Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/02/2017 | Actualizada ás 08:00
A Xunta de Galicia comeza o ano como acabou o anterior, organizando o reparto de cartos públicos entre os grandes medios de comunicación. Desta volta, son dous novos concursos para axudicar a publicidade institucional, impulsados pola Secretaría Xeral de Medios. O seu obxectivo é programar distintas campañas propandísticas no 2017 e 2018.
Así, no Acordo marco para o servizo de elaboración, producción e plan de medios de campañas institucionais da Xunta de Galicia en datas relevantes para a Comunidade Autónoma nos anos 2017 e 2018, a Xunta destina 1.720.000 euros con IVE. No prego de condicións, a Secretaría Xeral de Medios suliña que a empresa adxudicataria terá que elaborar un plan de medios, que inclúa as distintas campañas de comunicación e publicidade a realizar ao longo do período de duración do contrato, así como a elaboración, produción e execución das distintas campañas institucionais no marco do plan de medios, a súa avaliación e análise dos obxectivos acadados.
Entre estas campañas están “dúas principais” no 25 de xullo, Día de Galicia ( no ano 2017) e no 17 de maio, Día das Letras Galegas ( no ano 2018). Tamén outras campañas menores sobre datas sinaladas e de alcance instituicional a definir pola administración.
“Estas campañas teñen carácter estimativo e non vinculante. En consecuencia, non existe a obriga de contratación dun número determinado de campañas nin estás establecido o importe de cada unha delas”, recolle a Xunta no seu prego de condicións.
A Xunta triplica as axudas
Dentro das accións xerais de comunicación, tamén está previsto para os anos 2017-2018 a contratación de distintas campañas de publicidade e comunicación institucional da Xunta nas que se informe dos programas e actuacións públicas de relevancia e interese social e se promova a difusión e coñecemento dos valores e principios propios de Galicia. Tamén que “se difunda a lingua galega, o patrimonio turístico, histórico, natural, gastronómico e industrial de Galicia, así como a actividade económica e os setores produtivos, fomentando o consumo de produtos galegos de calidade, accións todas que, pola súa natureza, podan ser de interese para os cidadáns galegos no seu conxunto”.
Por iso, a Secretaría Xeral de Medios tamén convoca un novo concurso sobre o acordo marco para un servizo de elaboración das creatividades necesarias para o desenvolvemento de distintas campañas de comunicación e institucionais da Xunta de Galicia 2017-2018. En total, 950.000 euros con IVE. Neste caso, o importe deste concurso triplica a cantidade destinada no bienio anterior que foi de pouco máis de 200.000 euros.
“Preténdese cumprir co obxectivo de que dita información poida chegar ao meirande número posible de público – obxectivo (poboación galega), cubrindo as catro provincincias galegas, prestando unha especial atención ao ámbito rural que, pola súas características, ten maiores dificultades para obter información ampla das actuacións da Xunta de Galicia, todo elo co menor custo posible”, recolle o prego de condicións.
En concreto, está prevista a realización de seis creatividades, que se licitarán no seu correspondente contrato derivado, “sobre distintas materias, sectores programas e/ou actuacións públicas, para a súa utilización nas campañas de comunicación da Xunta de Galicia”. Entre estas campañas están a conmemoración das datas sinaladas para Galicia, a promoción dos seus recursois turísticos, naturais, culturais e gastronómicos ou a concienciación e sensibilización sobre a oferta de servizos públicos.
Tamén están a promoción do novo modelo industrial e creación de emprego, a sensibilización e fomento da natalidade e a prevención, concienciación e sensibilización social contra os incendios forestais.
“Esta previsión de creatividades ten carácter estimado e non vinculante. En consecuencia non existe a obriga de contratación dun número determinado nin está concretado o importe e contido de cada unha delas”, recolle o documento. E é que a Xunta fixará en función das súas necesidades e estratexias informativas o montante total e a época do ano na que se realizarán esas campañas.
Case once millóns
O pasado ano, o Goberno Galego repartiu, segundo o cómputo de GC –e sen ter en conta algúns convenios privados ou non publicados debidamente--, case once millóns de euros en accións de propaganda en determinados medios de comunicación. Un diñeiro que se reparte, principalmente, entre os grandes medios galegos.
Curiosamente, a última gran repartición de diñeiro público tivo lugar a un mes escaso das eleccións galegas, cando a Xunta destinou 550.000 euros en sendas campañas da Amtega e de Turismo de Galicia. Sen embargo, a Xunta seguiu repartindo cartos aos medios cun goberno en funcións, logo dos comicios. En total, máis dun millón de euros. O último reparto, 341.000 euros para animar a ter fillos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.