Máis do mesmo

Despois de escoitar a voz dos galegos expresada en votos, chega o momento da dixestión e análise dos resultados. E todo parece que tal dixestión será un tanto pesada para os partidos da oposición que pretendían ser o recambio do PP de Nuñez Feijoo.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 29/09/2016

Comparte esta noticia

Falaron os galegos e dixeron con rotundidade que queren máis do mesmo. E como lle dicía un paisano a outro na Alameda o día 26:  Arrasamos e barrémolos do mapa. Que pensaban ises que tanto predican que ían gobernar a Xunta.

Con todo o repecto que me merece a decisión dos cidadáns, vivimos nunha sociedade na que  diante o dilema de mirar ó futuro con certa perspectiva e pensando nas novas xeracións, os galegos moi maiormente  optaron unicamente  polo ir tirando. Ben sei que as causas do trunfo  de Feijoo maiormente non están na súa labor e xestión a cal  é realmente pobre e cativa. Están baixo, o meu punto de vista, na falta de unidade da esquerda, na tardanza en propoñer candidatos e sobre todo nas leas e divisións dos que pretendían ser alternativa ós populares.

Con todo, estas elección deixan claras algunhas cuestións. A primeira, é que  no eido da dereita non se discute cara ó exterior e obedécese sen protestar. Non hai primarias pero a organización xerárquica funciona perfectamente. Non se debate nas bases, traballase ou ben porque un é convencido ou por outras razóns  como  as obrigas contraídas. E ós resultados están á vista.
Dúas; pretender ser alternativa e gobernar soamente sacando á luz os defectos e cacicadas do que goberna  non chega. Polo que hai que facer propostas realistas e presentar unha alternativa que convenza e ilusione  ós electores. Escoitar á xente para captar a súa sensibilidade e  tentar solucionar os problemas con propostas que sexan entendidas e necesitadas  por eles. Fuxir da proposta romántica e utópica.

Terceira: é un erro facer escarnio permanente de asuntos que a día de hoxe son entendidos como cuestións que están enraizadas na sociedade case como normais, sobre todo nas franxas de idade onde ten o caladeiro máis importantes de votos a dereita. Neste caso, por moi sanguiñento que sexa o  asunto de traballo por relacións de todo tipo, e mesmo a corrupción a un sector da sociedade impórtalle un pito.

Catro: nestas eleccións volveu a pórse en evidencia a chamada teoría dos vasos comunicantes, que ven a ser que, cando se desinfla o PSOE os votos trasvásanse a outras forzas de esquerda ou ó nacionalismo, polo que  dificilmente se vencerá ós populares si non se lle entra na bolsa dos seus votantes. Polo que, mentres a alternativa non sexa capaz de minorar  o  apoio electoral do PP, será moi difícil que iste perda o poder.

En fin, gañou Feijoo amparándose na imaxe de bo xestor e obviando as siglas da súa formación,  pero apoiándose   na estrutura partidaria dun PP moi forte. E fíxoo con tanta rotundidade que entramos nunha época na que moito terá que mudar na oposición para  ser alternativa de goberno.

Con todo o acontecido, aviso para desnortados, os graves problemas de Galiza, os datos estadísticos nela e máis en concreto  provincia de Ourense, non mellorarán nada, e se non ó tempo. Seguiremos sendo os primeiros en aportar votos porcentualmente ós conservadores e os últimos en todos os índices que marcan o benestar como sociedade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com