A CORUÑA | 21/12/2016 | Actualizada ás 20:11 por EUROPA PRESS
O Xulgado do Contencioso-Administrativo número dous da Coruña fallou a favor do Consorcio das Mariñas tras o recurso de lesividade interposto por este sobre as resolucións de pagamento á UTE Albada, que xestiona a planta de Nostián, correspondentes aos meses de novembro e decembro de 2011 e ao ano 2012 completo.
Froito desta sentenza, Albada terá que devolver ao Consorcio "a cifra de 564.393,91 euros, correspondentes á xestión dos rexeitamentos de lixo que nese período non asumiu", explica este ente que integra a municipios da área coruñesa.
O conflito entre o Consorcio As Mariñas e Albada comezou en 2011, "cando a empresa pretendía impoñer un sobrecoste pola xestión dos rexeitamentos, malia que o servizo xa ía incluído no contrato. O Consorcio non aceptou a decisión e, en outubro deste ano, Albada decidiu non asumir os rexeitamentos, "obrigando o ente supramunicipal a levalos a outro vertedoiro".
"Malia isto, a UTE seguiu facturando o servizo completo, incluíndo a xestión de rexeitamentos que non acometían", engade o Consorcio, e concreta que aboou 2.615.746,55 euros a Albada polos servizos entre xaneiro e outubro de 2012 e 1.120.436,34 euros polos servizos de novembro e decembro de 2011 e 2012.
Do contido da sentenza, destaca que o xuíz considera acreditado que foi "unha decisión unilateral da demandada a que motivou a xestión dos rexeitamentos por unha terceira mercantil".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.