrumentos axeitados.

Que con isto xa vai ser todo de cor de rosas? Certo que non. Pero, como di o Xénese 18, 30-32: “E se non houbese máis que cinco xustos ti xa nos destruirías a todos?”. Vale a pena o noso esforzo se un dez, quince ou vinte por cento vai adiante e muda as súas condicións de formación alí e para cando saia en liberdade?

Os educadores de cada módulo e do cárcere en xeral ben desexarían teren  máis medios. Os libros son moi importantes. Logo están aqueles internos que, con formación máis elevada, son capaces xa de avanzar en por si ou mesmo de crear un grupo de estudo en común onde algún deles poida axudar aos compañeiros que desexan progredir e avanzar se hai medios.
O problema é moito máis amplo e complexo. Xa sei que a Xunta, o Goberno, o Ministerio do Interior, etc, serían os que terían de dotar os cárceres. É verdade. Pero xa vemos como nos vai coa sanidade, a educación, os servizos sociais, etc. E por outra parte estou a falar de non desperdiciar recursos que van ir ao lixo se antes con eles non nos beneficiamos todos.
Non fagamos como fixeron D. Xesús Vázquez, conselleiro de educación e o Sr. Feixoo que para que os profesores non caeran na tentación de dar certas crases en lingua galega queimaron milleiros e milleiros de libros de texto,  noviños, sen estrear. Pero dixo Manolo Rivas: “Os libros arden mal”. A queima deles sempre se volverá contra do incendiario.
Que tampouco se volvan contra nós se os tiramos ao lixo. Claro que non debemos converter o cárcere noutro contedor cos que están xa inservíbeis.

E como podemos facer se os queremos levar alí? Falo dos cárceres pero tamén dos xeriátricos ou de institucións sociais que poidan precisar. Na Galiza hai cinco centros penitenciarios. Na internet están os telefones de cada un deles. Hai un encargado da biblioteca ou un grupo de educadores. Pedindo que nos poñan con algún deles, seguro que conseguimos boa información. Eles xa nos indican a forma, o modo e o xeito máis amañado de procedermos.

“Las fuerzas que se asocian para el bien no se suman, se multiplican. El hombre que se levanta es aún más grande que el que no ha caído”. (C. Arenal).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xaquin Campo Freire Nado en San Xiao de Roca-Guitiriz, Lugo, en 1937. Licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria por Roma. ATS-DUE. Experto Universitario en Enfermaría Comunitaria e tamén en Urxencias e Coidados Itensivos. Diplomado en Coidados Paliativos. Traballou de enfermeiro no Hospital Marcide de Ferrol e no PAC de Fene. Foi capelán da Residencia de Anciáns de Piñeiros-Narón. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e Director da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa “Mons. Araúxo”. Membro das Sociedades Española e Galega de Xeriatría, do consello de redacción da Revista “Encrucillada", da Asociación de Escritores en Lingua Galega e participou con ponencias en diversos Congresos. Ten escrito numerosos artigos relacionados coa saúde. Leva varios anos exercendo un voluntariado no Cárcer de Teixeiro (A Coruña). Ten dous libros escritos. 1) A viuvez na Pastoral da Saúde. Un estudo sobre da viuvez na Galiza. 2) Ese que está no cárcer é meu irmán. Sobre a vida dos nosos reclusos e as súas familias, sen esquecer o problema das vítimas.