Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/09/2016 | Actualizada ás 00:35
Debate bronco, con poucas propostas e moi encorsetado no que non houbo ningún claro gañador. Feijóo foi acurralado en varios momentos, pero sen chegar a ser vencido. Tampouco os candidatos da oposición foron quen de darlle a estocada, a pesar de que foron de menos a máis en case dúas horas de programa nos que saltou a tensión polas críticas de partidismo por parte da moderación do debate.
Un dos grandes anuncios que saíu do debate a cinco na CRTVG foi o de posibles pactos electorais. PSdeG, En Marea e o BNG aproximaron posicións para sacar a Feijóo do poder se os númros cadra. "Hai dous camiños, o PP ou o PSOE, nós tenderemos a man para construír unha maioría alternativa liderada polo PSOE", manifestou a cabeza de lista do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga.
"Pactaremos con todas as persoas e institucións que aposten pola redistribución da riqueza, a xustiza social, a democracia, non contra as persoas que fixen políticas de sufrimento ou teñan coalicións cun partido dinástico; non teremos coalicións con xente como Baltar ou como vostede" espetou ao popular Alberto Núñez Feijóo a cabeza de lista de En Marea, Luís Villares. Pola súa banda, a nacionalista Ana Pontón asegurou que o Bloque "tenderá a man para un goberno de esquerdas".
Do outro lado, o PPdeG e Ciudadanos. De feito, este partido, asegurou que no próximo Parlamento galego haberá dous bloques: os constitucionalistas e os nacionalistas e populistas". Así, asegurou que a opción é "un Feijóo facendo o que lle dá a gana ou un Feijóo condicionado e controlado" por C's.
Feijóo, pola súa banda, comprometeu que tentará formar goberno se gaña as eleccións e aseverou que a súa coalición é “cos cidadáns". Ademais, reprochou que o PSOE non pacte con nacionalistas e Podemos en Madrid e en Galicia entregouse" a eles.
PSdG, BNG e En Marea coincidiron tamén nas súas exposicións en criticar a xestión que o PPdeG fixo da política social en Galicia durante as dúas lexislaturas en que gobernou o candidato popular á reelección, Alberto Núñez Feijóo. Ante os ataques, o presidente en funcións reivindicou o aumento en prazas públicas de gardarías, centros de día e residencias e o investimento en hospitais e colexios.
Críticas
Pero, sen dúbida os momentos de maior tensión vivíronse pola distribución do tempo e a moderación dos distintos espazos. De feito, non foron poucos as partes do debate nas que tanto Leiceaga, coma Luis Villares e a propia Pontón, protestaron polo excesivo tempo e trato de favor que se lle daba a Feijóo, que tiña quedas extras de palabras.
“Pedimos desculpas se houbo problemas pero os debates teñen estas cousas, a pesar de ter pactado o formato entre os cinco partidos”, desculpábase ao final do programa Kiko Novoa tras a contundencia amosada anteriormente pola súa compañeira Marta Darriba que mesmo chegou a amonestar a algún dos candidatos da oposición polas súas críticas a como se estaba conducindo o debate.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.