SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2017 | Actualizada ás 08:53 por EUROPA PRESS
O escritor monfortino e artista visual Antón Patiño presentará este mércores 1 de febreiro en Madrid o seu libro 'Todas as pantallas acendidas. Cara a unha resistencia creativa da mirada'.
En concreto, farao ás 19,00 horas na Libraría Antonio Machado, no Círculo de Bellas Artes da capital española, onde estará acompañado por Fernando Castro e Javier Jiménez, os que participarán na presentación.
Segundo indica a organización do evento, o pintor e ensaísta Antón Patiño proponse neste libro unha análise crítica do noso ámbito visual, que desvela os mecanismos perceptivos de dominación.
"A hexemonía óptica da imaxe-poder segrega unha arañeira hipnótica", precisaron, en relación á obra, dende a organización do evento. E é que todas as pantallas, engadiron, permanecen acendidas, reclamando "día e noite" a nosa atención.
A única saída a este feito, explícase na obra, é a experiencia creativa, a dimensión poética e a liberdade da mirada, que serven de "antídoto" a un "totalitarismo do espectáculo narcisista", convertido en "eixe dunha autoalienación colectiva sen precedentes".
A deconstrucción óptica, a vertixe visual e a aceleración histórica expresan o alcance dos novos códigos de representación, caracterizados, segundo se relata na obra, pola simultaneidade perceptiva.
Expresando un novo ámbito da mirada e usos da imaxe nese contexto, Patiño analiza aspectos críticos vinculados á imaxe como "mediación instrumental", así como as posibilidades que nos ofrece a arte para "ampliar a percepción", do mero entretemento a desenvolver a nosa sensibilidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.