SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2017 | Actualizada ás 14:30 por EUROPA PRESS
O voceiro do PSdeG no Parlamento galego, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou ao Goberno galego que modifique a composición do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica para dotalo de "pluralidade", xa que a súa actual estrutura fai que sexa un "instrumento da Xunta" e non "da Comunidade Autónoma".
Nunha comparecencia ante os medios celebrada este luns en Santiago, Leiceaga saíu ao paso do convite a "unirse" a este órgano lanzado no último Pleno na Cámara galega polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Non obstante, o socialista alertou de que o seu partido non participará no Observatorio Galego de Dinamización Demográfica se a Xunta "non organiza" este organismo de forma diferente e o dota de "autonomía" e "pluralidade".
Así, Leiceaga presentou unha proposición non de lei que será debatida no próximo Pleno do Parlamento galego --que terá lugar en tres semanas-- na que piden unha reformulación do Observatorio para que este teña "o respaldo plural suficiente".
REFORMULACIÓN DA SÚA ESTRUTURA
En relación a iso, recordou que a creación deste órgano foi "meses antes das eleccións" cun fin "electoralista" e que a súa composición actual non establece que teña que haber "ningún tipo de representación parlamentaria".
Deste modo, os socialistas cren que o organismo debe "adscribirse ao Consello Económico e Social de Galicia" e que, para iso, ten que dotarse esta entidade do presuposto "necesario" para que poida asumir "financeiramente" ao Observatorio.
Ademais, defenden que o presidente do Observatorio ten que ser elixido "entre aqueles que non representen nin á Xunta, nin á Administración Central ou á Fegamp, nin aos grupos parlamentarios.
Así as cousas, os socialistas propoñen que este organismo estea composto por catro persoas en representación da Xunta, unha do consello Galego de Relacións Laborais, unha do Instituto Galego de Estatística (IGE), unha da Delegación do Goberno en Galicia, outra da Fegamp, unha por cada universidade galega, representantes da CEG e os sindicatos "máis representativos", unha persoa por cada grupo parlamentario e dous expertos "de recoñecido prestixio no campo da demografía".
DATOS DEMOGRÁFICOS
Para Leiceaga, Feijóo resístese a recoñecer a realidade" da regresión demográfica que vive Galicia, ao tempo que recordou o presidente galego que "os datos van a peor" dende que está á fronte da Xunta.
Tras isto, mostrou a súa disposición a "colaborar" para desenvolver unha "política consensuada" que poña freo á "preocupante" perda de habitantes de Galicia. "A pelota está no tellado da Xunta e de Feijóo", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.